Todolos artigos de: direccion

HUMANO

logo_humano_presentacionVen sendo tradición que o último día do primeiro trimestre se convirta nunha exaltación do #OrgulloNeira, coa colaboración sempre magnífica entre alumnado e profesorado para dar saída aos produtos finais dos proxectos interdisciplinares de cada ano.

O 21 de decembro de 2016, unha programación multidisciplinar que contou coa colaboración da totalidade de departamentos do IES Plurilingüe Neira Vilas puxo en marcha unha xeira que incluíu:

1) a xincana #NeiraNunDía (coa realización de actividades diversas, coordinadas polo alumnado de 1º Bacharelato e 3º ESO, incluíndo probas lingüísticas, matemáticas, físico-químicas, deportivas, artísticas, xeográfico-históricas, de baile e científicas -coa especial elaboración de cocktails sen alcohol-);

2) o concurso #NeiraMannequin, no que participaron todos os grupos de ensino secundario obrigatorio, e finalmente gañado polo alumnado de 1º ESO da materia “Investigación e tratamento da información”;

3) o espectáculo #Humano, no que a participación do alumnado foi ben variada e diversa, con presentacións sobre o ser humano explorador, as teorías da poboación [texto], a evolución humana, os dereitos humanos, as diversas teatralizacións sobre a torre de Babel e o especificamente humano, a leitura de poemas en linguas estranxeiras. Para finalizar o espectáculo, a música tomou corpo con interpretacións do recente premio Nobel de Literatura Bob Dylan (“Blowin’ in the wind” e “Don’t think twice,…”), o rap -que volve con forza a este centro despois de anos de espera-, e unha panxoliña de Nadal que xa se está a converter nun clásico no noso centro educativo: “Nadal de Luintra”. Consultade a presentación do acto e ollade o video introdutorio.

Agradecemos a colaboración de toda a comunidade escolar neste día no que todos contribuímos a realizar unha obra tan coral. Non será a última, de seguro, mais agora convén felicitarnos pola extensísima participación deste ano. “Traballar en equipo divide o traballo e multiplica os resultados”. Grazas.

1ª promoción de Bachibac do IESP Xosé Neira Vilas

promocion_1_bachibacA primeira promoción de alumnado de Bachibac do noso centro (e tamén a 1ª de Galicia) superou na súa totalidade a Proba Externa do Bachibac.

No nome de toda a comunidade educativa dámoslle a nosas máis sinceras felicitacións e desexámoslles moita sorte e moitos éxitos na nova etapa que comezan.

Alumnado BACHIBAC da 1ª Promoción 2014-2016:

  • Celia Álvarez
  • Paula Álvarez
  • Alberto Basante
  • Ana Canle
  • Luís García
  • Hugo Martínez
  • Mencia Resch
  • Juan Tejedor
  • Iris Vidal
  • Miguel Yañez

Curso Internacional en Prácticas Restaurativas

Prácticas Restaurativas
Prácticas Restaurativas

Os pasados 6 e 7 de maio de 2016  celebrouse no noso IESP o  Segundo Obradoiro de Prácticas Restaurativas no entorno escolar. Foi ponente do mesmo Jean Schmitz, formador do International Institute for Restorative Practices. Asistiron un total de 17 participantes que puideron actualizar a súa formación nesta interesante metodoloxía ou mesmo acercarse por primeira vez a ela.
O obradoiro tivo un enfoque eminentemente práctico cara a que os asistentes puideran adestrarse na aplicación de diferentes técnicas restaurativas.
As Prácticas Restaurativas proporcionan un enfoque novo e diferente das estratexias para abordar a conflitividade e a disciplina escolar. Mesmo proporciona ferramentas para crear comunidade no centro educativo, mellorando as relacións persoais e o sentimento de pertenza ao grupo e tamén teñen un alto valor como metodoloxía pedagóxica no traballo de aula.

Viaxe Europea 2016

Bélxica
Bélxica

Máis de 50 alumnas e alunmos da Sección Plurilingüe e de BACHIBAC realizarán a xa tradicional “VIAXE EUROPEA” co ánimo de que coñezan cidades e países da U.E. Este curso está programada a visita a Bélxica e coñeceremos a súa capital Bruxelas, sede oficial das institucións europeas; estarán acompañados de 4 profesores do centro e da Asistente de Linguas Ivana Mickovski . As datas da viaxe son do 13 ao 17 de maio.

Visitarán en Bruxelas o Brupark onde se situa o Atomium construído en 1958 con motivo da Exposición Universal , despois visitarán a Mini-Europe ( visita a través de maquetas dos monumentos máis representativos das diferentes cidades e lugares de Europa), e pola tarde diversión no parque acuático “Océade”. Tamén se fará unha visita ás institucións europeas onde un grupo de alumnos participará nun Xogo de Rol relacionado con temas europeos e outro grupo visitará o Parlementarium.
Outro día farán tamén unha visita á cidade de Bruxas, a “Venecia do norte “ e en barco percorrerán a cidade polos seus canais.

#Pascua

pascua_Co gallo do centenario do alzamento de Pascua en Irlanda, un grupo moi numeroso de profesorado e alumnado do centro educativo acometeu un proxecto de biblioteca interdisciplinar que achegase ao alumnado o coñecemento da cultura irlandesa nos seus máis variados aspectos (botánica, mitoloxía, literatura, ciencia e curiosidades varias), adobado cunhas pingas de música irlandesa que culminaron coa interpretación de “Zombie”, de Cranberries. O teatro, a realización videográfica, a exposición oral, o monólogo, a interpretación musical e a declamación poética -mesmo en lingua de signos- foron métodos de achega a un espectáculo que cobrou vida grazas a unha moi significativa participación colectiva.
Unha vez máis, agradecemos a implicación do alumnado e profesorado neste proxecto.

 

Pascuap

Ver Presentación






Ver texto da de teatro

Visita a Santiago de Compostela

Visita a Santiago Alumnado de Historia da Arte
Visita a Santiago
Alumnado de Historia da Arte

O 10 de marzo, o alumnado de Historia da Arte realizou unha saída a Santiago de Compostela onde visitaron á Catedral, incluíndo os tellados, e viron outros edificios significativos que permiten repasar fundamentalmente o estudado da arte románica e barroca. A xornada foi de día completo co transporte en tren.