Arquivo da categoría: Departamentos

BEGOÑA CAAMAÑO E A REESCRITURA DO MITO

Grazas ao Servizo de Dinamización Lingüística do Concello de Oleiros, os grupos de 2º de Bacharelato puideron gozar o pasado 16 de abril dun revelador obradoiro sobre Begoña Caamaño. Antía Otero impartiu esta actividade ilustrativa non só da escrita da autora a quen se lle dedican as Letras Galegas de 2026, senón que tamén nos levou de viaxe polos territorios gregos, por Ítaca ou por Eea. Ademais, achegámonos a Avalon da man de Morgana e, por último, e máis relevante tomamos a man de Circe e de Penélope e experimentamos a escrita sorora cos nosos bolis. Rematamos esta xornada e levamos na nosa cabeza o convencemento de que nós “tamén navegar”!

OBRADOIRO DE POESÍA UNIVERSAL CONTEMPORÁNEA

Grazas ao marabilloso labor do persoal de Bibliotecas de Oleiros, o alumnado de 2º de Bacharelato puido asistir o 24 de marzo a un encontro extraordinario coa escritora Yolanda Castaño. Nel, a autora fixo un percorrido polas creacións poéticas universais e escoitamos poemas orixinarios doutras linguas, doutras realidades e doutros espazos que teñen todo a ver connosco e coa creación galega. Así, achegámonos a obras de autoras como Idea Vilariño, Alejandra Pizarnik, Wisława Szymborska, Jose Luís Peixoto, Margaret Atwood, Jorge Luis Borges ou Sharon Olds, entre outras.

O pase de diapositivas require JavaScript.

ACOLLIDA DO ALUMNADO FRANCÉS DE PÉRENCHIES

Do 22 ao 28 de marzo tivemos o pracer de acoller no noso centro ao alumnado do Collège Sainte-Marie de Pérenchies (Lille) no marco do intercambio organizado pola profesora Mar Alejandro do Departamento de Francés. Durante esta semana a rapazada francesa viviu coas familias dos/as seus/súas correspondentes, asistiu a diversas clases no noso instituto e realizou numerosas actividades, incluíndo unha excursión a Coruña e outra a Santiago, un obradoiro sobre a cultura galega ou a asistencia ao espectáculo teatral desenvolvido polo propio alumnado de 4º ESO.
Moitas grazas a todos/as pola magnífica experiencia! Vémonos en Pérenchies do 18 ao 24 de maio, cando o noso alumnado viaxará a Francia para completar o intercambio.

VISITA ÁS TERRAS DO EUME

Os días 27 de febreiro e 9 de marzo o alumnado de 2º ESO disfrutou dunha saída promovida polo Departamento de Xeografía e Historia e organizada polo Concello de Oleiros en colaboración coa CEM dentro do programa de actividades “Un día en Galicia”. Nela tivo a oportunidade de coñecer as Fragas do Eume a través dunha andaina pola súa natureza e o seu patrimonio, así como a vila de Pontedeume.

OBRADOIRO “MEIGALLO GRÁFICO” EN RIALEDA

O pase de diapositivas require JavaScript.

Os días 3 e 4 de marzo o alumnado de 1º e 2º ESO asistiu ao obradoiro “Meigallo gráfico”, impartido polo ilustrador Miguel Cuba. Grazas ao seu labor e ao das Bibliotecas de Oleiros, puidemos viaxar a terras de Xapón, Dinamarca e lugares impronuncialbes para descubrir que compartimos unha riquísima mitoloxía! As nosas cabeciñas enchéronse de lamias, tardos e gatipedros para animar a nosa imaxinación. Aquí vos deixamos algunha das criaturas mitolóxicas que creamos!

FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO

O martes 3 de marzo o alumnado de Latín e Grego de 4º ESO e de 1º e 2º Bacharelato asistiu ás obras do Festival de Teatro grecolatino que, organizado pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos, tivo lugar na cidade de Lugo. Pola mañá puideron disfrutar da posta en escea de “Medea”, de Eurípides, e pola tarde houbo moitas risas coa comedia “Cásina”, de Plauto, ambas representadas polo grupo Noite bohemia da Coruña.