O vindeiro luns, 15 de abril, ás 19:00 h. terá lugar no instituto unha charla sobre técnicas de estudo dirixida ás familias do noso alumnado e impartida por Belén Pérez Sanmartín, pedagoga do Gabinete psicopedagóxico Eleeméntal de Perillo. A actividade, organizada e subvencionada pola ANPA Arce do noso centro, ten o obxectivo de informar e dotar ás familias dalgunhas das ferramentas de estudo, organización, planificación do traballo, concentración, etc. sobre as que versaron os talleres de técnicas de estudo impartidos pola mesma profesional a diversos grupos da ESO ao longo do curso. Deste xeito, preténdese que se poida reforzar o uso de ditas ferramentas na casa e facelas máis efectivas para o beneficio do noso alumnado. Agardámosvos!
Arquivo da categoría: Anpa
Actividades co alumnado
Nestes días realizáronse diversas actividades con alumnado do Neira.
Sesións de defensa persoal impartidas ao alumnado de 4º ESO e 1º de BACH, organizadas pola ANPA en colaboración co Departamento de EF do noso centro. Esta foi a primeira sesión das tres das que consta o breve cursiño introdutorio que imparten a xente da Asociación Galega de Bujutsu Sosei.
Encontro coa escritora Antía Yáñez no auditorio da Fábrica, quen lles falou este martes ao alumnado de 3º ESO da súa obra Non penses nun elefante rosa e doutros títulos da súa produción.
Sesións enmarcadas no Programa para o fomento da lectura que ofrece a Biblioteca de Rialeda, a onde acudiu o noso alumnado de 2º ESO para escoitar a Charo Pita contando varios dos relatos mitolóxicos incluídos nas Metamorfoses, de Ovidio.
Charla-coloquio en Santa Cruz
SUBVENCIÓN CONCEDIDA POLO CONCELLO DE OLEIROS
O Concello de Oleiros ao abeiro da Convocatoria para a concesión de subvencións para a promoción da cultura e o deporte para o ano 2023 (Decreto da Alcaldía nº2023002343 de 08/05/2023), mediante resolución de decembro de 2023, acordou conceder á ANPA ARCE DO IES XOSÉ NEIRA VILAS a subvención de 7442 euros para as actividades de : técnicas de estudo, English Club, Taller de xestión emocional, iniciación ao comic e manga, defensa persoal, linguaxe de signos e limpeza de praias.
TALLER DE XESTIÓN EMOCIONAL CON SARA VIERNA, DE ALMAS MERAKI
Os días 18, 19 e 20 de decembro tiveron lugar varios talleres de xestión emocional impartidos por Sara Vierna, de Almas Meraki, ao alumnado de 3º ESO. A actividade estivo financiada pola ANPA Arce do noso instituto e tivo o obxectivo de traballar e dotar ao alumnado de ferramentas para tomar conciencia das situacións que lles provocan malestar, repensar as súas identidades e potenciar competencias persoais como a regulación emocional.
OBRADOIROS DE TÉCNICAS DE ESTUDO
Este mes de novembro comezaron a desenvolverse no noso centro os obradoiros de técnicas de estudo, dirixidos ao alumnado de 1º, 2º e 3º ESO e organizados e sufragados, como en cursos anteriores, pola ANPA Arce. As sesións son impartidas por Belén Pérez Sanmartín, especialista en técnicas de estudo e pedagoga en “Eleeméntal. Logopedia y Pedagogía”, situado en Perillo. O seu obxectivo é contribuír a dotar ao alumnado das ferramentas precisas para organizar o seu traballo, xestionar o tempo e desenvolver estratexias que permitan mellorar o seu estudo.
ASEMBLEA XERAL ORDINARIA 2023
Convócanse a todas as familias socias e invítanse a todas as familias non socias a unha asemblea xeral ordinaria da Asociación de nais e pais do IESP Xosé Neira Vilas.
-
- Data: Xoves 14 de decembro de 2023
- Hora:
- 18:30 en 1ª convocatoria.
- 19:00 en 2ª convocatoria.
- Lugar: IESP Xosé Neira Vilas.
A continuación achéganse os seguintes documentos (premer en cada un deles para a súa visiluazación ou descarga):
– Convocatoria da asemblea cos puntos para tratar nela.
– Acta da Asemblea Xeral Ordinaria do ano 2022 para a súa lectura e posterior aprobación na reunión.
– Memoria de xestión anual do curso 2022 – 2023.
Esperamos contar coa vosa presenza.
CAMPAÑA INFORMATIVA ANPA ARCE NEIRA VILAS
Estimadas familias.
O ANPA Arce Neira Vilas ten como fin ser parte activa da comunidade educativa e colaborar co centro educativo e as administracións competentes na mellora da educación dos nosos fillos e fillas.
Gustaríanos que todas as familias do centro coñezcan mellor a nosa asociación e se animen a formar parte dela, xa sexa a través dunha participación activa ou facéndose socias.
Para iso, pareceunos importante explicar, cun pouco máis de detalle, o que facemos na actualidade e facer pública a memoria de actividades.
Con este obxectivo, achegámosvos un cartel informativo coas accións que levamos a cabo e a memoria de xestión anual do curso 2022-2023.
Estaremos encantadas/vos de que vos poñades en contacto connosco e vos animedes a colaborar.
Un afectuoso saúdo.
Actividades extraescolares 2023-2024
Durante o curso 2023-2024 o ANPA Arce do IES Xosé Neira Vilas oferta varias actividades os xoves pola tarde. Estas actividades darán comezo previsiblemente o 5 de outubro.
A primeira clase poderá ser de proba e se despois de acudir, o menor e a familia deciden non continuar, non se cobrará a primeira cota.
DEFENSA PERSOAL
Nesta actividade aprenderanse técnicas de defensa e autoprotección destinadas a preservar a integridade física e aumentar a seguridade nun/nunha mesmo/a a través do respecto aos demais e a disciplina.
Horario: xoves de 16.45 a 17.45
Custo: 18€ (custo para un mínimo de 20 participantes) socios/as
Reparto dos manuais do banco de libros

Devolución de libros do curso pasado: Rogamos a aquelas familias que aínda non devolveron os manuais fágao o máis axiña posible, desta forma poderemos satisfacer máis peticións nos casos de alumnos que nesta primeira repartición quedaron sen eles.
Doazón: aproveitamos para lembrarvos a importancia das doazóns de libros, sen elas non se poderá seguir levando a cabo este proxecto que tanto axuda ás familias. O número de manuais doados descendeu e con iso as solicitudes que desde o ANPA podemos resolver favorablemente. Por iso animámosvos a doar, aínda estades a tempo!
Un saudo e feliz comezo de curso