Neil Armstrong é retratado polo cineasta Damien Chazelle na súa esfera privada e profesional en “First Man”, un filme que tenta contarnos minuciosamente a “década bisagra” do enxeñeiro que pisou por primeira vez o noso satélite -á par que radiografía as dificultades no camiño cara ao obxectivo final. O alumnado de 4º ESO e 1°de Bacharelato tivo ocasión de acudir a unha proxección no cine este 22 de outubro de 2018, a menos dun ano da efeméride da primeira alunizaxe.
Co gallo do centenario do alzamento de Pascua en Irlanda, un grupo moi numeroso de profesorado e alumnado do centro educativo acometeu un proxecto de biblioteca interdisciplinar que achegase ao alumnado o coñecemento da cultura irlandesa nos seus máis variados aspectos (botánica, mitoloxía, literatura, ciencia e curiosidades varias), adobado cunhas pingas de música irlandesa que culminaron coa interpretación de “Zombie”, de Cranberries. O teatro, a realización videográfica, a exposición oral, o monólogo, a interpretación musical e a declamación poética -mesmo en lingua de signos- foron métodos de achega a un espectáculo que cobrou vida grazas a unha moi significativa participación colectiva.
Unha vez máis, agradecemos a implicación do alumnado e profesorado neste proxecto.
Por segundo curso consecutivo ponse en marcha no noso centro esta actividade coa que se pretende ampliar o interese pola lectura na nosa comunidade educativa con vinte minutos de lectura cada día nos que cada un poderá ler o libro que máis lle interese.
A hora seguirá sendo rotatoria por semanas entre as seis sesións de cada xornada cun calendario preestablecido. A lectura é individual e silenciosa no espazo que corresponda e co profesor que imparta clase nesa sesión. Cada alumno e alumna da ESO deberá ter consigo un libro para ler nese momento e se non dispón del seralle asignado polo profesor que esté a cargo do grupo nese intre.
Dadas as boas valoracións recibidas por esta experiencia o curso pasado e a alta implicación de toda a comunidade educativa na mesma, confíase en conseguir que a lectura pase a ser un dos eixos fundamentais da nosa actividade.
Instituto de Ensino Secundario Plurilingue Xosé Neira Vilas. Perillo (Oleiros)