Xa está publicada a convocatoria das probas específicas de acceso aos estudos de Grao en Ciencias da actividade física e do deporta da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación física da UDC. Toda a información sobre o procedemento de inscrición, calendario das probas, requisitos, etc. pode consultarse no seguinte enlace: https://inefg.udc.es/index.php/pruebas-especificas-de-acceso/2012-03-10-09-24-14
Todolos artigos de: xefatura
VIAXE DE INMERSIÓN LINGÜÍSTICA EN VANNES
Do 15 ao 23 de febreiro o alumnado de Bachibac 1 realizou unha estadía de inmersión lingüística no Lycée Saint François-Xavier de Vannes, segundo se contempla no plan de estudos deste programa de dobre titulación Bacharelato-Baccalauréat.
Ao longo destes días, o noso alumnado acudiu regularmente a clases no lycée bretón e viviu coas familias dos seus “correspondants”. Asemade, puido realizar diversas actividades e saídas extraescolares, incluíndo as excursións ao Mont Saint-Michel e a Rennes e a visita guiada polo centro histórico de Vannes, na que tivo mesmo o privilexio de visitar o edificio histórico da casa do concello desta localidade.
Desde o Neira Vilas queremos agradecer á comunidade do Saint François-Xavier e, moi especialmente á profesora Élodie Quidu, así como ao alumnado francés e as súa familias, pola amable acollida e a magnífica oportunidade de inmersión na lingua e na cultura francesas que nos brindaron. Agardámosvos en Perillo ao comezo do curso que vén para completar este intercambio escolar.
O día de Rosalía de Castro
O 23 de febreiro é o día de Rosalía de Castro, a nosa poeta máis universal e figura senlleira do Rexurdimento e da nosa língua. O noso instituto uniouse a esta conmemoración coa elaboración de carteis. Velaquí tedes unha selección deles:
COMEZA A VIAXE DE INMERSIÓN LINGÜÍSTICA EN VANNES
O xoves 15 de febreiro o alumnado de Bachibac 1 comezou a súa viaxe de inmersión lingüística no lycée Saint François-Xavier de Vannes, na Bretaña francesa. Alí convivirán cos seus “correspondants” franceses, asistindo a clases no instituto e participando en numerosas actividades e excursións, ata o venres 23. Bon séjour!
AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE FORMACIÓN EN LINGUAS ESTRANXEIRAS NO ANO 2024
FELIZ ENTROIDO!
No noso centro demos a benvida ao Entroido por todo o alto o venres 9 de febreiro. A celebración incluíu un obradoiro de elaboración e degustación de filloas e crêpes, unha recreación do tradicional oso de Salcedo, un certame de testamentos de Entroido, os mandamentos do Meco durante toda a semana, diversas actuacións do alumnado e un espectacular baile final do profesorado. Grazas a todos/as pola vosa participación!
MOITAS GRAZAS, MANU!
O 6 de febreiro toda a comunidade do Neira Vilas despediu con moita emoción á profesora de inglés Manuela Balsa Lombardía, gran profesional e gran compañeira que comezou unha nova andaina tras a súa xubilación. Desde o centro queremos agradecerlle o seu valioso labor docente e desexarlle toda a felicidade nesta nova etapa que comeza. Moitas grazas, Manu!
Visita ao campus universitario de santiago
O alumnado de 2º de Bacharelato do noso centro visitou ás facultades do campus universitario de Santiago de Compostela, dentro do Programa A Ponte que organiza a USC.
Un total de 39 alumnos fixeron diferentes percorridos polas facultades que máis lles interesaba visitar e tiveron oportunidade de sentirse verdadeiros universitarios e universitarias dende, por exemplo, o estudio de gravación da Facultade de Ciencias da Comunicación, como se ve na foto.
Campaña de Dinamización lingüística
A mocidade do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas participa na iniciativa cultural e de dinamización lingüística Aquí tamén se fala xunto con máis de 180 centros educativos de toda Galiza!
O noso Concello naceu pola volta de voces como Xosé Neira Vilas, Nacho Taibo, María Miramontes, Francisco Pillado ou, entre outras moitas, Luísa Villalta. Xente nacida aquí ou chegada de outras partes que axuntan no labor de construír un Oleiros cheo de orgullo da nosa terriña e da nosa lingua! Por iso, o alumnado de terceiro da ESO animou as veciñas e veciños a participar, man a man, nesta proposta.
Moitísimas grazas aos máis de cincuenta comercios de Perillo e Montrove que nos acollestes con tanta amabilidade!
Estas son algunhas das imaxes:
CONFERENCIA DE ÁNGEL CARRACEDO SOBRE MEDICINA LEGAL E XENÉTICA FORENSE
O mércores 24 o alumnado de 1º ESO e 1º e 2º Bacharelato tivo o inmenso pracer de asistir á conferencia impartida polo catedrático de Medicina legal da Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo, pioneiro e líder mundial en xenética forense e en xenómica comparada e de poboacións. Actualmente dirixe a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o Centro Nacional de Genotipado-ISCIII (CEGEN), ademais de coordinar o Grupo de Medicina Xenómica da USC, o Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Raras (CIBERER) e a área de Xenética e Bioloxía de Sistemas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
A conferencia achegou os asistentes á Xenética forense e ás súas aplicacións médicas e legais, entre outros moitos aspectos, e plantexou tamén interesantes reflexións sobre a importancia da vocación nos estudos e no traballo e sobre a situación actual e retos futuros das ciencias en xeral e da Medicina en particular. A charla foi seguida dun interesante debate arredor das preguntas plantexadas polo alumnado.
A comunidade educativa do instituto quere agradecer a Ángel Carracedo a súa ponencia maxistral e a súa amabilidade e atención cara ao noso centro.