Arquivo da categoría: Curso 2024-2025

OBRADOIROS DE TÉCNICAS DE ESTUDO

O martes 11 de febreiro comezaron a desenvolverse no noso centro os obradoiros de técnicas de estudo, dirixidos ao alumnado de 1º e 3º ESO e organizados e sufragados, como en cursos anteriores, pola ANPA Arce. As sesións, que se prolongarán ata mediados de marzo, son impartidas por Belén Pérez Sanmartín, especialista en técnicas de estudo e pedagoga en “Eleeméntal. Logopedia y Pedagogía”, situado en Perillo. O seu obxectivo é contribuír a dotar ao alumnado das ferramentas precisas para organizar o seu traballo, xestionar o tempo e desenvolver estratexias que permitan mellorar o seu estudo. Para iso, cada grupo traballará nos diversos contidos destes obradoiros durante catro sesións.

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

O pasado 11 de febreiro, conmemoramos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia no noso instituto. O alumnado de 2º de ESO traballou na aula para recoñecer as achegas das mulleres á ciencia e reflexionar sobre a importancia de promover a igualdade de xénero neste campo.

A través de diversas actividades e debates, analizamos as contribucións de mulleres científicas históricas e actuais, motivando ao estudantado a perseguir as súas vocacións sen importar o seu xénero.

CALENDARIOS DE FINAL DE CURSO E INSTRUCIÓNS PARA A RECLAMACIÓN ÁS CUALIFICACIÓNS FINAIS

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publicou a Instrución 2/2025 pola que se concretan prazos e aspectos do procedemento para as reclamacións finais nas etapas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato para o curso 2024/25 (https://www.edu.xunta.gal/portal/node/45674).
De acordo con esta instrución e coas normas de organización, funcionamento e convivencia do centro, establécense os seguintes calendarios de final de curso:
– Para 2º Bacharelato.
– Para a ESO e 1º Bacharelato.

VISITA ÁS FACULTADES DA USC

O mércores 5 de febreiro o alumnado de 2º de Bacharelato do noso centro visitou as facultades da Universidade de Santiago de Compostela dentro do programa “A Ponte” que organiza a USC para dar a coñecer as súas titulacións e instalacións aos/ás futuros/as universitarios/as. O alumnado fixo diversos percorridos polas facultades que máis lles interesaba visitar nos diferentes campus da institución compostelá.

CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE FORMACIÓN EN LINGUAS ESTRANXEIRAS NO ANO 2025

Publicada a convocatoria de axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2025, destinadas ao alumnado de 1º e 2º de bacharelato que cursa en centros docentes sostidos con fondos públicos (DOG do 03/02/2025).

A solicitude destas axudas iniciarase a través da aplicación en liña dispoñible na páxina web do programa: https://www.edu.xunta.gal/axudasle/

O prazo de presentación de solicitudes abrangue dende o 4 de febreiro ata o 3 de marzo de 2025.

A convocatoria completa pode consultarse no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/45737

OBRA DE TEATRO EN FRANCÉS : LUPIN

O pasado martes 21 de Xaneiro, o alumnado de francés de 3º e 4º da ESO tivo a oportunidade de gozar dunha experiencia cultural única ao asistir a unha obra de teatro baseada no famoso ladrón Arsène Lupin, un dos personaxes máis coñecidos da literatura francesa. Durante esta actividade, as e os estudantes non só se mergullaron nunha trama chea de intriga e diversión, senón que tamén puideron practicar a lingua nun contexto real e dinámico.

Sen dúbida, foi unha experiencia inesquecible que deixou unha gran pegada no alumnado !

Le mardi 21 janvier, les élèves de français de 3e et 4e de l’ESO ont eu l’opportunité de vivre une expérience culturelle unique en assistant à une pièce de théâtre basée sur le célèbre gentleman cambrioleur Arsène Lupin, l’un des personnages les plus connus de la littérature française. Lors de cette activité, les élèves ne se sont pas seulement immergés dans une intrigue pleine de suspense et de divertissement, mais ils ont également pu pratiquer la langue dans un contexte réel et dynamique.

Sans aucun doute, cela a été une expérience inoubliable qui a laissé une grande impression sur les élèves !

CHARLAS DE ORIENTACIÓN NO INSTITUTO E XORNADAS DE ORIENTACIÓN ARTÍSTICA E PROFESIONAL (XOAP 2025) DO CONCELLO DE CORUÑA

O pasado 14 de xaneiro a orientadora do noso centro, Beatriz Hermida, impartiu unha charla de orientación académica en todos os grupos de 4º ESO, centrada en informar ao alumnado sobre as ensinanzas de formación profesional e as ensinanzas de réxime especial, con particular atención ás ensinanzas deportivas e ensinanzas artísticas (ensinanzas de arte dramática, de artes plásticas e deseño, e de conservación e restauración de bens culturais).

De xeito complementario, infórmase de que do 27 de xaneiro ao 7 de febreiro (ás 14:00 h.) está aberto o prazo para que o alumnado interesado se inscriba nas Xornadas de Orientación Artística e Profesional (XOAP 2025), que organiza o Concello de Coruña.
O obxecto das Xornadas é dar a coñecer aos/ás estudantes de secundaria a oferta de Formación Profesional na Coruña, así como das ensinanzas artísticas profesionais e dos estudos superiores de deseño para o próximo curso 2025/2026. As datas previstas para a súa realización son os días 17, 18, 19 e 24 de febreiro. Pódese consultar toda a información, así como os folletos e carteis, no seguinte enlace: https://www.coruna.gal/educacion/gl/programas-educativos/detalle-programa/ii-xornadas-de-orientacion-artistica-e-profesional-xoap-2025/contenido/1453870389882