Arquivo da categoría: Departamento de Lingua Galega

OBRADOIRO “MEIGALLO GRÁFICO” EN RIALEDA

O pase de diapositivas require JavaScript.

Os días 3 e 4 de marzo o alumnado de 1º e 2º ESO asistiu ao obradoiro “Meigallo gráfico”, impartido polo ilustrador Miguel Cuba. Grazas ao seu labor e ao das Bibliotecas de Oleiros, puidemos viaxar a terras de Xapón, Dinamarca e lugares impronuncialbes para descubrir que compartimos unha riquísima mitoloxía! As nosas cabeciñas enchéronse de lamias, tardos e gatipedros para animar a nosa imaxinación. Aquí vos deixamos algunha das criaturas mitolóxicas que creamos!

VISITA Á BIBLIOTECA RIALEDA

Entre o 19 e o 27 de febreiro o alumnado de 2º e 4º ESO visitou a Biblioteca Rialeda e asistiu á actuación de Feirantes, coa excelente dramatización de Ramiro Neira. Esta actividade desenvolveuse no marco do Programa de actividades educativas do Sistema de Bibliotecas públicas municipais do Concello de Oleiros. Moitas grazas ao persoal de Rialeda pola súa acollida!

MANUEL NÚÑEZ SINGALA E A OPORTUNIDADE DA LINGUA GALEGA

O mércores 21 de xaneiro o alumnado de 4º ESO tivo o pracer de asistir á charla “A lingua galega: unha oportunidade”, impartida polo escritor e director do Servizo de Normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela Manuel Núñez Singala e organizada polo Servizo de Normalización lingüística do Concello de Oleiros en colaboración co Equipo de Dinamización da lingua galega do noso instituto. A través das súas amenas verbas, cheas de historias, sorpresas e xiros inesperados, Manuel fíxonos reflexionar sobre a situación da lingua galega, sobre o que nos condiciona como falantes e sobre a oportunidade e riqueza que supón o noso patrimonio lingüístico e cultural.

Celebración “Ano Castelao”

O 7 de xaneiro de 1950 falecía en Buenos Aires Castelao. “Enterraron un home e nacía un mito”, expresou o presidente da fundación que leva o nome do intelectual rianxeiro, Miguel Anxo Seixas. Co gallo dos 75 anos do seu pasamento, a rapazada voluntaria de 2º ESO, xunto ás docentes Daniela e Melisa realizaron unha lectura da obra Un ollo de vidro. Memoria dun esquelete, na biblioteca do IES
Grazas por participar e facelo tan ben!

Celebración do día das letras galegas 2025

O pase de diapositivas require JavaScript.

O alumnado de terceiro da ESO puxo o ramo a esta celebración do Día das Letras Galegas cunha xornada de xogos populares e cunha actuación das Cantaneiras.

Así, na pista leváronse a cabo unha serie de retos cos que nos divertimos ben, mentres que na parte superior se desenvolvía o concurso de recitado. Nin que dicir ten que estivo do máis axustado e que o xurado o tivo moi complicado, pero, ao final, fixéronse co trunfo Alex García e Martín Borrazás de 3º ESO C

Pechamos o Día das Letras Galegas cunha marabillosa recolla e interpretación das Cantaneiras que se nos fixo super breve e quedamos con ganas de máis!

Visita de María Reimóndez

O pase de diapositivas require JavaScript.

O libro de lectura, Furia encantounos e estabamos a desexar que a autora viñese ao centro para poder preguntarlle moitas curiosidades. Este martes puidemos coñecela e levamos unha gran sorpresa! O alumnado de terceiro argallara unha presentación con María Reimóndez e incluso unha mostra, en vivo e en directo, da novela!
O encontro coa autora foi moi divertido e aprendemos moitas cousas que levamos con nós ben aconchegadas como a empatía, poñernos na pel da outra persoa ou a importancia de encontrar o deporte que nos faga sentir máis felices como lle aconteceu a Cecilia co boxeo.
Ademais, asinounos os libros e puidemos levar un recordo moi especial.

Letras Galegas 2025 coa A.F. Aturuxo

O pase de diapositivas require JavaScript.

O día 15 comezou a celebración das Letras Galegas no IES Neira Vilas. E non podía haber mellor maneira de empezar que saíndo ao torreiro coa Agrupación Folklórica Aturuxo!

Os grupos de terceiro da ESO asistiron, na Fábrica, a unha xornada ben especial con aquelas persoas que forman parte de Aturuxo. Desde a emoción de quen acompañou as Pandereteiras de Mens polo mundo e desde o espazo do querer pola nosa tradición oral de cantadoras e tocadoras, coñecemos un chisquiño máis a historia das mulleres que nos transmitiron un tesouro. Pero non só! Tamén puxemos en práctica o aprendido e subimos ao palco para sacar punto e ata houbo quen se animou a facer soar as ferreñas!

Grazas ben sentidas por esta oportunidade de gozar cos maneos e as muiñeiras, A.F. Aturuxo! Foi unha xornada chea de ledicia e emoción!