Arquivo da categoría: Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Semana Neira Vilas

O mes de novembro é ben significativo para Xosé Neira Vilas. Por este motivo, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, en colaboración con diferentes departamentos, organizaranse actividades na honra do escritor que dá nome ao noso centro. Ademais dun panel homenaxe onde cada membro da comunidade educativa poderá deixar unhas palabras na súa memoria, convócase un concurso-exposición de retratos en colaboración co Departamento de Plástica e Educación Audiovisual, baixo o nome “O teu Balbino do século XXI”. Así mesmo, o venres 25 todos os compoñentes do centro xuntaranse nun acto homenaxe onde participarán tamén Xosé Martínez Romero, psicólogo clínico e amigo persoal de Neira Vilas en Bos Aires, e o escritor e profesor ata o curso pasado no IESP, Xosé Carballude. A continuación, Xosé Martínez Romero e Xosé Carballude terán unha charla co alumnado onde partillarán as súas vivencias xunto a Neira Vilas e onde se presentará unha entrevista que Xosé Carballude lle realizou ao escritor hai uns anos.

Mini e Mero cantan no IESP Xosé Neira Vilas

Mini e Mero
Mini e Mero

O dia 20 de xuño, os músicos Mini e Mero darán un concerto para o alumnado e profesorado. Interpretarán poemas de autores galegos como Manuel María e Xosé Neira Vilas. O concerto quere homenaxear a Manuel María, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas este ano, e tamén para festexar o fin de curso.

O Carro de Manuel María.

 

Día das Letras Galegas 2016

ManuelMariaO pasado 17 de maio, como é sabido por todos, foi o Día das Letras Galegas que este ano se lle dedicou a Manuel María. O alumnado rendiulle homenaxe ao poeta chairego de diferentes xeitos. Algunhas aulas fixeron poemas colectivos a partir de palabras extraídas da súa obra empregando unha técnica vangardista. A explicación do experimento e os poemas resultantes, ben orixinais, pódense consultar en “O faiado de Balbino” que é o blog na Biblioteca: http://iesneiravilas.org/biblioteca/.

Por outra banda, o alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato asistiron o 24 de maio a unha charla sobre o autor impartida por Mercedes Queixas, autora da súa biografía Poeta con algo de labrego (Galaxia, 2016) no Teatro As Torres de Santa Cruz. Algúns deles presentáronse voluntarios para ler poemas de Manuel María.

Os alumnos de 1º de ESO entrevistan ao seu profesor Xosé Carballude

homenaxeCarballude_abril_2016_03No salón de actos do instituto, o luns 18 de abril pola tarde, os alumnos de 1º da ESO fixéronlle unha entrevista ao profesor Xosé Carballude autor, entre outros, do libro Miña avoa ten 13 anos, libro lido anteriormente nas clases.
En primeiro lugar a representante de 1º C presentou o escritor e a continuación, ela e outros dous compañeiros, representantes de 1º A e 1º B, fixéronlle as preguntas preparadas nas clases.
Por último, despois de dar resposta a cada unha delas, convidou ao público a seguir preguntando. O acto rematou co agradecemento do profesor e o aplauso do alumnado.

homenaxeCarballude_abril_2016_02

 

 

 

homenaxeCarballude_abril_2016_01

Entroido 2016

Entroido_1Premiados
Premiados no concurso de disfraces

Promovido polo Departamento de Dinamización Lingüística tiveron lugar, do 1 ao 5 de febreiro, diversas actividades relativas a esta festa tradicional.

Cada día da semana houbo unha proposta de disfraz e o venres celebrouse un concurso de postres e outro de disfraces acompañados de desfile e testamentos do Entroido.

Premios os mellores disfraces
1º Premio ao mellor disfraz individual:
  • Francisco Rodríguez Bedoya (3º de ESO) por “Torrente”.
2º Premio ao mellor disfraz individual:
  • Benjamín Coira Vázquez por “Señorita de compañía” (2º de ESO).
1º Premio ao mellor disfraz colectivo:
  • Breogán Fernández Moreira, José Vázquez Longueira e Guillermo Huelin García  (3º de ESO)  por “En un lugar de la Mancha”.
Premios aos mellores postres:
  • 1º Premio: Emy-Joy Hernández Direito (1º de ESO).
  • 2º Premio: Marta Martínez Novo (4º de ESO).

Concurso de conxuros

ConcursoConxuros_nov_2015O pasado 18 de decembro entregáronse os premios aos autores dos textos que gañaron o concurso de conxuros: Noela Mato López (ESO 1A) e Javier Moya Sánchez (ESO 1B) así como á gañadora do concurso de cabazas,Clara Graña Castro (ESO 1B). Os certames foron organizados polo Equipo de Dinamización da Lingua galega co gallo do Samaín. Pódense consultar os conxuros no blogue da Biblioteca do IESP: “O faiado de Balbino”.

Descubrindo Oleiros

A alumna Andressa Fernández Amador de 1º A recibiu un dos accésit do premio literario “Descubrindo Oleiros” que convoca o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros, na categoría do primeiro ciclo da ESO. Andressa presentouse ao certame, no que participou alumnado de todos os centros educativos do concello, co relato “Detrás dun andel”. Recolleu o premio, xunto aos outros gañadores, o 22 de decembro no Auditorio da Fábrica. Parabéns, Andressa!

