Arquivo da categoría: Curso

Información relativa ao fondo de libros 2024-2025

– Devolución dos manuais prestados: levarase a cabo o día 21 de xuño en horario lectivo de 8:30 a 10:10 polo que rogamos que ese dia os nenos e nenas leven os manuais que teñen en préstamo, así como aqueles que vaian doar.

– Doazón de manuais: todas aquelas familias que desexen doar libros para o fondo poderá entregalos no mesmo momento da devolución o día 21, (tamén se recollerán as doazóns dos grupos de 2º da ESO). Aproveitamos para lembrarvos a importancia de este acto de solidaridade  e para agradecervos esta colaboración que fai que desde o ANPA podamos continuar con este labor.

 Solicitude de libros para o curso 2024-2025: En canto teñamos a confirmación dos manuais a usar no curso 24-25, previsiblemente nos próximos días, farémosvos chegar a información xunto co documento de solicitude dos mesmos.

– A entrega dos manuais do próximo curso realizarase a finais de xuño – principios de xullo nos días de matriculación, concretaremos datas e horarios nos próximos días.

Lembrarvos que para poder ser beneficiarios do préstamo de libros é imprescindible a devolución de todos os manuais prestados para este curso que termina e informarvos que como todos os anos, os socios do ANPA terán preferencia no préstamo sobre as familias que non son socias. Podédes consultar o décalogo de préstamo aquí.

Deixámosvos aquí  a ficha de alta como socios do ANPA no curso 2024-2025 para todas as familias que así o desexen.

PARABÉNS AO ALUMNADO DE 2º BACHARELATO PREMIADO NO ACTO MEGABAU!

Temos a enorme ledicia de anunciar que o noso centro conta con cinco estudantes con mellores expedientes de Galicia nas ABAU 2024: Fabián Hernández Miranda, Ainhoa D. Infesta Galarza, Lois Pereiro Romero, Miguel Rodríguez Coronado e Lucas Vivero Vergara. Os seus excelentes resultados académicos serán recoñecidos, xunto co resto do alumnado premiado, no acto MEGABAU 2024. Acto de homenaxe aos mellores expedientes de Galicia ABAU 2024, que terá lugar no Coliseum da Coruña o venres 21 de xuño ás 11:30 h. e que está organizado polas tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia e pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Desde a comunidade educativa do Neira Vilas unímonos tamén a este recoñecemento, co gran orgullo de contar con alumnado tan brillante e traballador. Moitos parabéns!

ENCONTRO CON EVA VEIGA

Grazas á Asociación de Escritoras en Lingua Galega e ao Departamento de Galego, o 11 de xuño puidemos contar no instituto coa intervención de Eva Veiga, quen vén de recoller o Premio de Honra dos Mestres Mateo pola súa traxectoria como comunicadora. É, ademais, unha grande coñecedora da obra de Luísa Villalta coa que compartiu amizade e o oficio de escritora.
O alumnado de 3º ESO gozou dunha sesión poética marabillosa e viaxou, a través das palabras de Eva Veiga, polos sentires da autora a quen lle dedicaron as Letras Galegas 2024 e que foi profesora do noso centro.

LINGUA DE SIGNOS E CULTURA XORDA

O 10 de xuño de 2024 o alumnado de 3º ESO B participou nun obradoiro de lingua de signos e cultura xorda impartido por Anuska Millón. A actividade, organizada polo Departamento de Lingua Galega e literatura, suscitou un gran interese entre o alumnado, que aprendeu algunhas nocións básicas da lingua de signos. Moitas grazas á poñente polas súas achegas tan interesantes!

VISITA DO ALUMNADO DE 6º EP DO COLEXIO ADSCRITO

O venres 31 de maio o alumnado de 6º EP do CEIP Ramón María del Valle-Inclán visitou o noso instituto, onde se incorporará a 1º ESO o curso que vén. Despois de ser recibido no Salón de Actos polo equipo directivo, a orientadora, Lorena Insua, e varias alumnas do equipo de mediación explicáronlle algunhas cuestións básicas do funcionamento do centro. A continuación, o alumnado visitou as instalacións do instituto, guiado por membros do equipo de mediación, e disfrutou dunha merenda final no patio antes de voltar ao colexio.

INFORMACIÓN SOBRE O PROGRAMA BACHIBAC

Dende esta semana a nosa páxina web conta cun novo apartado dentro de “Información académica” no que se pode consultar toda a información sobre o programa Bachibac, que en toda Galicia só se imparte no noso centro: condicións de acceso ao programa, plan de estudos, vantaxes, funcionamento práctico, normativa reguladora, enlace á web de referencia do Ministerio de Educación, etc.
Asemade, o pasado xoves 23 de maio tivo lugar no instituto unha reunión informativa sobre o Bachibac dirixida ás familias do alumnado de 4º ESO que está interesado en incorporarse ao programa para o curso que vén. Desde o centro agradecemos a todos/as os/as asistentes o seu interese e participación.

VISITA Á EXPOSICIÓN EXPOTAKU

O sábado 25 de maio as e os integrantes do club de lectura de banda deseñada e manga do noso centro visitaron a exposición ExpOtaku en Coruña. Alí puideron coñecer de primeira man moitas novidades sobre o mundo do manga e o anime, participar en diferentes obradoiros e xogos e disfrutar de numerosas actividades que poñen un broche de ouro ás sesións de lecturas e reflexións compartidas ao longo do curso por estes grandes lectores e lectoras.

O pase de diapositivas require JavaScript.