HUMANO

logo_humano_presentacionVen sendo tradición que o último día do primeiro trimestre se convirta nunha exaltación do #OrgulloNeira, coa colaboración sempre magnífica entre alumnado e profesorado para dar saída aos produtos finais dos proxectos interdisciplinares de cada ano.

O 21 de decembro de 2016, unha programación multidisciplinar que contou coa colaboración da totalidade de departamentos do IES Plurilingüe Neira Vilas puxo en marcha unha xeira que incluíu:

1) a xincana #NeiraNunDía (coa realización de actividades diversas, coordinadas polo alumnado de 1º Bacharelato e 3º ESO, incluíndo probas lingüísticas, matemáticas, físico-químicas, deportivas, artísticas, xeográfico-históricas, de baile e científicas -coa especial elaboración de cocktails sen alcohol-);

2) o concurso #NeiraMannequin, no que participaron todos os grupos de ensino secundario obrigatorio, e finalmente gañado polo alumnado de 1º ESO da materia “Investigación e tratamento da información”;

3) o espectáculo #Humano, no que a participación do alumnado foi ben variada e diversa, con presentacións sobre o ser humano explorador, as teorías da poboación [texto], a evolución humana, os dereitos humanos, as diversas teatralizacións sobre a torre de Babel e o especificamente humano, a leitura de poemas en linguas estranxeiras. Para finalizar o espectáculo, a música tomou corpo con interpretacións do recente premio Nobel de Literatura Bob Dylan (“Blowin’ in the wind” e “Don’t think twice,…”), o rap -que volve con forza a este centro despois de anos de espera-, e unha panxoliña de Nadal que xa se está a converter nun clásico no noso centro educativo: “Nadal de Luintra”. Consultade a presentación do acto e ollade o video introdutorio.

Agradecemos a colaboración de toda a comunidade escolar neste día no que todos contribuímos a realizar unha obra tan coral. Non será a última, de seguro, mais agora convén felicitarnos pola extensísima participación deste ano. “Traballar en equipo divide o traballo e multiplica os resultados”. Grazas.

Semana Neira Vilas

O mes de novembro é ben significativo para Xosé Neira Vilas. Por este motivo, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, en colaboración con diferentes departamentos, organizáronse actividades na honra do escritor que dá nome ao noso centro.

  • Panel de homenaxe que recolle textos escritos polos membros da nosa comunidade educativa adicados á súa memoria.
  • Convocatoria dun concurso-exposición de retratos en colaboración co Departamento de Plástica e Educación Audiovisual, baixo o nome “O teu Balbino do século XXI”.
  • Así mesmo, o venres 25 todos os compoñentes do centro xuntáronse nun acto homenaxe onde participaron tamén Xosé Martínez Romero, psicólogo clínico e amigo persoal de Neira Vilas en Bos Aires, e o escritor e profesor ata o curso pasado no IESP, Xosé Carballude.
  • A continuación, Xosé Martínez Romero e Xosé Carballude tiveron unha charla co alumnado onde partillaron as súas vivencias xunto a Neira Vilas e onde se presentou unha entrevista que Xosé Carballude lle realizou ao escritor hai uns anos.

Audio da entrevista:

Imaxes:

Concedida subvención Concello de Oleiros

O Concello de Oleiros vén de conceder  unha subvención de 5572 € ao noso centro polos seguintes conceptos:

“Actividades didácticas e culturais (representacións teatrais, viaxes a entidades, museos e exposicións, concertos, actividades deportivas, viaxe cultural a Bruxelas, intercambio escolar con Collége Notre Dame le Ménimur-Bachibac 7 alumnos/as) para 278 alumnos-as, viaxe fin de etapa para 17 alumnos-as a Barcelona e 7 alumnos e alumnas de Bachibac”.

English Week

Un grupo de vinte e cinco alumnos de 2º ESO participou na English Week, actividade convocada pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia. A semana desenvolveuse entre os días 6 e 12 de novembro nos Peares.

Na primeira sesión das mañás os alumnos, divididos en pequenos grupos, tiñan clase de inglés. Despois dun descanso, dedicaban dúas horas a xogos nos que se practicaba o visto na primeira sesión e algunhas veces estaban relacionados con outras materias como Bioloxía e Ciencias Sociais. Neste caso os grupos eran máis numerosos.

Despois de comer traballaban nun proxecto para a súa presentación ao final da semana. Cada grupo recibía o nome dun país. O resto de cada xornada dedicábase a actividades deportivas, visitas á zona e eventos da noite.

Os alumnos gozaron moito nestas xornadas de inmersión. Ademais das actividades, gustoulles ter a posibilidade de coñecer a mozos doutros institutos e poder traballar con eles. Foi unha experiencia moi positiva.

Galería: