O día 7 de novembro (sábado) convócase á toda comunidade educativa (pais e nais, profesorado, alumnado, …) a participar na 2ª ruta ciclista organizada polo centro: A Ruta do Seixo Branco.
A saída será as 9:00 diante da piscina de Perillo. As inscripcións poden facerse na Conserxería do centro.
Xornada de Convivencia e adestramento en técnicas de mediación
Equipo de Convivencia e Mediación
O pasado luns, 28 de setembro, o Equipo de Convivencia e Mediación realizou unha excursión a Ferrol, Mugardos e Montefaro. No transcurso dun fermoso e soleado día, os integrantes do equipo visitaron o gran Castelo de San Felipe, unha fortaleza militar construída a finais do século XVI para defender a ría e a cidade de Ferrol (coido que naqueles tempos non había mediadores).
Xa na outra marxe da ría, no municipio de Mugardos, o equipo tivo a oportunidade de visitar o Castelo da Palma, da mesma época que o de San Felipe e situado xusto enfronte a un tiro de pedra (anque por carreteira tardamos case unha hora en chegar dun ao outro). No Castelo da Palma tivemos a sorte de ter a axuda de Patricia, a guía do concello de Mugardos, que nos foi explicando a construción militar, que ao que parece, queren converter nun hotel-spa de cinco estrelas. Patricia mostrounos a ponte levadiza, as cubertas, o peirao para o abastecemento, o polvorín, as casamatas os calabozos e a prisión militar, na que, segundo nos dixo, estivo preso un tal Antonio Tejero, que en 1981 protagonizóu un golpe de estado militar contra a democracia española (afortunadamente o golpe non tivo éxito e os seus líderes acabaron na cárcere).
Despois da estupenda visita ao Castelo da Palma subimos a Montefaro, ao Mosteiro de Santa Catalina. Comimos os bocatas no xardín do Mosteiro e logo fixemos un duro adestramento mediante un xogo de rol no que os mediadores tiñan que enfrontarse a un complicado conflito que, anque era inventado, podería perfectamente haber ocorrido no noso instituto. Cando rematamos o adestramento visitamos brevemente o Mosteiro. Está en moi malas condicións e so puidemos ver o claustro e a igrexa.
E logo xa de volta ao bus para chegar a tempo de coller o transporte escolar.
Un grupo de 15 alumnos de 4º de ESO realizaron a viaxe de fin de etapa a Barcelona, Figueras e Port Aventura do 15 ao 20 de xuño cun intenso programa lúdico e formativo.
O 19 de xuño, como finalización do curso académico, o IESP puxo en escena a performance “Sostible”, Proxecto de Biblioteca no que se traballou durante o último trimestre por parte de máis do 40% do profesorado do centro educativo. Contou coa participación directa de máis de 50 alumnas e alumnos dos diversos niveis e volveu amosar unha estreita colaboración alumnado-profesorado, da que temos a ben facer gala neste instituto.
Sostible
Grazas a tod@s pola vosa participación e bo verán.
Organizado polo departamento de Normalización Lingüística e coa participación de pais, alumnos e profesorado, o día 13 de xuño, realizouse a “Ruta dos pazos en bici” . Visitamos os pazos de Lóngora, Franzomel, Xaz, Miraflores e Montrove (Pazo Do Río).
Os participantes disfrutaron do percorrido e do bon tempo sen máis incidentes que algún pinchazo e co desexo de repetilo en próximos cursos.
Xa sabedes a importancia que ten o banco de libros para a economía familiar, polo que animámosvos a todos e a todas a participar coas vosas doazóns, paso primordial para poder contar con libros para todo o alumnado, así como a facervos socios da anpa para poder seguir a traballar en proxectos como este.
A participación no intercambio de libros é totalmente voluntaria, pero tamén imprescindible para poder beneficiarse do mesmo.
Aquí tedes as normas básicas para participar no intercambio de libros de texto:
Decálogo do Intercambio de Libros
O intercambio de libros é un acto totalmente voluntario e formarán parte todas as familias que doen os seus libros.
Doar os libros da dereito a participar no intercambio, pero no garante que todo o mundo reciba os libros solicitados, xa que isto dependerá das existencias que haxa no fondo de libros.
Haberá un intercambio no mes de xullo e outro en setembro.
O alumnado que envíe a outra persoa a recoller os seus libros, que non sexa nai, pai, ou titor legal, deberá de proporcionarlle unha autorización por escrito.
Cando o alumnado precise quedar con algún libro ata a convocatoria do mes de setembro ou para utilizalo outro curso máis, deberán comunicalo á anpa.
Ningún alumn@ poderá prestar ningún libro do fondo a outr@ alumn@, nin sequera a membros da súa familia. Os libros prestados deberán de volver ao fondo da anpa cada curso, para que se poida facer un reparto xusto.
O alumno que non devolva algún libro, ou teña débedas pendentes coa anpa, causará baixa na participación do intercambio.
Os libros deben forrarse e marcarse indicando o nome cunha pegatina na portada exterior, deben coidarse, non pintarse con bolígrafos ni rotuladores. Recordade que son de todos e que despois outro alumno fará uso deles.
O alumnado que non veña a recoller os libros que lle corresponda nas datas que se indican e non avise a anpa a través do enderezo electrónico, ou de ningún outro xeito, perderá o seu dereito a dispoñer deles.
Formar parte da anpa fai posible que esta exista e poida representar ás familias ante a administración cando é necesario e organizar actividades tan importantes como esta dentro do instituto, así que non o dubides e faite soci@.
Un grupo de máis de 50 alumnas e alumnos do IESP Neira Vilas participou na Viaxe Europea 2015 a Ámsterdam, a capital de Holanda, desde o 30 de abril ata o 4 de maio.
Aloxados á beira de Vondelpark, visitamos a pé os lugares máis emblemáticos da cidade e vivimos experiencias que non habemos de esquecer.
O próximo luns 4 de maio chegarán a Oleiros 33 alumnas e alumnos do colexio Collège Notre Dame Le Menimur de Vannes.
Virán acompañados de 3 profesoras, unha delas xa moi coñecida entre nos a profesora Catherine Le Blay. Coma sempre teñen unha axenda moi apertada e aproveitarán para visitar A Coruña, Santiago de Compostela, as Rias Baixas e para acercarse a Portugal; teremos o sábado 9 de maio a tradicional “Cea da Amizade “ no Centro Cívico de Santalla – Santa Cruz que o Concello de Oleiros nos cede habitualmente. O regreso a Francia está previsto para o día 12 do próximo mes de maio.
Desexámoslles unha boa estadía e que desfruten da nosa terra.