Arquivo da categoría: Curso 2023-2024

RENOVACIÓN DO CLUB DE LECTURA “O FAIADO DE BALBINO”

O noso centro vén de renovar un curso máis a súa participación no programa “Club de lectura” cunha dotación económica de 1.100 € para a adquisición de libros e a realización das actividades previstas no marco do noso club, “O faiado de Balbino”, coordinado por Eli Ríos.

Este curso a oferta de grupos de lectura é moi ampla e inclúe: “Xs Lusíadas. Club de lectura en portugués”, “O andel da castrexa”, “Elas contan”, “Bululú”, “Historias fantásticas da mitoloxía”, “Cousas”, “Lectura emocional a través de cancións” e “Cantarolas. Club de lectura de familias”. Todos eles están organizados por profesorado dos departamentos de Grego, Lingua castelá e literatura, Lingua galega e literatura, Orientación e Xeografía e Historia.

Toda a información sobre esta convocatoria pódese consultar neste enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/41999

FORMACIÓN AVANZADA EN MEDIACIÓN

O luns 18 de decembro comezaron as sesións de formación avanzada en mediación para un grupo de alumnas e alumnos de 2º e 3º ESO e 1º de Bacharelato que forman o equipo de mediadores/as do centro. A formación, subvencionada polo Concello de Oleiros e inscrita nas accións previstas no Plan de convivencia do instituto, continuará no mes de xaneiro con novas sesións para o alumnado e tamén para o profesorado.

TALLER DE XESTIÓN EMOCIONAL CON SARA VIERNA, DE ALMAS MERAKI

Os días 18, 19 e 20 de decembro tiveron lugar varios talleres de xestión emocional impartidos por Sara Vierna, de Almas Meraki, ao alumnado de 3º ESO. A actividade estivo financiada pola ANPA Arce do noso instituto e tivo o obxectivo de traballar e dotar ao alumnado de ferramentas para tomar conciencia das situacións que lles provocan malestar, repensar as súas identidades e potenciar competencias persoais como a regulación emocional.

 

PUNTO VIOLETA DO CONCELLO DE OLEIROS

Con motivo da celebración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres o 25N, o pasado venres 24 de novembro o Concello de Oleiros instalou un Punto violeta no noso instituto para achegar ao alumnado información e reflexións sobre as violencias sexuais, o consentimento ou a influencia do porno na adolescencia. Asemade, os grupos de 4º ESO e 1º Bacharelato puideron participar nos obradoiros que sobre estas temáticas foron impartidos ao longo da mañá.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Fotografías realizadas polo Concello de Oleiros.

OBRADOIROS DE TÉCNICAS DE ESTUDO

Este mes de novembro comezaron a desenvolverse no noso centro os obradoiros de técnicas de estudo, dirixidos ao alumnado de 1º, 2º e 3º ESO e organizados e sufragados, como en cursos anteriores, pola ANPA Arce. As sesións son impartidas por Belén Pérez Sanmartín, especialista en técnicas de estudo e pedagoga en “Eleeméntal. Logopedia y Pedagogía”, situado en Perillo. O seu obxectivo é contribuír a dotar ao alumnado das ferramentas precisas para organizar o seu traballo, xestionar o tempo e desenvolver estratexias que permitan mellorar o seu estudo.

ASEMBLEA XERAL ORDINARIA 2023

Convócanse a todas as familias socias e invítanse a todas as familias non socias a unha asemblea xeral ordinaria da Asociación de nais e pais do IESP Xosé Neira Vilas.

    • Data: Xoves 14 de decembro de 2023
    • Hora:
      • 18:30 en 1ª convocatoria.
      • 19:00 en 2ª convocatoria.
    • Lugar:   IESP Xosé Neira Vilas.

A continuación achéganse os seguintes documentos (premer en cada un deles para a súa visiluazación ou descarga):

Convocatoria da asemblea cos puntos para tratar nela.

Acta da Asemblea Xeral Ordinaria do ano 2022 para a súa lectura e posterior aprobación na reunión.

Memoria de xestión anual do curso 2022 – 2023.

Esperamos contar coa vosa presenza.

 

 

RENOVACIÓN DO PLAMBE E PARTICIPACIÓN NA XORNADA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2023

O noso centro vén de renovar un curso máis a súa participación no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que nesta ocasión supón a concesión dunha dotación económica de 1.070 € para adquisición de libros para a nosa biblioteca. Toda a información sobre esta convocatoria pódese consultar aquí: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/40171.
Asemade, a pertenza ao Plambe implica formar parte dunha ampla rede de bibliotecas escolares de toda Galicia que colabora en iniciativas comúns, conta co respaldo da Asesoría de Bibliotecas e permite participar en diversas actividades e xornadas formativas, como a Xornada de Bibliotecas Escolares 2023, que tivo lugar este sábado, 18 de novembro, en Santiago de Compostela e á que asistiu a coordinadora da nosa biblioteca, a profesora Vanessa Liñares Vázquez.