O alumnado de 1º Bacharelato, baixo a supervisión da profesora Julia Fernández Seguín, está a realizar unha web sobre “léxico en cuarentena” para estes tempos de confinamento. Podedes consultar a ligazón en Google Sites.
Poesía curativa
O alumnado de 3º ESO, coa profesora Patricia Varela, elaborou unha serie de poesías curativas contra o confinamento. Invitámosvos a descubrilas nesta ligazón ISSUU.
Día do Deporte #NaCasa
O 28 de abril íase celebrar o DÍA DO DEPORTE NA RÚA, e o noso instituto estaba inscrito para participar. Pero como iso xa non é posible, os organizadores pensaron que se celebrara igualmente, mais agora será o DÍA DO DEPORTE NA CASA.
Polo tanto, dende o departamento de Educación Física do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas propuxemos varias actividades físico-deportivas a xeito de reto. Foron propostos ao alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO baixo o hashtag #DEFC2020 # DEFR2020 .
O obxectivo da tarefa é demostrar a importancia da materia de Educación Física para o mantenemento do benestar físico, psíquico e social das persoas e, por iso, seguir reivindicando o lugar que lle corresponde e máis agora durante o confinamento.
Cine distópico
O alumnado de 1º Bacharelato de Cultura Científica proponnos cine distópico e científico “alarmado” para tempos de coronavirus, da man da profesora María José Fandiño. Atoparedes as infografías do alumnado na ligazón de genially.
“Método Cóvichon” para 1º e 2º ESO
- O alumnado do profesor Alberto Pombo dos cursos 1º e 2º ESO ten xa ao seu dispor este material orixinal: O “Método Cóvichon” (PDF).
Estes recursos testados pola afamada Doutora Crown chegan agora en exclusiva ao noso centro para que poidades acabar cos problemas que trae consigo o Covid-19 e axudar ás científicas, recluídas nun laboratorio na montaña, a pasar mellor as horas grazas ás vosas achegas e recomendacións.
Pero precaución! Hai que lavar as mans e quitar o pixama antes de comezar o método!
Día do Libro 2020
#Distopía_NV
Hoxe iamos celebrar #NeiraNaukas2020 (e no canto non, non celebramos #NeiraAwards2020)… Pero xa chegará. De momento, deleitémonos.
- E disfrutemos da explicación de utopías doutro tempo, por parte do alumnado de Filosofía de 1º Bach, con Proudhon e outras videotopías.
#NaCasa_NV
Non o agardabamos, pero chegou… Sorprendeunos, mais espertounos, púxonos as pilas… Este virus modificou todas as nosas pautas de traballo. E decidimos que había que compartilas. Por iso, nesta entrada colgaremos traballo do alumnado durante o período de corentena de 2020, aquel no que iamos celebrar #NeiraNaukas2020. Todo o virtual pode converterse en real, todo o imaxinario muda en tanxible. Invitámosvos a velo e partillalo (clickando na imaxe)!
Nota: A rapazada que ten autoría dos documentos aparece etiquetada.
Pautas para o “teletraballo” escolar
Comprometid@s co imperativo colectivo de afrontar esta pandemia, debemos quedar na casa. Pero a vida sigue, e non se trata dunhas vacacións anticipadas, senón de continuar coa nosa actividade cotiá como profesores e estudantes. Facer isto viable é un exercicio de responsabilidade que será realizable se asumimos certas pautas:
1. Tentar manter o horario escolar na casa facendo do estudo a actividade central das mañás. Algúns profesores contactarán “on line” cos seus grupos na propia hora semanal correspondente á súa materia.
2. Acceder ás plataformas a través das que se pode contactar co profesorado – como xa veñen facendo ao longo do curso – e cos contidos de cada materia: Edixgal (1º de ESO), aula virtual do centro -en principio activa a partir do 16 de marzo, correo electrónico, google docs, google clasroom, edmodo…
Ollo, que o profesorado que non tiña empregado a aula virtual ate hoxe está a preparar actividades para esta ocasión: aparecerán novos cursos destas materias!
3. Segundo transcorran os acontecementos xa se abordarán os tempos e os mecanismos para avaliar ao alumnado este curso. Todo o planificado de aquí a final de curso será revisado e adaptado pensando no maior ben do alumnado. Non podemos entón estudar para o “exame de mañá” porque non o haberá, pero si temos que estudar para futuras probas de aquí a xuño.
4. Insistir en que vivimos unha alerta sanitaria: hai que quedar na casa e seguir traballando. Sen nervios, pero “enchufadas e enchufados” co curso.
O equipo docente do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas.
Erasmus+ (2ª mobilidade)
Do 8 ao 15 de marzo de 2020 (cun retorno precipitado por mor da crise do COVID-19), 8 alumnas e alumnos de 3º e 4º ESO participaron na segunda mobilidade do Erasmus+ “L’Europe en scène…“.
A mobilidade tivo lugar na localidade francesa de Sablé-sur-Sarthe, no lycée polyvalent Raphaël Elizé, con outr@s tant@s participantes franceses e portugueses.
Nesta mobilidade, a iniciación á interpretación teatral tivo lugar da man dos membros da Houlala Compagnie, que -en base a textos de Molière e outras propostas singulares- adestraron ao alumnado no savoir faire de jouer une pièce.
A estadía permitíu tamén a visualización en directo dunha obra de teatro nunha viaxe a París realizada o 10 de marzo.
- Velaquí algunhas estampas da mobilidade.