No noso centro demos a benvida ao Entroido por todo o alto o venres 9 de febreiro. A celebración incluíu un obradoiro de elaboración e degustación de filloas e crêpes, unha recreación do tradicional oso de Salcedo, un certame de testamentos de Entroido, os mandamentos do Meco durante toda a semana, diversas actuacións do alumnado e un espectacular baile final do profesorado. Grazas a todos/as pola vosa participación!
Arquivo da categoría: Actividades
ENCONTRO DO PROXECTA “CORRESPONDENTES XUVENÍS”
O pasado 15 de decembro os Correspondentes Xuvenís do Neira Vilas asistiron ao primeiro encontro con outros Correspondentes da provincia da Coruña. Esta xornada tivo lugar no albergue Marina Española de Sada. O obxectivo da mesma foi coñecer a outros rapaces e rapazas que están facendo o mesmo noutros centros educativos. Ademais tiveron varias formacións sobre oratoria e sobre intelixencia artificial. Por último, tiveron que poñer en práctica o aprendido cun pequeno proxecto que fixeron por grupos, mesturados con persoas doutros institutos.
Actualmente, os participantes neste proxecta, baixo a coordinación da profesora Cristina Vázquez Castro, están creando unha conta de Instagram que utilizarán para publicar e anunciar avisos importantes, de distintos tipos de actividades, proxectos, concursos, etc., á rapazada do instituto.
Intercambio con Burela
Realizouse a primeira parte do Intercambio con Burela que puxo en marcha o Equipo de Dinamización da Lingua Galega en estreita colaboración co Departamento de Lingua Galega e gran apoio da Concellería de Cultura do Concello de Oleiros. Nesta actividade participou o alumnado dos tres 2º ESO do noso centro e máis outros sesenta alumnos dese mesmo curso do IES Perdouro de Burela.
Coñece a contorna de Oleiros: Praia de Barrañán e fraga de Sisalde
PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA EDUEXCHANGES
O noso centro resultou seleccionado para participar no programa EduExchanges de intercambio presencial de alumnado con centros educativos doutros países durante o curso 2023/2024, segundo se recolle na resolución definitiva que se pode consultar no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/es/node/40630.
A axuda económica concedida ao abeiro deste programa, enmarcado na Estratexia Galega de linguas estranxeiras Edulingüe 2030, destinarase a financiar o intercambio do alumnado de 1º Bacharelato que cursa o programa Bachibac co lycée Saint François-Xavier de Vannes. Dito intercambio terá lugar do 15 ao 23 de febreiro.
Este xoves, 18 de xaneiro, celebrarase no centro unha reunión coas familias do alumnado implicado para informar de todas as cuestións relativas á organización do intercambio.
PUNTO VIOLETA DO CONCELLO DE OLEIROS
Con motivo da celebración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres o 25N, o pasado venres 24 de novembro o Concello de Oleiros instalou un Punto violeta no noso instituto para achegar ao alumnado información e reflexións sobre as violencias sexuais, o consentimento ou a influencia do porno na adolescencia. Asemade, os grupos de 4º ESO e 1º Bacharelato puideron participar nos obradoiros que sobre estas temáticas foron impartidos ao longo da mañá.
Fotografías realizadas polo Concello de Oleiros.
OBRADOIROS DE TÉCNICAS DE ESTUDO
Este mes de novembro comezaron a desenvolverse no noso centro os obradoiros de técnicas de estudo, dirixidos ao alumnado de 1º, 2º e 3º ESO e organizados e sufragados, como en cursos anteriores, pola ANPA Arce. As sesións son impartidas por Belén Pérez Sanmartín, especialista en técnicas de estudo e pedagoga en “Eleeméntal. Logopedia y Pedagogía”, situado en Perillo. O seu obxectivo é contribuír a dotar ao alumnado das ferramentas precisas para organizar o seu traballo, xestionar o tempo e desenvolver estratexias que permitan mellorar o seu estudo.
CAMPAÑA INFORMATIVA ANPA ARCE NEIRA VILAS
Estimadas familias.
O ANPA Arce Neira Vilas ten como fin ser parte activa da comunidade educativa e colaborar co centro educativo e as administracións competentes na mellora da educación dos nosos fillos e fillas.
Gustaríanos que todas as familias do centro coñezcan mellor a nosa asociación e se animen a formar parte dela, xa sexa a través dunha participación activa ou facéndose socias.
Para iso, pareceunos importante explicar, cun pouco máis de detalle, o que facemos na actualidade e facer pública a memoria de actividades.
Con este obxectivo, achegámosvos un cartel informativo coas accións que levamos a cabo e a memoria de xestión anual do curso 2022-2023.
Estaremos encantadas/vos de que vos poñades en contacto connosco e vos animedes a colaborar.
Un afectuoso saúdo.
Debate sobre a violencia de xénero na cadea Ser
O domingo 19 de novembro, o alumno de 4º de ESO Martín Pérez Lujano participou nun programa de radio, con alumnado doutros centros, sobre a violencia de xénero. O debate tivo lugar na emisora da cadea SER na Coruña. Premede aquí para escoitalo.
ACTIVIDADE DO PROXECTO TERRA
O alumnado de 4º de ESO da materia de Expresión Artística e parte do alumnado de 3º de ESO participaron nas sementeiras do proxectoTERRA.
A actividade consistía en analizar e debuxar o noso barrio dende unha perspectiva urbanística.
O obradoiro foi organizado pola profesora Camino Fernández Robelo do departamento de Artes Plásticas.