Arquivo da categoría: Curso

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE MATERIAL ESCOLAR E LIBROS FINANCIABLES (MODELO HÍBRIDO DE E-DIXGAL)

– Publicación das listaxes provisionais: 14 de xullo.
– Prazo de presentación de reclamacións ás listaxes provisionais: 15 e 16 de xullo.
– Publicación das listaxes definitivas: 21 de xullo.
As listaxes, tanto provisionais como definitivas, serán publicadas no taboleiro do centro e poderán consultarse tamén na aplicación Fondolibros (https://www.edu.xunta.gal/fondolibros/), accedendo con certificado dixital ou Chave 365.
A partir do luns 21 de xullo as familias que resultaran beneficiarias dun cheque para a adquisición de material escolar poderán recollelo no centro. Lémbrase que os cheques só serán entregados á persoa solicitante ou, no seu defecto, á persoa maior de idade que o solicitante autorice por escrito.
Infórmase, asemade, ás familias que resulten beneficiarias da axuda para o financiamento dun ou dous libros de texto das materias establecidas polo centro (modelo híbrido de E-Dixgal) que eses libros serán adquiridos desde o centro e se lle prestarán ao alumnado beneficiario ao comezo do curso que vén. Polo tanto, as familias benficiarias non deberán mercar eses libros de texto (si o resto de libros de texto que haxa no curso correspondente).

SOLICITUDE PRÉSTAMO DE LIBROS 2025-2026

Para todos aqueles interesados en solicitar o préstamo de libros para o vindeiro curso 2025/26 do fondo do ANPA, adxuntamos o formulario de solicitude:

FORMULARIO PRÉSTAMO DE LIBROS 2025-2026

Lembrarvos que para poder ser beneficiarios do préstamo de libros é imprescindible a devolución de todos os manuais prestados no curso anterior e ademáis ser socios do ANPA .

Unha vez máis, agradecemos a vosa colaboración!
GRAZAS!

 

EN HORA BOA, JANA E ANXO!

Do 20 ao 22 de xuño celebrouse en Santiago de Compostela e Porto do Son o Campeonato de España de Selecciones Autonómicas de Orientación en Edad Escolar (CESA), no que os nosos alumnos Anxo Somoza Seoane e Jana Albarrán Oroza obtiveron uns resultados excepcionais: https://fedo.org/web/ultimas-noticias/6322-galicia-se-convierte-en-la-capital-de-la-orientacion-escolar-tras-acoger-el-cesa-2025. Moitos parabéns!
Imaxe tomada do perfil do Concello de Oleiros na rede X.

PARABÉNS AO ALUMNADO DE 2º BACH PREMIADO NO ACTO MEGAU

O pasado venres, 20 de xuño, tivo lugar en Vigo o acto de recoñecemento ao alumnado de toda Galicia con mellores expedientes nas probas de acceso á universidade, organizado polas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación profesional.
Nese acto resultaron merecedores/as de recoñecemento polos seus excelentes resultados académicos seis alumnas e un alumno do noso centro que remataron o Bacharelato neste curso 2024-2025 e emprenden agora o seu camiño na formación superior. Trátase de Pelayo Blanco, Inés Cachón, Martina Cortizo, Antía González, Sofía López, Ana Torres e María Varela, catro das cales se achegaron a Vigo para recibir os parabéns transmitidos polo Conselleiro de Educación, así como polos tres rectores das Universidades galegas e o alcalde da cidade. Asemade, o noso instituto recibiu o seu recoñecemento correspondente pola labor docente que axudou a este alumnado excelente a desenvolver as súas capacidades e talentos. Moitos parabéns!

