Arquivo da categoría: Departamento de Lingua Galega

Semana das Letras 2020

Este ano, a Semana das Letras terá que ser #NaCasa. Mais, desde alí, o alumnado non deixa de traballar, en colaboración coa profesora Patricia Varela. En 2020 homenaxeamos a Ricardo Carvalho Calero.

D. Ricardo é un autor de extremada importancia nas nosas letras, que serviu de inspiración e de rosa dos ventos para tod@s aqueles que nos dedicamos neste momento a transmitir o amor pola lingua e a nosa literatura. Sen el, o panorama das letras galegas non sería tan interesante nin tan amplo como é.

A súa poesía, gran descoñecida moveu parte das nosas actividades, pasade e escoitade os seus poemas musicados ou os videopoemas realizados polas nosas alumnas.

Malia a que o COVID fixo que a Real Academia Galega trasladase ao mes de outubro a celebración na honra de D. Ricardo Carvalho Calero, o alumnado de 3º ESO do IES Neira Vilas quixo renderlle homenaxe con varias actividades lúdicoinformativas realizadas durante a corentena.

Poesía curativa

O alumnado de 3º ESO, coa profesora Patricia Varela, elaborou unha serie de poesías curativas contra o confinamento. Invitámosvos a descubrilas nesta ligazón ISSUU.

Visita a Compostela

O alumnado de 3º ESO e 1º Bacharelato visitou o 3 de marzo de 2020 a cidade de Compostela para realizar varias actividades.

Por unha banda, o alumnado de 3º ESO realizou un roteiro pola cidade, deténdose en lugares significativos -nos que o propio alumnado actuou de cicerone. Tamén visitaron a exposición que inaugura o #Xacobeo21, “Galicia, un relato no mundo”, na Cidade da Cultura -a esta actividade tamén acudíu o alumnado de 1º Bacharelato.

O alumnado de Bacharelato visitou ademáis o restaurado Pórtico da Gloria. Finalmente, unha semana e un día despois da conmemoración do “Día de Rosalía”, todo o alumnado se rendeu no Panteón de Galegos Ilustres para honrar á nosa excelsa poetisa.

En suma, foi un día de experiencias e aprendizaxes intensas.

Teatro en Mera

Boa parte do alumnado de ESO e Bacharelato do noso IES asistiu á representación dunha obra baseada no texto Made in Galiza, de Sechu Sende (no auditorio García Márquez de Mera, en colaboración co concello de Oleiros). O alumnado recibiu de agasallo cadanseu exemplar de dito libro.

Os Quinquilláns adaptaron o libro e fixéronnos reflexionar sobre actitudes e prexuízos lingüísticos que vemos a diario.

Semana Neira Vilas

Ao longo da semana final de novembro de 2019 tivo lugar a “Semana Neira Vilas 2019” no centro educativo, coa colaboración de diversos departamentos e alumnado nos actos programados para conmemorar a figura do escritor que dá nome a este IES.

O alumnado leu fragmentos de obras do autor -actividade patrocinada desde a Biblioteca Escolar; diseñou paisaxes “diferentes” para un fondo de neno labrego -actividade promovida polo departamento de Educación Plástica; lembrou ao autor e interpretou o poema “Ai, amor”, una vez máis -nunha colaboración do EDNL e o departamento de Música; chiou en @semaneira; escoitou a Xosé María Dobarro; cantou,…

  • Velaquí algúns intres desta semana conmemorativa.