Un ano máis os amantes e as amantes da mitoloxía clásica acudiron ás representacións teatrais que tiveron lugar o pasado mércores en Lugo no marco do Festival de Teatro Grecolatino. Risas e bágoas da man das obras Anfitrión e Medea, postas en escena pola compañía teatral coruñesa Noite Bohemia. Do noso centro acudiu o alumnado con materias do departamento de Latín.
Arquivo da categoría: Curso 2023-2024
CHARLA INFORMATIVA SOBRE AS PROBAS ABAU
O martes 5 de marzo o alumnado de 2º de Bacharelato asistiu a unha charla informativa sobre a estrutura e funcionamento das probas ABAU e sobre o procedemento de acceso ao sistema universitario galego. Foi impartida no noso propio centro no marco do programa divulgativo “A Ponte” da Universidade de Santiago de Compostela.
PROBAS DE ACCESO A CICLOS FORMATIVOS DE GRAO MEDIO
CONVOCATORIA DE PROBAS ESPECÍFICAS DE ACCESO AOS ESTUDOS DE GRAO EN CIENCIAS DA ACTIVIDADE FÍSICA E DO DEPORTE DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA (UDC)
Xa está publicada a convocatoria das probas específicas de acceso aos estudos de Grao en Ciencias da actividade física e do deporta da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación física da UDC. Toda a información sobre o procedemento de inscrición, calendario das probas, requisitos, etc. pode consultarse no seguinte enlace: https://inefg.udc.es/index.php/pruebas-especificas-de-acceso/2012-03-10-09-24-14
VIAXE DE INMERSIÓN LINGÜÍSTICA EN VANNES
Do 15 ao 23 de febreiro o alumnado de Bachibac 1 realizou unha estadía de inmersión lingüística no Lycée Saint François-Xavier de Vannes, segundo se contempla no plan de estudos deste programa de dobre titulación Bacharelato-Baccalauréat.
Ao longo destes días, o noso alumnado acudiu regularmente a clases no lycée bretón e viviu coas familias dos seus “correspondants”. Asemade, puido realizar diversas actividades e saídas extraescolares, incluíndo as excursións ao Mont Saint-Michel e a Rennes e a visita guiada polo centro histórico de Vannes, na que tivo mesmo o privilexio de visitar o edificio histórico da casa do concello desta localidade.
Desde o Neira Vilas queremos agradecer á comunidade do Saint François-Xavier e, moi especialmente á profesora Élodie Quidu, así como ao alumnado francés e as súa familias, pola amable acollida e a magnífica oportunidade de inmersión na lingua e na cultura francesas que nos brindaron. Agardámosvos en Perillo ao comezo do curso que vén para completar este intercambio escolar.
O día de Rosalía de Castro
O 23 de febreiro é o día de Rosalía de Castro, a nosa poeta máis universal e figura senlleira do Rexurdimento e da nosa língua. O noso instituto uniouse a esta conmemoración coa elaboración de carteis. Velaquí tedes unha selección deles:
COMEZA A VIAXE DE INMERSIÓN LINGÜÍSTICA EN VANNES
O xoves 15 de febreiro o alumnado de Bachibac 1 comezou a súa viaxe de inmersión lingüística no lycée Saint François-Xavier de Vannes, na Bretaña francesa. Alí convivirán cos seus “correspondants” franceses, asistindo a clases no instituto e participando en numerosas actividades e excursións, ata o venres 23. Bon séjour!
AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE FORMACIÓN EN LINGUAS ESTRANXEIRAS NO ANO 2024
SUBVENCIÓN CONCEDIDA POLO CONCELLO DE OLEIROS
O Concello de Oleiros ao abeiro da Convocatoria para a concesión de subvencións para a promoción da cultura e o deporte para o ano 2023 (Decreto da Alcaldía nº2023002343 de 08/05/2023), mediante resolución de decembro de 2023, acordou conceder á ANPA ARCE DO IES XOSÉ NEIRA VILAS a subvención de 7442 euros para as actividades de : técnicas de estudo, English Club, Taller de xestión emocional, iniciación ao comic e manga, defensa persoal, linguaxe de signos e limpeza de praias.
FELIZ ENTROIDO!
No noso centro demos a benvida ao Entroido por todo o alto o venres 9 de febreiro. A celebración incluíu un obradoiro de elaboración e degustación de filloas e crêpes, unha recreación do tradicional oso de Salcedo, un certame de testamentos de Entroido, os mandamentos do Meco durante toda a semana, diversas actuacións do alumnado e un espectacular baile final do profesorado. Grazas a todos/as pola vosa participación!