Arquivo da categoría: Departamentos

MANUEL NÚÑEZ SINGALA E A OPORTUNIDADE DA LINGUA GALEGA

O mércores 21 de xaneiro o alumnado de 4º ESO tivo o pracer de asistir á charla “A lingua galega: unha oportunidade”, impartida polo escritor e director do Servizo de Normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela Manuel Núñez Singala e organizada polo Servizo de Normalización lingüística do Concello de Oleiros en colaboración co Equipo de Dinamización da lingua galega do noso instituto. A través das súas amenas verbas, cheas de historias, sorpresas e xiros inesperados, Manuel fíxonos reflexionar sobre a situación da lingua galega, sobre o que nos condiciona como falantes e sobre a oportunidade e riqueza que supón o noso patrimonio lingüístico e cultural.

A dinámica dos glaciares

O venres 19 de decembro visitounos un antigo alumno do centro, Miguel Pérez Lujano, que fixo unha presentación ao alumnado de bacharelato sobre os seus estudos actuais en Chile que teñen que ver coa formación e desenvolvemento das masas de xeo e neve nos glaciares. Tamén lles contou as súas experiencias despois de deixar o IES e comezar os seus estudos de Física en Tenerife, estudos que segue levando a cabo na actualidade na universidade de Santiago de Compostela.

O pase de diapositivas require JavaScript.

CONCESIÓN DE AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE PROBAS DE ACREDITACIÓN DA COMPETENCIA EN LINGUAS ESTRANXEIRAS

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publicou a resolución definitiva das axudas a centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades para a realización de probas de acreditación da competencia en linguas estranxeiras para o alumnado que curse estudos de 4º ESO e 2º Bach durante o curso 2025/2026.

O noso instituto resultou beneficiario dunha achega total de 6.000€ destinados a financiar, a razón de 100€ por alumno/a, as probas de acreditación da competencia lingüística en Inglés e Francés por parte do alumnado de 4º ESO e 2º Bacharelato que presentou o seu compromiso para examinarse no prazo correspondente.

Malia a contía adxudicada e de acordo coa convocatoria que regula estas axudas, dado que a dotación económica outorgada é insuficiente para cubrir todas as demandas do alumnado interesado, é preciso aplicar, xunto aos criterios de distribución establecidos na propia resolución, os criterios de selección informados no Claustro do 25 de outubro de 2022 e aprobados no Consello escolar desa mesma data. Ditos criterios establecen que, en caso de que as axudas concedidas sexan insuficientes para todo o alumnado que entregou o compromiso de presentación ás probas de acreditación lingüística, ditas axudas concederanse en primeiro lugar ao alumnado que o curso anterior acadara maior nota na materia do idioma ao que se quere presentar e, en caso de empate, concederanse ao alumnado con maior nota media no curso anterior. O venres 16 de xaneiro levouse a cabo no centro unha reunión da Xefatura de estudos co alumnado interesado para informar deste particular e realizar a selección correspondente.

A información completa sobre estas axudas pode consultarse no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/48667

Con respecto ás probas, no caso do francés as datas dos exames do DELF Scolaire B1 e B2 e do DALF C1 están publicadas na web da Alliance Française: https://afcoruna.com/examenes-oficiales/. A comezos de febreiro, o alumnado recibirá toda a información necesaria para matricularse en ditos exames. No caso do inglés, o alumnado será informado proximamente polo Departamento correspondente do procedemento de matrícula e das datas das probas.

RECITAL DE PANXOLIÑAS NA RESIDENCIA DE MAIORES “RAIOLA”

O alumnado de 2°C foi cantar o Nadal á residencia de maiores Raiola o xoves 18 de decembro nunha iniciativa organizada polo Departamento de Música e o Equipo de dinamización lingüística do centro. As  emocións foron moitas e gozamos da compaña. Amais do aguinaldo en forma de comida tamén tivemos estas marabillosas felicitacións das festas. Moitas grazas pola acollida!

 

Celebración “Ano Castelao”

O 7 de xaneiro de 1950 falecía en Buenos Aires Castelao. “Enterraron un home e nacía un mito”, expresou o presidente da fundación que leva o nome do intelectual rianxeiro, Miguel Anxo Seixas. Co gallo dos 75 anos do seu pasamento, a rapazada voluntaria de 2º ESO, xunto ás docentes Daniela e Melisa realizaron unha lectura da obra Un ollo de vidro. Memoria dun esquelete, na biblioteca do IES
Grazas por participar e facelo tan ben!

Charla “Que non líen, ti elixes”

O pasado luns día 10 de novembro os grupos de 3º ESO asistirona a unha charla dentro do programa “Que non líen, ti elixes” da Xunta de Galicia. O programa está enfocado a fomentar a elección profesional libre de prexuízos de xénero. A finalidade do programa é seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados como o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro, o do metal ou o TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa. Como novidade, nesta edición introducíronse contidos relacionados coa presenza de homes en profesións consideradas tradicionalmente feminizadas, co obxectivo de romper os prexuízos ou estereotipos de xénero nas diferentes profesións.

O alumnado de 4º de ESO participa no Obradoiro e Concurso Galego de Robótica e Drons

O pase de diapositivas require JavaScript.

O alumnado de 4º de ESO de Tecnoloxía, IAS e Dixitalización participou esta semana no XVI Obradoiro e Concurso Galego de Robótica e Drons, organizado por Igaciencia, unha xornada que combinou innovación, aprendizaxe práctica e creatividade.

Durante a tarde do luns 10 de novembro, un grupo de tres persoas do Neira elixidas por sorteo tivo a oportunidade de achegarse ao mundo dos drons, coñecendo o seu funcionamento, os seus sensores e a importancia da programación na súa navegación. O alumnado realizou probas guiadas de voo e experimentou coa precisión necesaria para manexar estes dispositivos de forma segura.

Na mañá do venres 14, a actividade centrouse na robótica educativa, onde os estudantes puideron programar e controlar robots, resolvendo pequenos retos de lóxica e movemento. A experiencia permitiu reforzar conceptos traballados na aula e fomentar habilidades clave como o pensamento computacional, o traballo en equipo e a resolución de problemas.

A xornada resultou altamente motivadora e ofreceu ao alumnado unha visión real e aplicada das tecnoloxías que están a transformar a sociedade. Dende o Departamento de Tecnoloxía valoramos moi positivamente esta saída, que complementa a formación impartida no centro e impulsa a curiosidade científica do noso alumnado.