Arquivo da categoría: Alumnado

PROBAS DE ACCESO A CICLOS FORMATIVOS DE GRAO MEDIO

Do 26 de febreiro ao 8 de marzo de 2024, ambos incluídos, está aberto o período de inscrición para a realización das probas de acceso a ciclos formativos de grao medio.
Tanto a Orde do 21 de decembro de 2023 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo e se convocan para o ano 2024, como a información sobre os requisitos para presentarse ás probas, contido das mesmas, calendario, etc., pódense consultar no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/fp/probas-acceso-ciclos-formativos-grao-medio-comezo-periodo-inscricion-convocatoria-2024

CONVOCATORIA DE PROBAS ESPECÍFICAS DE ACCESO AOS ESTUDOS DE GRAO EN CIENCIAS DA ACTIVIDADE FÍSICA E DO DEPORTE DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA (UDC)

Xa está publicada a convocatoria das probas específicas de acceso aos estudos de Grao en Ciencias da actividade física e do deporta da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación física da UDC. Toda a información sobre o procedemento de inscrición, calendario das probas, requisitos, etc. pode consultarse no seguinte enlace: https://inefg.udc.es/index.php/pruebas-especificas-de-acceso/2012-03-10-09-24-14

VIAXE DE INMERSIÓN LINGÜÍSTICA EN VANNES

Do 15 ao 23 de febreiro o alumnado de Bachibac 1 realizou unha estadía de inmersión lingüística no Lycée Saint François-Xavier de Vannes, segundo se contempla no plan de estudos deste programa de dobre titulación Bacharelato-Baccalauréat.
Ao longo destes días, o noso alumnado acudiu regularmente a clases no lycée bretón e viviu coas familias dos seus “correspondants”. Asemade, puido realizar diversas actividades e saídas extraescolares, incluíndo as excursións ao Mont Saint-Michel e a Rennes e a visita guiada polo centro histórico de Vannes, na que tivo mesmo o privilexio de visitar o edificio histórico da casa do concello desta localidade.
Desde o Neira Vilas queremos agradecer á comunidade do Saint François-Xavier e, moi especialmente á profesora Élodie Quidu, así como ao alumnado francés e as súa familias, pola amable acollida e a magnífica oportunidade de inmersión na lingua e na cultura francesas que nos brindaron. Agardámosvos en Perillo ao comezo do curso que vén para completar este intercambio escolar.

AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE FORMACIÓN EN LINGUAS ESTRANXEIRAS NO ANO 2024

A dirección do centro educativo informa da publicación de axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2024. Están destinadas ao alumnado de 1º e 2º de bacharelato que cursa en centros docentes sostidos con fondos públicos. (DOG do 12/02/2024).
Para acceder a toda a información AXUDASLE
Para calquera dúbida poñerse en contacto co centro.
Un cordial saúdo.
O equipo directivo.

FELIZ ENTROIDO!

No noso centro demos a benvida ao Entroido por todo o alto o venres 9 de febreiro. A celebración incluíu un obradoiro de elaboración e degustación de filloas e crêpes, unha recreación do tradicional oso de Salcedo, un certame de testamentos de Entroido, os mandamentos do Meco durante toda a semana, diversas actuacións do alumnado e un espectacular baile final do profesorado. Grazas a todos/as pola vosa participación!

O pase de diapositivas require JavaScript.

Visita ao campus universitario de santiago

O alumnado de 2º de Bacharelato do noso centro visitou ás facultades do campus universitario de Santiago de Compostela, dentro do Programa A Ponte que organiza a USC.

Un total de 39 alumnos fixeron diferentes percorridos polas facultades que máis lles interesaba visitar e tiveron oportunidade de sentirse verdadeiros universitarios e universitarias dende, por exemplo, o estudio de gravación da Facultade de Ciencias da Comunicación, como se ve na foto.

Campaña de Dinamización lingüística

A mocidade do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas participa na iniciativa cultural e de dinamización lingüística Aquí tamén se fala xunto con máis de 180 centros educativos de toda Galiza!
O noso Concello naceu pola volta de voces como Xosé Neira Vilas, Nacho Taibo, María Miramontes, Francisco Pillado ou, entre outras moitas, Luísa Villalta. Xente nacida aquí ou chegada de outras partes que axuntan no labor de construír un Oleiros cheo de orgullo da nosa terriña e da nosa lingua! Por iso, o alumnado de terceiro da ESO animou as veciñas e veciños a participar, man a man, nesta proposta.
Moitísimas grazas aos máis de cincuenta comercios de Perillo e Montrove que nos acollestes con tanta amabilidade!
Estas son algunhas das imaxes:

O pase de diapositivas require JavaScript.