Arquivo da categoría: Curso Actual

Un reto da biblioteca polo 11 de Febreiro

A nosa biblioteca celebrou o Día da muller e da nena na ciencia o 11 de febreiro plantexándolle un reto ao alumnado. Tratábase de identificar diversos inventos e descubrimentos realizados por mulleres científicas ao longo da historia. A actividade completouse co mural no que se expuxeron esas aportacións ao longo de toda a semana e cunha exposición de libros STEM escritos por mulleres científicas. Seguimos traballando e avanzando cara á plena igualdade en todos os campos de coñecemento e en todos os ámbitos da vida.

 

Subvención concedida polo Concello de Oleiros

O Concello de Oleiros por decreto da Alcadía número 2022006178, ditado en data 16 de decembro de 2022, acordou conceder á ANPA ARCE DO IES XOSÉ NEIRA VILAS a cantidade de 4.205,30 € para as actividades de baloncesto, técnicas de estudo, visitas á casa da mocidade, English Club e visitas ás Meninas de Canido, ao abeiro da Convocatoria para a concesión de subvencións polo Concello de Oleiros para a promoción da cultura e o deporte para o ano 2022.

“O FAIADO DE BALBINO” ESTÁ EN MARCHA

Tras a volta do Nadal botou a andar o novo club de lectura do noso instituto, “O faiado de Balbino”. A iniciativa inclúe numerosos grupos de lectura, coordinados polo profesorado do centro e dirixidos ao alumnado dos distintos cursos e ás súas familias:
– Grupo”Historias fantásticas da Mitoloxía”, coordinado por David Amboage.
– Grupo de banda deseñada en galego “Cousas” e grupo das familias “Cantarolas”, coordinados por Elisabet Ríos.
– Grupo de portugués “Xs Lusíadxs”, coordinado por Noé Vázquez.
– Grupo de castelán “Bululú”, coordinado por Guadalupe Pardo.
– Grupo de Xeografía e Historia “Caderno de Bitácora” e grupo LGTBIQ+ “Diversx”, coordinados por Mercedes López-Mayán.
Ata a data celebráronse xa numerosas xuntanzas e desenvolvéronse varias lecturas e proxectos relacionados. E isto non fixo máis que comezar!
Boas lecturas!

O pase de diapositivas require JavaScript.

VISITA A MOÁN E REPSOL

O mércores 1 de febreiro o alumnado de ciencias de 1º de Bacharelato visitou a empresa de mecanizados Moán e a refinería da Coruña, propiedade de Repsol.
En Moán, o alumnado puido ver a maquinaria en funcionamento e a organización do equipo produtivo nas tres áreas que conforman a empresa: mecanizados, soldadura e caldeiraría e mecánica.
Doutra banda, na refinería ademais de visitar as instalacións, a rapazada puido coñecer as orixes do complexo industrial, a súa evolución ao longo dos anos e os plans de futuro máis inmediatos, os cales están orientados á redución de emisións, as enerxías renovables e o desenvolvemento dunha economía circular.

“UN DÍA EN GALICIA” CON 4º ESO

O pase de diapositivas require JavaScript.

Esta semana o Departamento de Xeografía e Historia comezou, un curso máis, a serie de excursións que leva a cabo para todos os niveis da ESO grazas á colaboración co Concello de Oleiros e ao seu programa “Un día en Galicia”.
Desta volta inaugurouse a actividade co alumnado de 4º ESO que visitou a cidade de Pontevedra os días 10 e 11 de xaneiro. Alí percorreron o seu casco vello, achegándoses á beleza do seu patrimonio e ao coñecemento do seu modelo urbanístico actual, internacionalmente recoñecido en moitas ocasións. Tamén visitaron o Museo Provincial de Pontevedra, onde descubriron algunhas das marabillas que custodia, dende o tesouro prehistórico de Caldas de Reis ata a obra do polifacético Castelao. Pola tarde, camiñaron polos xardíns do Pazo de Lourizán, antiga residencia de Montero Ríos e hoxe convertido nun parque botánico singular con máis de 800 especies vexetais diferentes!