Todolos artigos de: vicedireccion

VIII Échange Scolaire // Intercambio Escolar

Intercambio Escolar 2016
Intercambio Escolar 2016

Un total de 43 alumnos de 2º, 3º, 4º ESO e 1º de Bacharelato participan no VIII ÉCHANGE SCOLAIRE que terá lugar entre os días 8 e 19 de abril. Estarán acompañados dos profesores Dona Isabel López Mariño , Don Juan Santamaría e Don Carlos Vidal .
Durante a estadía en Vannes (Francia), o alumnado do Neira Vilas fará diversas actividades : visita á rexión da Bretaña francesa ( Carnac, Quiberon , Mont Saint Michel, Saint Malo, etc.); tamén asistirán ás clases no Collège Notre Dame Le Menimur.
O alumnado BACHIBAC fará unha inmersión lingüística reforzada para a preparación da proba externa que realizarán estes alumnos no mes de maio de 2017. Ademais, para superar o DELF B2, asistirán a clases no Lycée.
A continuación efectuarase unha visita a París onde o alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato visitará o Museo do Louvre.
O intercambio rematará cunha visita a Eurodisney.

Visita as facultades da Universidade da Coruña

O 4 de marzo o alumnado de 2º de bacharelato realizou esta visita, organizada polo departamento de Orientación, na que puideron coñecer as instalacións, funcionamento e contidos que se imparten en diversas facultades seguindo tres itinerarios distintos en función das preferencias do alumnado. Agradecer á Universidade a organización e atención prestada aos nosos alumnos e alumnas.

Visita Facultades 2º BACH
Foto realizada polo alumno Juan Tejedor de 2º de bacharelato

Últimas saídas do alumnado de 4º ESO

O 8 de xaneiro de 2016 tivemos unha visita ao Museo de Belas Artes da Coruña. O alumnado visitou a exposición dos gravados de Goya e realizou unha práctica de gravado. Estiveron acompañados polos profesores María Dans Sampedro e Jorge Carlos Calle López. Grazas a todo o persoal do museo pola boa atención prestada.
O 17 de febreiro o alumnado visitou a fábrica das patacas fritidas de Bonilla nunha saída organizada polo departamento de Economía. Os profesores Isabel López Mariño e Jorge Carlos Calle López acompañaron nesta ocasión ao alumnado. Grazas á fábrica pola visita, moi instrutiva para os nosos alumnos e alumnas.

Entroido 2016

Entroido_1Premiados
Premiados no concurso de disfraces

Promovido polo Departamento de Dinamización Lingüística tiveron lugar, do 1 ao 5 de febreiro, diversas actividades relativas a esta festa tradicional.

Cada día da semana houbo unha proposta de disfraz e o venres celebrouse un concurso de postres e outro de disfraces acompañados de desfile e testamentos do Entroido.

Premios os mellores disfraces
1º Premio ao mellor disfraz individual:
  • Francisco Rodríguez Bedoya (3º de ESO) por “Torrente”.
2º Premio ao mellor disfraz individual:
  • Benjamín Coira Vázquez por “Señorita de compañía” (2º de ESO).
1º Premio ao mellor disfraz colectivo:
  • Breogán Fernández Moreira, José Vázquez Longueira e Guillermo Huelin García  (3º de ESO)  por “En un lugar de la Mancha”.
Premios aos mellores postres:
  • 1º Premio: Emy-Joy Hernández Direito (1º de ESO).
  • 2º Premio: Marta Martínez Novo (4º de ESO).

Concurso de conxuros

ConcursoConxuros_nov_2015O pasado 18 de decembro entregáronse os premios aos autores dos textos que gañaron o concurso de conxuros: Noela Mato López (ESO 1A) e Javier Moya Sánchez (ESO 1B) así como á gañadora do concurso de cabazas,Clara Graña Castro (ESO 1B). Os certames foron organizados polo Equipo de Dinamización da Lingua galega co gallo do Samaín. Pódense consultar os conxuros no blogue da Biblioteca do IESP: “O faiado de Balbino”.

Descubrindo Oleiros

A alumna Andressa Fernández Amador de 1º A recibiu un dos accésit do premio literario “Descubrindo Oleiros” que convoca o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros, na categoría do primeiro ciclo da ESO. Andressa presentouse ao certame, no que participou alumnado de todos os centros educativos do concello, co relato “Detrás dun andel”. Recolleu o premio, xunto aos outros gañadores, o 22 de decembro no Auditorio da Fábrica. Parabéns, Andressa!

Lembraza de Neira Vilas

En lembranza de Neira Vilas, Pepe Carballude, escritor e profesor deste instituto leu, no acto de homenaxe a Neira Vilas o seguinte texto dedicado ao seu compañeiro de letras e, sobre todo, ao amigo:

