O 5 de marzo celebrouse no instituto un encontro emotivo e dos que non se esquecen. Foi unha homenaxe ás mulleres traballadoras e tivo por protagonistas ao alumnado de primeiro de ESO e catro avoas.
Durante dúas horas o alumnado e profesorado escoitamos falar da vida cunha intensidade conmovedora. Foi unha lección maxistral de como abordar, da maneira máis sinxela, grandes temas complexos como o alcolismo e a súa influenza na familia, a seguridade vial, a necesidade de unirse para cambiar situacións e salvar vidas, a educación e o coñecemento como camiño para ser libres, na escola e mais tamén ao longo de toda a vida. Caer e volver a levantarse, sempre, outra vez.
Ao día seguinte fíxose a valoración. Unha alumna dixo: “Cando rematou o acto eu o que tiña era moitas ganas de abrazalas”. Mirei a reacción do grupo. Na atmosfera estaba un mesmo sentimento. A clase asentía de xeito unánime.
Grazas infindas avoas: Jeanne Picard, Josefa Fernández Costas, Manuela Fernández Leis e Aurora Roel Muñiz.
Manuela e Aurora estiveron representadas polos seus netos Iago Ruibal Lago e Daniel Sánchez Mosquera de 4ª de ESO. Oradores capaces de transmitir os seus sentimentos, amenos e simpáticos que fixeron da dura vida das súas avoas un conto cheo de humor.
A vós, Iago e Daniel, tamén moitas grazas.