Arquivo da categoría: Departamento de Lingua Galega

Obradoiro de banda deseñada

Os días 7, 8 e 9 de febreiro, o alumnado de 1º e 2º de ESO acudiu á Biblioteca Rialeda para asistir a un obradoiro de banda deseñada impartido por Fran Bueno. Traballaron as técnicas de elaboración dun cómic e realizaron un guión. Colaboraron na organización da actividade o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, O Departamento de Plástica, o Departamento de Lingua Galega, o Departamento de Lingua Castelá, Vicedirección, o Servizo de Normalización da Lingua Galega do Concello de Oleiros e a rede de Bibliotecas Municipais do concello.

Charla con Xián Lois Alcayde Dans

Xián Lois Alcayde Dans O día 7 de decembro, no ámbito da Semana dedicada á lembranza do escritor Xosé Neira Vilas, o alumnado do centro tivo un encontro con Xián Lois Alcayde Dans, gañador do I Concurso “Balbino” de Relatos coa obra “Camiños na sombra” publicada por Fervenza Edicións.

Xián Lois, alumno do IES María Casares hai escasos anos, falounos dos seus comezos como escritor, tanto de ficción como de textos xornalísticos, da temática e técnica narrativa do seu libro, da súa visión do rural contemporáneo e das posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías á hora de publicar.

O encontro rematou coa intervención do alumnado que realizou numerosas preguntas ao auto. A continuación pode escoitar o audio da súa intervención. ​

Mini e Mero cantan no IESP Xosé Neira Vilas

Mini e Mero
Mini e Mero

O dia 20 de xuño, os músicos Mini e Mero darán un concerto para o alumnado e profesorado. Interpretarán poemas de autores galegos como Manuel María e Xosé Neira Vilas. O concerto quere homenaxear a Manuel María, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas este ano, e tamén para festexar o fin de curso.

O Carro de Manuel María.

 

Día das Letras Galegas 2016

ManuelMariaO pasado 17 de maio, como é sabido por todos, foi o Día das Letras Galegas que este ano se lle dedicou a Manuel María. O alumnado rendiulle homenaxe ao poeta chairego de diferentes xeitos. Algunhas aulas fixeron poemas colectivos a partir de palabras extraídas da súa obra empregando unha técnica vangardista. A explicación do experimento e os poemas resultantes, ben orixinais, pódense consultar en “O faiado de Balbino” que é o blog na Biblioteca: http://iesneiravilas.org/biblioteca/.

Por outra banda, o alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato asistiron o 24 de maio a unha charla sobre o autor impartida por Mercedes Queixas, autora da súa biografía Poeta con algo de labrego (Galaxia, 2016) no Teatro As Torres de Santa Cruz. Algúns deles presentáronse voluntarios para ler poemas de Manuel María.

A TERRA CHÁ, DA MAN DE MANUEL MARÍA

TerraCha01

 

Os grupos de 2º de ESO viviron os días 3 e 4 de marzo unha xornada pola Terra Chá dentro do programa Un día en Galicia do Servizo Municipal de Educación do Concello de Oleiros.

A actividade incluía a visita á Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei, unha pequena ruta pola Reserva da Biosfera Terras do Miño, un itinerario ornitolóxico pola lagoa de Cospeito e un achegamento ao Miradoiro de Penas de Rodas. Este programa inicial tivo que adaptarse ás adversas condicións metereolóxica, algo de chuvia no primeiro día e continua o segundo, e por iso o día 3 non se fixo o itinerario ornitolóxico e o día 4 non foi posible acometer a ruta pola Reserva da Biosfera que foi substituida por unha visita a oleiría de Bonxe.

As xornadas realizáronse a iniciativa dos Departamentos de Bioloxía e Galego co obxectivo de aproximar ao alumnado a un espazo de gran valor ambiental, paisaxístico, artístico e etnográfico á vez que se achegaba á figura de Manuel María, poeta que protagoniza a celebración das Letras Galegas deste ano.

O alumnado participante na actividade nos dous días estivo fortemente implicado nas distintos contidos, seguindo con sumo interés todas as explicacións que se lles daba e realizando os traballos de observación prantexados polo que, ao remate da actividade, foron felicitados polo profesorado acompañante que tamén agradeceu a colaboración do persoal da Casa Museo de Manuel María e a dos dous técnicos en educación ambiental do colectivo CEM que presta servizo para a Concellería de Ensino e Xuventude de Oleiros.

Descubrindo Oleiros

A alumna Andressa Fernández Amador de 1º A recibiu un dos accésit do premio literario “Descubrindo Oleiros” que convoca o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros, na categoría do primeiro ciclo da ESO. Andressa presentouse ao certame, no que participou alumnado de todos os centros educativos do concello, co relato “Detrás dun andel”. Recolleu o premio, xunto aos outros gañadores, o 22 de decembro no Auditorio da Fábrica. Parabéns, Andressa!