Arquivo da categoría: Curso

BOLSAS E AXUDAS PARA O ALUMNADO CON NECESIDADES ESPECÍFICAS DE APOIO EDUCATIVO

 O 19 de abril publicouse no BOE a resolución da Secretaría de Estado de Educación pola que se convocan axudas para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2024-2025. O prazo para solicitalas está aberto desde o 30 de abril ata o 13 de setembro de 2024.
Toda a información detallada sobre estas axudas e o procedemento para solicitalas pódese consultar no seguinte enlace: https://www.educacionfpydeportes.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/general/05/050140/ficha/050140-2024.html#dc1.

NORABOA ÁS NOSAS ALUMNAS ALBA E TARIQUA, GAÑADORAS DO CERTAME LITERARIO “DESCUBRINDO OLEIROS”

A comunidade educativa do Neira está de noraboa posto que dúas alumnas resultaron gañadoras en sendas categorías do X Certame literario “Descubrindo Oleiros”, para o que se presentaron 215 relatos e cuxo fallo foi emitido polo xurado o pasado 15 de abril atendendo á corrección lingüísticas, á calidade textual e á orixinalidade.

As vencedoras foron, na terceira categoría do certame, Alba Caridad Castro, de 1º ESO, polo relato “Branco. Peixe voador de sete patas”, e na cuarta categoría, Tariqua Brandón Rey, de 3º ESO, polo texto “As meigas de Ibarrola. A casa dos suspiros”.

A entrega de premios realizarase o 14 de maio ás 19,00 h. nas Torres de Santa Cruz. O premio é un vale de 200 euros para cada persoa gañadora para comprar libros en calquera das librerías de Oleiros.

Grazas ao Concello de Oleiros por esta iniciativa! E noraboa aos gañadores e gañadoras!

Actividades varias na segunda quincena de abril

a) Viaxe de 1º BACH a Tenerife): Dende o 19 ao 24 de abril parte do alumnado de 1º BACH cambiou a hora dos seus reloxos con motivo da viaxe a Tenerife, onde disfrutaron de ceos azuis, paisaxes alucinantes e moitos baños en auga doce e salgada. E todo nun marco de agradable convivencia entre si e coas dúas profesoras que os acompañaron: Eli Ríos e Cristina Vázquez.

O pase de diapositivas require JavaScript.

b) O pasado mércores, 24 de abril, o alumnado de 3º ESO A acudiu ao obradoiro “Viaxe en viñetas”, impartido polo debuxante Miguel Cuba, que tivo lugar na Biblioteca de Rialeda.

listaxes provisionais de AXUDASLE

Desde o servizo de Innovación e Programas Educativos comunicamos a todos os centros docentes sostidos con fondos públicos con ensinanzas en Bacharelato, que o día 23 de abril foron publicadas as listaxes provisionais de alumnado seleccionado e suplente e a listaxe de solicitudes que precisan remisión de documentación relacionada coas comprobacións segundo o establecido no artigo 8.1 (apartados c,d,e,f), segundo o establecido no artigo 16.3 da Orde do 29 de xaneiro de 2024 pola que se convocan axudas para a realización de actividades formativas en linguas estranxeiras no ano 2024, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (DOG do 12/02/24) que se poden consultar na web da convocatoria http://www.edu.xunta.gal/axudasle e no Portal Educativo  https://www.edu.xunta.gal/portal/node/42968 

CHARLAS DE ORIENTACIÓN ACADÉMICO-PROFESIONAL

Ao longo desta semana, a orientadora do centro, Lorena Insua, impartiu ao todo o alumnado de 4º ESO unha charla sobre orientación académico-profesional na que lle explicou o funcionamento e características da Formación profesional e do Bacharelato, así como o sistema de acceso á universidade, e lle achegou estratexias de autocoñecemento e toma de decisións para a orientación do seu futuro académico e laboral. Proximamente, completarase a información suministrada nesta charla coa explicación detallada do programa Bachibac.

 

PUBLICACIÓN DAS LISTAXES PROVISIONAIS DO ALUMNADO ADMITIDO E NON ADMITIDO NA ADMISIÓN ORDINARIA PARA O CURSO 2024-2025

Hoxe, 25 de abril, foron publicadas as listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido na admisión ordinaria para o curso 2024-2025. Ditas listaxes pódense consultar presencialmente no taboleiro de anuncios do centro ou por vía electrónica a través da aplicación informática admisionalumnado.

As familias poderán formular reclamación a ditas listas ante o Consello Escolar no prazo de 5 días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

A listaxe definitiva do alumnado admitido e non admitido publicarase o día 15 de maio.

EXCURSIÓN DO ALUMNADO DE 1º ESO AO COUREL

Entre os días 10 e 12 de abril e 17 e 19 do mesmo mes, a meirande parte do noso alumnado de 1º ESO viaxou ao Courel grazas á actividade organizada e ofertada aos centros educativos, como en cursos anteriores, polo Concello de Oleiros. Ao longo dos tres días que durou a estadía de cada grupo, o noso alumnado, acompañado de profesorado do instituto, realizou diversas actividades físicas e culturais que lle permitiron coñecer de preto a enorme riqueza da gran reserva natural que é o Courel e a súa contorna.

O pase de diapositivas require JavaScript.

CHARLA SOBRE LUÍSA VILLALTA

O mércores 17 de abril a escritora Marga do Val impartiu unha charla sobre Luísa Villalta ao alumnado de 2º Bacharelato. A actividade, organizada polo Departamento de Lingua Galega e literatura e o Equipo de Dinamización Lingüística do centro, permitiu coñecer mellor á autora á que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Moitas grazas a Marga do Val por este interesante achegamento a Luísa Villalta.

FESTIVAL BOCA CHEA

O luns 15 de abril Ángeles Goás, de Abadín (Lugo), achegoulle ao alumnado de 3º ESO aquelas historias de noso que se transmiten oralmente de xeración en xeración. Grazas ao Equipo de Dinamización Lingüística e ao Departamento de Lingua Galega e literatura do noso instituto, así como ao Equipo de Normalización do Concello de Oleiros por facer posible, un ano máis, este festival no noso centro educativo.