MATRÍCULA NA ESO E BACHARELATO PARA O CURSO 2025-2026

De acordo coas instrucións da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades, para formalizar a matrícula en ESO e Bacharelato para o curso 2025-2026 poderase utilizar o sistema de matrícula en liña ou de matrícula presencial no centro.
– MATRÍCULA EN LIÑA: Poderá realizarse desde un dispositivo móbil ou desde unha computadora empregando o aplicativo Admisión Alumnado (https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/). Será necesario autenticarse con certificado dixital ou Chave 365. O alumnado que xa estivo escolarizado no curso 2024-2025 no sistema educativo galego recibirá unha ligazón de acceso ao aplicativo en Abalar Móbil.
Prazo de matrícula en liña: do 23 ao 7 de xullo. Cubriranse os datos no aplicativo Admisión Alumnado e achegarase a documentación restante en versión dixital. No seguinte enlace pódense consultar as instrucións para as familias sobre como facer a matrícula en liña: INSTRUCIÓNS PARA FAMILIAS. Ditas instrucións tamén están dispoñibles no aplicativo Admisión Alumnado.
– MATRÍCULA PRESENCIAL NO CENTRO: Realizarase do xeito habitual, a través da entrega do impreso de matrícula e documentación restante, na Secretaría do instituto en horario de 9:00 a 13:00 h. Por razóns organizativas, establécense as quendas de matrícula que se recollen no seguinte documento:
– DOCUMENTACIÓN NECESARIA PARA A MATRÍCULA: Tanto no caso de matricularse en liña, como no caso de matricularse presencialmente no centro, é preciso achegar unha serie de documentación. No seguinte ficheiro detállase cal é a documentación necesaria en función da modalidade de matrícula escollida e do curso no que se quere matricular: DOCUMENTACIÓN NECESARIA PARA A MATRÍCULA.
Asemade, recóllense, a continuación, varios modelos de documentos que é necesario achegar dixitalmente só no caso de realizar a matrícula en liña (no caso de realizar a matrícula presencialmente ditos documentos están incluídos no impreso de matrícula correspondente):
– IMPRESOS DE MATRÍCULA: Publícanse os impresos de matrícula dos distintos cursos para aquelas familias que decidan matricularse presencialmente no centro e tamén para a información e orientación das familias que decidan matricularse en liña. Unha copia en papel do impreso correspondente será entregada ao alumnado co boletín de notas o día 26 de xuño ás 10:00 h.:
Impreso de matrícula de 1º, 2º e 3º ESO
Impreso de matrícula de 4º ESO
Impreso de matrícula de 1º Bacharelato
Impreso de matrícula de 2º Bacharelato

 

EN HORA BOA, OLIVIA!

Do 7 ao 15 de xuño celebrouse a Final da Copa do Mundo de Patinaxe artística na cidade italiana de Reggio Emilia. Alí a patinadora xuvenil do CPA Maxia e alumna do noso centro, Olivia Rey, demostrou as súas excelentes cualidades deportivas e obtivo a medalla de prata. Noraboa, Olivia!

Imaxe tomada do perfil do Concello de Oleiros na rede X.

CONVOCATORIA DOS PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE ESO AO RENDEMENTO ACADÉMICO (PEE) CORRESPONDENTES AO CURSO 2024-2025

O 11 de xuño publicouse no DOG a orde pola que se convocan os premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico, destinados ao alumnado que cursase 4º ESO nun centro docente da Comunidade autónoma de Galicia no curso 2024-2025.
Para optar a un dos 20 premios extraordinarios, dotados con 1.000 € cada un, o alumnado interesado deberá, en primeiro lugar, realizar a proba PEE, que se levará a cabo o día 26 de xuño no lugar que se publicará no portal educativo e na páxina Premiosedu (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/).
Para matricularse na proba PEE o alumnado deberá presentar no instituto o Anexo I debidamente cuberto. O prazo de matrícula está aberto do 12 ao 18 de xuño, ambos inclusive. Aínda que non hai requisito de nota media mínima na ESO para matricularse na proba PEE, para a solicitude do premio extraordinario, en caso de obter unha das vinte mellores cualificacións, si hai un requisito de nota media mínima na ESO de 9 puntos (sen contar a materia de Relixión). Polo tanto, é aconsellable que se matricule na proba só aquel alumnado que teña unha perspectiva realista de acadar esa nota media mínima.
Con posterioridade á realización da proba, unha vez publicadas as cualificacións definitivas da mesma, o alumnado que resultase merecedor dun dos premios deberá formalizar unha solicitude para optar á subvención do premio extraordinario de ESO.
Toda a información sobre a proba PEE, así como o Anexo I para formalizar a matrícula, pode consultarse na páxina web PremiosEdu: https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/