Arquivo da categoría: Actividades

OBRADOIRO “MEIGALLO GRÁFICO” EN RIALEDA

O pase de diapositivas require JavaScript.

Os días 3 e 4 de marzo o alumnado de 1º e 2º ESO asistiu ao obradoiro “Meigallo gráfico”, impartido polo ilustrador Miguel Cuba. Grazas ao seu labor e ao das Bibliotecas de Oleiros, puidemos viaxar a terras de Xapón, Dinamarca e lugares impronuncialbes para descubrir que compartimos unha riquísima mitoloxía! As nosas cabeciñas enchéronse de lamias, tardos e gatipedros para animar a nosa imaxinación. Aquí vos deixamos algunha das criaturas mitolóxicas que creamos!

FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO

O martes 3 de marzo o alumnado de Latín e Grego de 4º ESO e de 1º e 2º Bacharelato asistiu ás obras do Festival de Teatro grecolatino que, organizado pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos, tivo lugar na cidade de Lugo. Pola mañá puideron disfrutar da posta en escea de “Medea”, de Eurípides, e pola tarde houbo moitas risas coa comedia “Cásina”, de Plauto, ambas representadas polo grupo Noite bohemia da Coruña.

VISITA Á BIBLIOTECA RIALEDA

Entre o 19 e o 27 de febreiro o alumnado de 2º e 4º ESO visitou a Biblioteca Rialeda e asistiu á actuación de Feirantes, coa excelente dramatización de Ramiro Neira. Esta actividade desenvolveuse no marco do Programa de actividades educativas do Sistema de Bibliotecas públicas municipais do Concello de Oleiros. Moitas grazas ao persoal de Rialeda pola súa acollida!

INTERCAMBIO DE BACHIBAC 1 CON VANNES

O pase de diapositivas require JavaScript.

Do 6 ao 13 de febreiro o alumnado de 1º de Bacharelato que cursa o programa Bachibac viaxou á localidade bretona de Vannes para levar a cabo a primeira parte do intercambio co lycée Saint François-Xavier. Ao longo desa semana os/as nosos/as alumnos/as asistiron ás clases no centro francés, acompañando aos seus correspondentes, e viviron acollidos polas familias destes. Asemade, gozaron dunha visita guiada á historia e o patrimonio de Vannes, organizada polo instituto SFX, e realizaron dúas excursións coas que puideron achegarse un pouco máis ao coñecemento da lingua, da cultura e da historia francesas: unha a Nantes, na que coñeceron o castelo dos Duques de Bretaña, a catedral, a arquitectura decimonónica e os formidables enxeños tecnolóxicos das Machines de l’Île, e outra a Rennes, capital da Bretaña, onde puideron descubrir desde a catedral e o casco vello ata o Parc du Thabor e a magnífica piscina municipal de estilo Art déco.

A comunidade do Neira quere agradecer a sempre amable e entusiasta acollida brindada polo lycée Saint François-Xavier e, en particular, pola profesora Elodie Quidu e o alumnado participante nesta bela experiencia e que agardamos recibir no noso centro a comezos do curso que vén. Merci beaucoup et à bientôt!