Todolos artigos de: xefatura

Téñoa negra! Literatura (e outras artes) contra a marea negra do Prestige.

O pase de diapositivas require JavaScript.

A actividade desenvolvida polo docente, Isaac Lourido, e promovida polo programa Charlas de Divulgación Científica da UDC, consistiu nunha breve introdución á catástrofe ecolóxica causada polo naufraxio do petroleiro Prestige en novembro de 2003 e unha presentación das accións desenvolvidas no ámbito da literatura, a música e as artes plásticas como resposta social e política naquel contexto de crise. Desenvólveuse como formato de “Obradoiro”, xa que se procura que sexa unha actividade participativa e colaborativa, a partir de materiais audiovisuais, fotografías, cartaces ou antoloxías de poesía, entre outros. Así, o alumnado de 1º de Bacharelato manipulou textos de creación, xornalísticos, etc, e fixo unha reflexión colectiva sobre esta catástrofe. A posta en común dos elementos analizados foi enriquecedora e puxo a mirada nun futuro en que non se repitan estas situacións.

 

ENCONTRO DO PROXECTA “CORRESPONDENTES XUVENÍS”

O pasado 15 de decembro os Correspondentes Xuvenís do Neira Vilas asistiron ao primeiro encontro con outros Correspondentes da provincia da Coruña. Esta xornada tivo lugar no albergue Marina Española de Sada. O obxectivo da mesma foi coñecer a outros rapaces e rapazas que están facendo o mesmo noutros centros educativos. Ademais tiveron varias formacións sobre oratoria e sobre intelixencia artificial. Por último, tiveron que poñer en práctica o aprendido cun pequeno proxecto que fixeron por grupos, mesturados con persoas doutros institutos.

Actualmente, os participantes neste proxecta, baixo a coordinación da profesora Cristina Vázquez Castro, están creando unha conta de Instagram que utilizarán para publicar e anunciar avisos importantes, de distintos tipos de actividades, proxectos, concursos, etc., á rapazada do instituto.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Intercambio con Burela

Realizouse a primeira parte do Intercambio con Burela que puxo en marcha o Equipo de Dinamización da Lingua Galega en estreita colaboración co Departamento de Lingua Galega e gran apoio da Concellería de Cultura do Concello de Oleiros. Nesta actividade participou o alumnado dos tres 2º ESO do noso centro e máis outros sesenta alumnos dese mesmo curso do IES Perdouro de Burela.

PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA EDUEXCHANGES

O noso centro resultou seleccionado para participar no programa EduExchanges de intercambio presencial de alumnado con centros educativos doutros países durante o curso 2023/2024, segundo se recolle na resolución definitiva que se pode consultar no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/es/node/40630.

A axuda económica concedida ao abeiro deste programa, enmarcado na Estratexia Galega de linguas estranxeiras Edulingüe 2030, destinarase a financiar o intercambio do alumnado de 1º Bacharelato que cursa o programa Bachibac co lycée Saint François-Xavier de Vannes. Dito intercambio terá lugar do 15 ao 23 de febreiro.

Este xoves, 18 de xaneiro, celebrarase no centro unha reunión coas familias do alumnado implicado para informar de todas as cuestións relativas á organización do intercambio.

CONCESIÓN DE AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE PROBAS DE ACREDITACIÓN DA COMPETENCIA EN LINGUAS ESTRANXEIRAS

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa vén de publicar a resolución definitiva das axudas a centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades para a realización de probas de acreditación da competencia en linguas estranxeiras para o alumnado que curse estudos durante o curso 2023/2024.

O noso instituto resultou beneficiario dunha achega total de 4.700€ destinados a financiar as probas de acreditación da competencia lingüística en Inglés e Francés por parte de alumnado de 4º ESO e 1º e 2º Bacharelato a razón de 100€ por alumno/a. Seguir lendo CONCESIÓN DE AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE PROBAS DE ACREDITACIÓN DA COMPETENCIA EN LINGUAS ESTRANXEIRAS

RENOVACIÓN DO CLUB DE LECTURA “O FAIADO DE BALBINO”

O noso centro vén de renovar un curso máis a súa participación no programa “Club de lectura” cunha dotación económica de 1.100 € para a adquisición de libros e a realización das actividades previstas no marco do noso club, “O faiado de Balbino”, coordinado por Eli Ríos.

Este curso a oferta de grupos de lectura é moi ampla e inclúe: “Xs Lusíadas. Club de lectura en portugués”, “O andel da castrexa”, “Elas contan”, “Bululú”, “Historias fantásticas da mitoloxía”, “Cousas”, “Lectura emocional a través de cancións” e “Cantarolas. Club de lectura de familias”. Todos eles están organizados por profesorado dos departamentos de Grego, Lingua castelá e literatura, Lingua galega e literatura, Orientación e Xeografía e Historia.

Toda a información sobre esta convocatoria pódese consultar neste enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/41999

FORMACIÓN AVANZADA EN MEDIACIÓN

O luns 18 de decembro comezaron as sesións de formación avanzada en mediación para un grupo de alumnas e alumnos de 2º e 3º ESO e 1º de Bacharelato que forman o equipo de mediadores/as do centro. A formación, subvencionada polo Concello de Oleiros e inscrita nas accións previstas no Plan de convivencia do instituto, continuará no mes de xaneiro con novas sesións para o alumnado e tamén para o profesorado.

TALLER DE XESTIÓN EMOCIONAL CON SARA VIERNA, DE ALMAS MERAKI

Os días 18, 19 e 20 de decembro tiveron lugar varios talleres de xestión emocional impartidos por Sara Vierna, de Almas Meraki, ao alumnado de 3º ESO. A actividade estivo financiada pola ANPA Arce do noso instituto e tivo o obxectivo de traballar e dotar ao alumnado de ferramentas para tomar conciencia das situacións que lles provocan malestar, repensar as súas identidades e potenciar competencias persoais como a regulación emocional.