Arquivo da categoría: Curso Actual

Axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar

No caso do noso instituto, ao ser un centro E-Dixgal, unicamente se poden solicitar as axudas para material escolar.
A solicitude das axudas farase preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (Código de procedemento ED330B) dispoñible na aplicación Fondolibros (https://www.edu.xunta.gal/fondolibros/PaxinaInicio.action) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente poderá facerse nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
O día 12 de xullo publicarase a listaxe provisional das axudas concedidas, abríndose un prazo de dous días de reclamación. A listaxe definitiva farase pública o 26 de xullo.

 

Saída do alumnado de 4º da ESO

O noso alumnado de 4º  da ESO viaxou a Ourense para seguir os pasos dos protagonistas da Esmorga de Blanco Amor, con eles e a súa imaxinación, reviviron a Auria de primeiros do século XX.
Aproveitando a viaxe coñeceron as termas de Outariz e visitaron a Fundación Otero Pedrayo onde nos brindaron unha marabillosa acollida.

O pase de diapositivas require JavaScript.

PARTICIPACIÓN NA XVI XORNADA DE CLUBS DE LECTURA

O pasado 14 de maio o noso centro participou na XVI Xornada de Clubs de Lectura, organizada por Bibliotecas Escolares de Galicia, cunha representante de excepción, a profesora Eli Ríos, que presentou a súa experiencia á fronte, por segundo ano consecutivo, do club de lectura adicado á banda deseñada e ao manga que ten moita popularidade entre o alumnado e é un viveiro de aprendizaxes e lecturas compartidas. Asemade, este curso Eli Ríos é a coordinadora do club de lectura do instituto, “O Faiado de Balbino”, que naceu o curso pasado e que, grazas ao bo quefacer do equipo de biblioteca e do profesorado que puxo en marcha diferentes grupos de lectura temáticos, continúa a súa singradura con gran éxito.

O alumnado do Neira Vilas, entrevistado en Praza.gal

No Día das Letras Galegas o xornal Praza.gal publicou unha reportaxe sobre os numerosos proxectos e iniciativas que o noso alumnado desenvolveu este curso para recuperar, divulgar e aprender sobre a figura de Luísa Villalta, a autora homenaxeada este ano, que foi profesora tamén no Neira Vilas. A reportaxe completa pode lerse no seguinte enlace: https://praza.gal/cultura/as-letras-de-villalta-nas-aulas-de-luisa-gustame-que-non-estea-calada-que-diga-o-que-pensa
Parabéns ao alumnado polo seu brillante traballo e ao profesorado do Departamento de Lingua Galega, que ideou e coordinou a iniciativa. E grazas á xornalista Ana G. Liste polo interese e agarimo mostrado cara á nosa rapazada.

ACTO DE GRADUACIÓN DA NOVA PROMOCIÓN DE BACHARELATO 2022-2024

O xoves 16 de maio tivo lugar o emotivo acto de graduación da nova promoción de Bacharelato 2022-2024 no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, coa participación de todos os membros da nosa comunidade educativa e coa presenza do Alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e da Concelleira de Cultura, Normalización lingüística, Ensino e Xuventude, María José Santos Zas. Moitos parabéns e moita sorte aos/ás nosos/as novos/as bachareis nesta nova etapa apaixoante que comeza nas súas vidas!

O pase de diapositivas require JavaScript.

CALENDARIO FINAL DE 2º BACHARELATO: PRAZOS DE REVISIÓN E RECLAMACIÓN

Publícase o calendario final de 2º Bacharelato, no que se recollen as datas de avaliación, entrega de boletíns, revisión das notas no centro e reclamación ante a Xefatura territorial, tanto para a convocatoria ordinaria como para a extraordinaria.

Os prazos de revisión no centro e de reclamación ante a Xefatura territorial seguen os publicados na Instrución 10/2023 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se establecen para o curso 2023/24 os prazos e o procedemento para as reclamacións das cualificacións finais no segundo curso de bacharelato ou da decisión de titulación nesta etapa educativa, que se poden consultar na web do centro, no apartado “Destacados”.

Actividades varias na primeira quincena de maio

Obradoiros de educación afectivo-sexual, ofrecidos polo Servizo Municipal de Educación e Xuventude e solicitados polo Departamento de Orientación para os cursos de 1º a 4º ESO. Aquí temos ao alumnado de 4º ESO B e PDC atendendo ás explicacións da formadora Silvia Varela.

Concerto dos maios: o  pasado venres, 10 de maio, o noso alumnado de 2º e 3º ESO tivo o pracer de escoitar en directo a música do grupo A Trabe d’ouro e aprender algo sobre o costume de facer os maios chegado este tempo. O concerto tivo lugar no Auditorio da Fábrica, en Perillo, e foi organizado polo Departamento de Música coa colaboración do Concello de Oleiros.