Arquivo da categoría: Curso 2022-2023

“UN DÍA EN GALICIA” CON 4º ESO

O pase de diapositivas require JavaScript.

Esta semana o Departamento de Xeografía e Historia comezou, un curso máis, a serie de excursións que leva a cabo para todos os niveis da ESO grazas á colaboración co Concello de Oleiros e ao seu programa “Un día en Galicia”.
Desta volta inaugurouse a actividade co alumnado de 4º ESO que visitou a cidade de Pontevedra os días 10 e 11 de xaneiro. Alí percorreron o seu casco vello, achegándoses á beleza do seu patrimonio e ao coñecemento do seu modelo urbanístico actual, internacionalmente recoñecido en moitas ocasións. Tamén visitaron o Museo Provincial de Pontevedra, onde descubriron algunhas das marabillas que custodia, dende o tesouro prehistórico de Caldas de Reis ata a obra do polifacético Castelao. Pola tarde, camiñaron polos xardíns do Pazo de Lourizán, antiga residencia de Montero Ríos e hoxe convertido nun parque botánico singular con máis de 800 especies vexetais diferentes!

VISITA AO MUSEO DE BELAS ARTES DA CORUÑA

O venres, 16 de decembro, o alumnado de 4º ESO visitou o Museo de Belas Artes da Coruña. A saída, organizada polo Departamento de Xeografía e Historia, tiña o obxectivo de descubrir a magnífica colección de gravados de Goya que alberga o Museo, nunha sala, ademais, recentemente reformada. Asimesmo, aproveitouse a ocasión para visitar o resto da colección, con especial atención á arte dos séculos XIX e XX e á presenza das mulleres artistas nela. Agradecemos ao Museo a súa cálida e instrutiva acollida!

Neira Vilas e Prisciliano

O 2 de decembro de 2022,  Victorino Pérez Prieto -no marco da Semana Neira Vilas– deu unha charla no IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas” de Oleiros sobre “Xosé  Neira  Vilas  e  Prisciliano”.
Xosé Neira Vilas ten manifestado un profundo interese por Prisciliano, un bispo inxustamente axustizado por herexe ao remate do século IV. El e a súa dona Anisia Miranda eran alcumados pelo seu amigo o insigne escritor Alejo Carpentier “os meus amigos herexes priscilianistas”.
Egrexios galegos como Otero Pedraio, Risco e Castelao tiñan tamén manifestado a importancia de Prisciliano na cultura galega. Otero chega a dicir que é “a maior individualidade que Galiza xerou”.
Prisciliano (345-385) foi un teólogo xenial, pero que foi condenado como herexe bispos e concilios por descoñecemento dos seus escritos, mas logo foi rehabilitado 1500 anos despois.  Foi tamén un asceta, un abstinente; e asé mesmo foi o iniciador dun movemento social e profeta contra o poder establecido na Igrexa na decadencia do imperio romano. E para os galegos un mito necesario para Galiza, por estar nos alicerces da cultura galega.