” Hai hoxe mesmo unha semana comunicáronme a morte de Xosé Neira Vilas, Pepe Neira como lle chamabamos os amigos. Sorprendeume a nova certamente. ¿Quen non se sorprende ante a chegada da morte? Dicían os clásicos que vén silandeira e que golpea con igual pé os palacios dos reis que as choupanas dos pobres. A morte iguálanos a todos. Sabía que tiña os seus anos, que estaba delicado, que superara un ingreso hospitalario a finais do curso pasado, pero… ¿Como ía morrer Neira Vilas? Parecíame eterno. ¿E non o será? Dicía o poeta latino Ovidio que o escritor non morre de todo. Tan só desaparece fisicamente, pero renace cada día nas mans dos lectores.
Durante o verán estivemos xuntos na feira do libro coruñesa. Chamoume e acudín á cita, coma facía cada ano. Sempre tiña libro novo que presentar. Neste caso foron dous. Fixemos unhas fotos, as derradeiras e, sen sabelo, despedímonos para sempre.
Pero, ¿quen é Neira Vilas? Para moitos dos aquí presentes é o personaxe que dá nome ó noso instituto. Para outros, un grandísimo escritor galego, autor do libro máis lido da nosa literatura, dignificador dun idioma e dunha clase social, a dos pobres e dos caseiros. Para outros, un académico de número da Real Academia Galega. Para outros, un home importante, doutor honoris causa por varias universidades de todo o mundo.
Para min un AMIGO.
Fóiseme un amigo.
Coñecino en 1976 e amigamos de por vida. Os dous vimos da aldea. Os dous somos fillos de labradores, pobres e con familia numerosa. Os dous caneamos a eito carreiros e congostras. Os dous arrincamos esterco e gradamos as veigas; esbrugamos o millo e apañamos a herba seca; os dous mallamos o centeo e gadañamos o alcacén; fixemos chingas coas asas dos caldeiros e tirapedras cos neumáticos das rodas; os dous choramos a morte dun can fiel, compañeiro de trafegos e cómplice de inconfesables falcatrúas; os dous quecemos as canelas entaladas á beira do lume; os dous comemos broa resesa a diario e pantrigo os días de festa. En fin, os dous compartimos un xeito de vivir e un modo de ser. Os dous presumimos de ser da aldea. El dicía que tiña media alma aquí e a outra media en Cuba, a súa segunda patria.
Nun acto coma este non hai tempo para abordar as múltiples caras da personalidade de Pepe Neira Vilas. Destacarei sobre todo a de traballador incansable, sempre atento a axudar ós demais. A calquera hora do día ou da noite chamaba para consultar algunha cousa que pensaba que eu podía saber ou para pedir opinión. Outras veces chamaba simplemente para falar, polo pracer de parrafear unha miga. Sempre tiña na mente algún proxecto novo: unha historia, un poema, unha crónica de algo… Quería ser o notario da emigración, contar o que só el sabía por telo vivido, para que o aprendésemos os demais. “Imos morrendo os vellos e despois…”, adoitaba dicir el e tamén Díaz Pardo, que era da mesma opinión.
Sentía unha querenza especial por Oleiros. Seino. Estáballe moi agradecido, ó seu alcalde e a toda veciñanza. Citábanos como modelo de democracia participativa. Díxomo moitas veces. Non esqueceu nunca que foi o noso concello quen primeiro lle dedicou unha rúa e un centro de ensino, o noso instituto, e quen sintonizou cos ideais políticos tan de seu.
Morreu pensando vir aquí, a este instituto, no próximo mes de febreiro. As derradeiras palabras que mantiven con el, o pasado 30 de novembro, a mesma semana da súa morte, foron para confirmalo. E tamén para preguntar se chegaran as dúas últimas publicacións súas para a vitrina que temos á entrada da sala de profesores. ¡A vitrina! ¡A súa querida vitrina! Quería que estivesen reunidas nela todas as súas obras, nos distintos idiomas e edicións. Cada libro novo que saía, un exemplar para a vitrina do Instituto de Perillo. Non fallaba. Chamaba por teléfono para asegurarse ou escribíame, á man ou á máquina, sempre en papeliños recortados. Coma o desta carta que vou ler de seguido. ”
Pepe Carballude, 4 de decembro de 2015.

Hakaneira

O 18 de decembro de 2015, o IESP celebrou a macro-actividade #NeiraNunDía, unha co-participación da comunidade educativa ao longo de seis horas nas que o deporte, a investigación, a teatralización, a música, a chispa e o humor serviron para entrelazar aínda máis aos membros deste instituto.
Grazas a tod@s pola ilusión e o traballo amosado, en #NeiraNunDía, en Refuxiad@s e en #Hakaneira. Estas actividades reflectiron a variedade de aprendizaxes que ao longo dunha xeira se pode lograr.
Presentación de Refuxiad@s. Un video sobre campamentos de refuxiados no mundo. Un video sobre a leitura de “Cuando Hitler robó el conejo rosa“.
Presentación de #Hakaneira. Un video introdutorio.
Desexámosvos un moi Bo Nadal e próspero 2016, e facémolo lembrando a belísima panxoliña que profesores e alumnos prepararon para a ocasión, “Nadal de Luintra” .

Eu son Neira Vilas

O día 3 de novembro o escritor Xosé Neira Vilas festexaba o seu aniversario. Desde o IESP enviouse un vídeo-agasallo no que o profesorado, alumnado e persoal do centro asumía a personalidade do escritor partindo da célebre frase coa que comeza “Memorias dun neno labrego”. O que ía ser un agasallo converteuse o día 27 nunha homenaxe a súa vida e obra.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega colgou na súa web o video elaborado pola comunidade educativa do centro e xa o puxo en facebook.

Homenaxe a Neira Vilas

A nosa Comunidade Educativa celebrou un acto de lembranza e homenaxe a Xosé Neira Vilas o día 4 de decembro.

Interviu en primeiro lugar o director para salientar a honra de levar o seu nome e lembrar o agarimo que el sempre sentiu polo noso centro. Falou a continuación Xosé Carballude, como profesor e amigo que foi do egrexio escritor, para dar paso a continuación a unha ampla representación de nosa colectividade (alumnado, persoal non docente e familias) que leron diversos textos nas diversas linguas de orixe de todos eles. Interviu a continuación a Concelleira de Cultura e Normalización Lingüística de Oleiros e pechouse o acto con dúas actuacións musicais.