O martes 25 de febreiro o alumnado de 2º de Bacharelato asistiu a unha charla informativa sobre a estrutura e funcionamento das probas PAU e sobre o procedemento de acceso ao sistema universitario galego. Foi impartida no noso instituto no marco do programa divulgativo “A ponte” da Universidade de Santiago de Compostela.
Arquivo da categoría: Curso Actual
TEATRO “ARTE SEN GUIÓN”
No Día da Lingua Materna, 21 de febreiro, o alumnado de 1º de Bacharelato acudiu ao Auditorio Gabriel García Márquez, en Mera, para gozar dunha especulación improvisada feita pola compañía Galeatro.
O alumnado foi protagonista e encheron as partes incompletas dun estraño códice medieval que axudou a que as catro persoas comediantes puidesen representar os seus entremeses. A música, a improvisación e o oficio da escrita fixeron que esta posta en escena estivese arrodeada de risas porque a Idade Media tamén pode ser moi, moi, moi divertida!
ARRANXO DUNHA PARTE DA FACHADA
Ao longo deste curso a Unidade técnica do Departamento territorial de A Coruña da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación profesional procedeu ao arranxo da fachada lateral de entrada do noso instituto, así como de parte da fachada posterior. Esta intervención foi paralela a outras accións de mellora das nosas instalacións que se levan acometendo desde o centro desde o verán de 2024, incluíndo a instalación de novos paneis dixitais para todas as aulas, asignados pola Consellería no marco do programa E-Dixgal, o acondicionamento e pintado das aulas do andar superior, que quedaran pendentes o curso anterior, así como outros pequenos arranxos para mellorar o espazo no que a comunidade educativa desenvolve o seu traballo cada día.
UN DÍA EN GALICIA CON 4º ESO
Os días 31 de xaneiro e 13 e 18 de febreiro o alumnado de 4º ESO disfrutou dunha saída promovida polo Departamento de Xeografía e Historia e organizada polo Concello de Oleiros. Desta volta tivemos a oportunidade de coñecer a cidade de Ferrol e a súa contorna, incluíndo Mugardos, a praia de Doniños ou o Museo de Historia natural de Ferrol.
XORNADA DE ORIENTACIÓN ACADÉMICA E PROFESIONAL PARA O ALUMNADO DE 4º ESO E 2º BACHARELATO
febreiro de 2025 celebrouse no Pavillón Arsenio Iglesias de Santa Cruz a IV Feira de Orientación académica e profesional do Concello de Oleiros, dirixida ao alumnado de 4º ESO e 2º Bacharelato.
Trinta e unha entidades entre as que se atopan Universidades, Dirección Xeral de Formación Profesional e centros de FP, escolas públicas e privadas de distinta índole (hostalería, finanzas, pilotos e persoal de cabina, artes gráficas, escola de artes e deseño, imaxe e son,…), academias, Forzas Armadas e Garda Civil, entre outras, informaron durante todo o día sobre as diferentes alternativas académicas e profesionais a disposición do alumnado. Seguir lendo XORNADA DE ORIENTACIÓN ACADÉMICA E PROFESIONAL PARA O ALUMNADO DE 4º ESO E 2º BACHARELATO
Encontro con Paula Carballeira
En 2025 as institucións e as diversas entidades da sociedade civil reúnense para celebrar o legado artístico, político e social de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao. O IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas axunta o seu gran de area, nesta celebración do Ano Castelao, cun marabilloso e inesquecible encontro coa dramaturga Paula Carballeira.
Daniel no peirao é unha obra que recrea a infancia de Castelao nun mundo cheo de ilusións e de retratos. A este universo teatral viaxou o alumnado de 1º ESO, este luns 17 de febreiro, da man da súa autora para interpretar un anaquiño da peza, para aprender as tremoias da escrita teatral e ata algún truquiño que usaremos nas aulas de lingua.
Moitas grazas, P. Carballeira por compartir con nós esta mañá tan fantástica!
Festival Falando a Boca Chea
O Festival Falando a Boca Chea inicia unha nova edición e grazas ao SNL do Concello de Oleiros, o alumnado de 2º da ESO participa deste encontro de narración oral que nace en 2017 e que, cada ano, medra máis e máis.
Nesta ocasión, o venres 7 de febreiro o improvisador Josiño da Teixeira fixo un percorrido pola historia dos brindos e as regueifas que nos deixou de boca aberta. Que impresión coñecer as conexións que nos unen a Cuba, a Portugal ou ao País Vasco entre moitas outras culturas! Nin que dicir ten que nós tamén queriamos formar parte desta historia e aló nos botamos a regueifar seguindo as indicacións de Josiño da Teixeira! Seguir lendo Festival Falando a Boca Chea
SOLICITUDE DE ACREDITACIÓN DA COMPETENCIA DIXITAL PARA O ALUMNADO
DATA LÍMITE PARA A INSCRIPCIÓN 18 DE FEBREIRO DO 2025
Información sobre a acreditación da competencia dixital para o alumnado de ESO e Bacharelato: INFORMACIÓN
OBRADOIROS DE TÉCNICAS DE ESTUDO
O martes 11 de febreiro comezaron a desenvolverse no noso centro os obradoiros de técnicas de estudo, dirixidos ao alumnado de 1º e 3º ESO e organizados e sufragados, como en cursos anteriores, pola ANPA Arce. As sesións, que se prolongarán ata mediados de marzo, son impartidas por Belén Pérez Sanmartín, especialista en técnicas de estudo e pedagoga en “Eleeméntal. Logopedia y Pedagogía”, situado en Perillo. O seu obxectivo é contribuír a dotar ao alumnado das ferramentas precisas para organizar o seu traballo, xestionar o tempo e desenvolver estratexias que permitan mellorar o seu estudo. Para iso, cada grupo traballará nos diversos contidos destes obradoiros durante catro sesións.
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA
A través de diversas actividades e debates, analizamos as contribucións de mulleres científicas históricas e actuais, motivando ao estudantado a perseguir as súas vocacións sen importar o seu xénero.

