Arquivo da categoría: Alumnado

ENCONTRO DO PROXECTA “CORRESPONDENTES XUVENÍS”

O pasado 15 de decembro os Correspondentes Xuvenís do Neira Vilas asistiron ao primeiro encontro con outros Correspondentes da provincia da Coruña. Esta xornada tivo lugar no albergue Marina Española de Sada. O obxectivo da mesma foi coñecer a outros rapaces e rapazas que están facendo o mesmo noutros centros educativos. Ademais tiveron varias formacións sobre oratoria e sobre intelixencia artificial. Por último, tiveron que poñer en práctica o aprendido cun pequeno proxecto que fixeron por grupos, mesturados con persoas doutros institutos.

Actualmente, os participantes neste proxecta, baixo a coordinación da profesora Cristina Vázquez Castro, están creando unha conta de Instagram que utilizarán para publicar e anunciar avisos importantes, de distintos tipos de actividades, proxectos, concursos, etc., á rapazada do instituto.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Intercambio con Burela

Realizouse a primeira parte do Intercambio con Burela que puxo en marcha o Equipo de Dinamización da Lingua Galega en estreita colaboración co Departamento de Lingua Galega e gran apoio da Concellería de Cultura do Concello de Oleiros. Nesta actividade participou o alumnado dos tres 2º ESO do noso centro e máis outros sesenta alumnos dese mesmo curso do IES Perdouro de Burela.

PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA EDUEXCHANGES

O noso centro resultou seleccionado para participar no programa EduExchanges de intercambio presencial de alumnado con centros educativos doutros países durante o curso 2023/2024, segundo se recolle na resolución definitiva que se pode consultar no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/es/node/40630.

A axuda económica concedida ao abeiro deste programa, enmarcado na Estratexia Galega de linguas estranxeiras Edulingüe 2030, destinarase a financiar o intercambio do alumnado de 1º Bacharelato que cursa o programa Bachibac co lycée Saint François-Xavier de Vannes. Dito intercambio terá lugar do 15 ao 23 de febreiro.

Este xoves, 18 de xaneiro, celebrarase no centro unha reunión coas familias do alumnado implicado para informar de todas as cuestións relativas á organización do intercambio.

PUNTO VIOLETA DO CONCELLO DE OLEIROS

Con motivo da celebración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres o 25N, o pasado venres 24 de novembro o Concello de Oleiros instalou un Punto violeta no noso instituto para achegar ao alumnado información e reflexións sobre as violencias sexuais, o consentimento ou a influencia do porno na adolescencia. Asemade, os grupos de 4º ESO e 1º Bacharelato puideron participar nos obradoiros que sobre estas temáticas foron impartidos ao longo da mañá.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Fotografías realizadas polo Concello de Oleiros.

OBRADOIROS DE TÉCNICAS DE ESTUDO

Este mes de novembro comezaron a desenvolverse no noso centro os obradoiros de técnicas de estudo, dirixidos ao alumnado de 1º, 2º e 3º ESO e organizados e sufragados, como en cursos anteriores, pola ANPA Arce. As sesións son impartidas por Belén Pérez Sanmartín, especialista en técnicas de estudo e pedagoga en “Eleeméntal. Logopedia y Pedagogía”, situado en Perillo. O seu obxectivo é contribuír a dotar ao alumnado das ferramentas precisas para organizar o seu traballo, xestionar o tempo e desenvolver estratexias que permitan mellorar o seu estudo.

INTERCAMBIO CON VANNES

Durante os días 10 e 19 de outubro 13 familias de alumnos e alumnas de 2º BACHIBAC acolleron nas súas casas aos correspondentes franceses de intercambio. A estadía dos visitantes non só se limitou a asistir ás aulas do IES Neira Vilas, senón que tamén houbo ocasión de que anfitrións e hóspedes compartisen agradables momentos de inmersión lingüística fóra do centro.

PROBAS DE ACREDITACIÓN DA COMPETENCIA LINGÜÍSTICA EN LINGUAS ESTRANXEIRAS

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de publicar a Resolución do 29 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se regula a xestión de probas deacreditación de competencia lingüística en linguas estranxeiras para o alumnado que curse estudos en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades durante o curso 2023/2024.

No noso centro, as probas, que se corresponderán co nivel B1, B2 ou C1 e que se realizarán durante o curso académico 2023/2024, están dirixidas ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato e de 4º de ESO, tendo preferencia aquel que curse ensinanzas plurilingües. Cada alumno ou alumna poderá matricularse nunha única proba dunha lingua estranxeira.

A citada resolución prevé a concesión dunha axuda económica por alumno/a para facer fronte aos custos de matrícula das probas de acreditación. A solicitude realízase desde o centro, pero é imprescindible que o alumnado interesado entregue un compromiso de presentación á proba correspondente, asinado polo seu pai, nai ou titor.

O documento co compromiso foi distribuído polo profesorado dos Departamentos de Inglés e Francés ao alumnado nas aulas e debe ser entregado a dito profesorado ou na secretaría do centro ata o venres, 27 de outubro.