1º ESO xoga na celebración das Letras Galegas

Este ano, para conmemorar o Día das Letras Galegas, no noso instituto organizáronse diversas actividades para o alumnado, entre elas un divertido xogo para os estudantes de 1º de ESO.
O reto consistía en atopar a 7 escritoras galegas que estaban “escondidas” en distintos puntos do centro. Cada unha delas tiña un cartel con información sobre o seu nome e o título dunha das súas obras máis relevantes. O alumnado debía buscar a todas, anotar correctamente os títulos e entregalos para participar no concurso.
O primeiro estudante que conseguiu atopar e recoñecer todas as escritoras levou un premio especial como recoñecemento ao seu esforzo e coñecemento.
Esta actividade foi unha forma divertida e interactiva de achegar o alumnado á literatura galega e valorar o traballo das nosas autoras, dentro dunha programación máis ampla de celebración do Día das Letras.
Parabéns a todos os participantes e, especialmente, aos gañadores: Mario, Aroa e Bruno!
Seguiremos promovendo o amor pola lingua e cultura galega desde o centro.

Visita de María Reimóndez

O pase de diapositivas require JavaScript.

O libro de lectura, Furia encantounos e estabamos a desexar que a autora viñese ao centro para poder preguntarlle moitas curiosidades. Este martes puidemos coñecela e levamos unha gran sorpresa! O alumnado de terceiro argallara unha presentación con María Reimóndez e incluso unha mostra, en vivo e en directo, da novela!
O encontro coa autora foi moi divertido e aprendemos moitas cousas que levamos con nós ben aconchegadas como a empatía, poñernos na pel da outra persoa ou a importancia de encontrar o deporte que nos faga sentir máis felices como lle aconteceu a Cecilia co boxeo.
Ademais, asinounos os libros e puidemos levar un recordo moi especial.

Letras Galegas 2025 coa A.F. Aturuxo

O pase de diapositivas require JavaScript.

O día 15 comezou a celebración das Letras Galegas no IES Neira Vilas. E non podía haber mellor maneira de empezar que saíndo ao torreiro coa Agrupación Folklórica Aturuxo!

Os grupos de terceiro da ESO asistiron, na Fábrica, a unha xornada ben especial con aquelas persoas que forman parte de Aturuxo. Desde a emoción de quen acompañou as Pandereteiras de Mens polo mundo e desde o espazo do querer pola nosa tradición oral de cantadoras e tocadoras, coñecemos un chisquiño máis a historia das mulleres que nos transmitiron un tesouro. Pero non só! Tamén puxemos en práctica o aprendido e subimos ao palco para sacar punto e ata houbo quen se animou a facer soar as ferreñas!

Grazas ben sentidas por esta oportunidade de gozar cos maneos e as muiñeiras, A.F. Aturuxo! Foi unha xornada chea de ledicia e emoción!

Correlingua 2025

O pasado 6 de maio os grupos de segundo da ESO participaron na XXV edición do Correlingua. Desta forma, o IES Xosé Neira Vilas participou nesta xuntanza dos centros educativos da Coruña baixo o lema a mocidade activa por unha lingua digna e percorreron o paseo marítimo desde o estadio de Riazor ata a Torre de Hércules.

Isabel Risco e Pauliña animaron coas súas intervencións esta xornada tan especial da que gozou o noso alumnado.

 

CALENDARIO DE FINAL DE CURSO DE 2º BACHARELATO

Segundo o calendario escolar publicado ao comezo do curso, o 15 de maio é o último día lectivo de 2º de Bacharelato. A partir do luns 19 de maio comezarán as clases de reforzo e de preparación das PAU ordinarias.
O mesmo día 15, ás 10:30 h., terá lugar no Salón de actos unha reunión de todo o alumnado de 2º de Bacharelato coa Xefatura de estudos, onde se lle transmitirá toda a información e documentación necesaria para a solicitude do título de Bacharelato e a matrícula nas PAU. O prazo de matrícula na convocatoria ordinaria das PAU é o 16 e o 19 de maio. Toda a información detallada pode consultarse neste documento.
A entrega de boletíns terá lugar no centro o venres 16 de maio ás 10:30 h. na aula de referencia de cada grupo. Ese mesmo día comeza o período de revisión e reclamación ás cualificacións finais, de acordo co calendario e a normativa que se recollen a continuación. O alumnado ou as familias que queiran solicitar a revisión ou reclamación ás cualificacións finais dispón da documentación necesaria na Secretaría do centro.

Instituto de Ensino Secundario Plurilingue Xosé Neira Vilas. Perillo (Oleiros)