Lembraza de Neira Vilas

En lembranza de Neira Vilas, Pepe Carballude, escritor e profesor deste instituto leu, no acto de homenaxe a Neira Vilas o seguinte texto dedicado ao seu compañeiro de letras e, sobre todo, ao amigo:

” Hai hoxe mesmo unha semana comunicáronme a morte de Xosé Neira Vilas, Pepe Neira como lle chamabamos os amigos. Sorprendeume a nova certamente. ¿Quen non se sorprende ante a chegada da morte? Dicían os clásicos que vén silandeira e que golpea con igual pé os palacios dos reis que as choupanas dos pobres. A morte iguálanos a todos. Sabía que tiña os seus anos, que estaba delicado, que superara un ingreso hospitalario a finais do curso pasado, pero… ¿Como ía morrer Neira Vilas? Parecíame eterno. ¿E non o será? Dicía o poeta latino Ovidio que o escritor non morre de todo. Tan só desaparece fisicamente, pero renace cada día nas mans dos lectores.
Durante o verán estivemos xuntos na feira do libro coruñesa. Chamoume e acudín á cita, coma facía cada ano. Sempre tiña libro novo que presentar. Neste caso foron dous. Fixemos unhas fotos, as derradeiras e, sen sabelo, despedímonos para sempre.
Pero, ¿quen é Neira Vilas? Para moitos dos aquí presentes é o personaxe que dá nome ó noso instituto. Para outros, un grandísimo escritor galego, autor do libro máis lido da nosa literatura, dignificador dun idioma e dunha clase social, a dos pobres e dos caseiros. Para outros, un académico de número da Real Academia Galega. Para outros, un home importante, doutor honoris causa por varias universidades de todo o mundo.
Para min un AMIGO.
Fóiseme un amigo.
Coñecino en 1976 e amigamos de por vida. Os dous vimos da aldea. Os dous somos fillos de labradores, pobres e con familia numerosa. Os dous caneamos a eito carreiros e congostras. Os dous arrincamos esterco e gradamos as veigas; esbrugamos o millo e apañamos a herba seca; os dous mallamos o centeo e gadañamos o alcacén; fixemos chingas coas asas dos caldeiros e tirapedras cos neumáticos das rodas; os dous choramos a morte dun can fiel, compañeiro de trafegos e cómplice de inconfesables falcatrúas; os dous quecemos as canelas entaladas á beira do lume; os dous comemos broa resesa a diario e pantrigo os días de festa. En fin, os dous compartimos un xeito de vivir e un modo de ser. Os dous presumimos de ser da aldea. El dicía que tiña media alma aquí e a outra media en Cuba, a súa segunda patria.
Nun acto coma este non hai tempo para abordar as múltiples caras da personalidade de Pepe Neira Vilas. Destacarei sobre todo a de traballador incansable, sempre atento a axudar ós demais. A calquera hora do día ou da noite chamaba para consultar algunha cousa que pensaba que eu podía saber ou para pedir opinión. Outras veces chamaba simplemente para falar, polo pracer de parrafear unha miga. Sempre tiña na mente algún proxecto novo: unha historia, un poema, unha crónica de algo… Quería ser o notario da emigración, contar o que só el sabía por telo vivido, para que o aprendésemos os demais. “Imos morrendo os vellos e despois…”, adoitaba dicir el e tamén Díaz Pardo, que era da mesma opinión.
Sentía unha querenza especial por Oleiros. Seino. Estáballe moi agradecido, ó seu alcalde e a toda veciñanza. Citábanos como modelo de democracia participativa. Díxomo moitas veces. Non esqueceu nunca que foi o noso concello quen primeiro lle dedicou unha rúa e un centro de ensino, o noso instituto, e quen sintonizou cos ideais políticos tan de seu.
Morreu pensando vir aquí, a este instituto, no próximo mes de febreiro. As derradeiras palabras que mantiven con el, o pasado 30 de novembro, a mesma semana da súa morte, foron para confirmalo. E tamén para preguntar se chegaran as dúas últimas publicacións súas para a vitrina que temos á entrada da sala de profesores. ¡A vitrina! ¡A súa querida vitrina! Quería que estivesen reunidas nela todas as súas obras, nos distintos idiomas e edicións. Cada libro novo que saía, un exemplar para a vitrina do Instituto de Perillo. Non fallaba. Chamaba por teléfono para asegurarse ou escribíame, á man ou á máquina, sempre en papeliños recortados. Coma o desta carta que vou ler de seguido. ”
Pepe Carballude, 4 de decembro de 2015.

Eu son Neira Vilas

O día 3 de novembro o escritor Xosé Neira Vilas festexaba o seu aniversario. Desde o IESP enviouse un vídeo-agasallo no que o profesorado, alumnado e persoal do centro asumía a personalidade do escritor partindo da célebre frase coa que comeza “Memorias dun neno labrego”. O que ía ser un agasallo converteuse o día 27 nunha homenaxe a súa vida e obra.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega colgou na súa web o video elaborado pola comunidade educativa do centro e xa o puxo en facebook.

Homenaxe a Neira Vilas

A nosa Comunidade Educativa celebrou un acto de lembranza e homenaxe a Xosé Neira Vilas o día 4 de decembro.

Interviu en primeiro lugar o director para salientar a honra de levar o seu nome e lembrar o agarimo que el sempre sentiu polo noso centro. Falou a continuación Xosé Carballude, como profesor e amigo que foi do egrexio escritor, para dar paso a continuación a unha ampla representación de nosa colectividade (alumnado, persoal non docente e familias) que leron diversos textos nas diversas linguas de orixe de todos eles. Interviu a continuación a Concelleira de Cultura e Normalización Lingüística de Oleiros e pechouse o acto con dúas actuacións musicais.