Arquivo da categoría: Departamentos

“UN DÍA EN GALICIA” CON 4º ESO

O pase de diapositivas require JavaScript.

Esta semana o Departamento de Xeografía e Historia comezou, un curso máis, a serie de excursións que leva a cabo para todos os niveis da ESO grazas á colaboración co Concello de Oleiros e ao seu programa “Un día en Galicia”.
Desta volta inaugurouse a actividade co alumnado de 4º ESO que visitou a cidade de Pontevedra os días 10 e 11 de xaneiro. Alí percorreron o seu casco vello, achegándoses á beleza do seu patrimonio e ao coñecemento do seu modelo urbanístico actual, internacionalmente recoñecido en moitas ocasións. Tamén visitaron o Museo Provincial de Pontevedra, onde descubriron algunhas das marabillas que custodia, dende o tesouro prehistórico de Caldas de Reis ata a obra do polifacético Castelao. Pola tarde, camiñaron polos xardíns do Pazo de Lourizán, antiga residencia de Montero Ríos e hoxe convertido nun parque botánico singular con máis de 800 especies vexetais diferentes!

VISITA AO MUSEO DE BELAS ARTES DA CORUÑA

O venres, 16 de decembro, o alumnado de 4º ESO visitou o Museo de Belas Artes da Coruña. A saída, organizada polo Departamento de Xeografía e Historia, tiña o obxectivo de descubrir a magnífica colección de gravados de Goya que alberga o Museo, nunha sala, ademais, recentemente reformada. Asimesmo, aproveitouse a ocasión para visitar o resto da colección, con especial atención á arte dos séculos XIX e XX e á presenza das mulleres artistas nela. Agradecemos ao Museo a súa cálida e instrutiva acollida!

INMERSIÓN LINGÜÍSTICA DO ALUMNADO DE BACHIBAC 2 EN VANNES

Do 9 ao 21 de setembro o alumnado de Bachibac 2 está a realizar unha estadía de inmersión lingüística na preciosa localidade de Vannes, situada na Bretaña francesa, con estudantes do lycée Saint-François Xavier. Durante eses días cada alumno/a reside coa familia do seu “correspondant”, co que asiste ás clases no horario lectivo e desenvolve múltiples actividades culturais, deportivas e de lecer.

A comunidade educativa do IES Neira Vilas quere agradecer a cálida acollida brindada polo lycée Saint-François Xavier, así como polas familias do alumnado que participa nesta experiencia e que, á súa vez, terá a oportunidade de viaxar ao noso instituto e coñecer a nosa terra próximamente.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Despedida do curso académico 2021-22

22 de xuño de 2022 representou o último día de acción e diversión educativa do curso académico.

Arredor da pista principal do IES, o alumnado de Cultura Científica de 4º ESO elaborou prácticas sinxelas de laboratorio que explicou a compañeiras e compañeiros. O departamento de Educación Física implicou a profesorado e alumnado nunha sesión de xogos populares, e alumnado da Escola de Música de Oleiros -baixo a supervisión do departamento de Música do centro educativo- realizou unha pequena actuación musical.

Grazas pola colaboración de todas e todos nesta despedida de curso académico. Bo verán a toda a comunidade educativa!!!