
Os días 8 e 9 de xaneiro o alumnado dos catro cursos da ESO participou, por quendas, nesta actividade, organizada polo Departamento de Educación Física e que tivo lugar na pista de xeo instalada en Perillo por iniciativa do Concello de Oleiros.

Os días 8 e 9 de xaneiro o alumnado dos catro cursos da ESO participou, por quendas, nesta actividade, organizada polo Departamento de Educación Física e que tivo lugar na pista de xeo instalada en Perillo por iniciativa do Concello de Oleiros.
O alumnado de 2º ESO e o Departamento de Lingua Galega, dentro da programación da materia Proxecto Competencial, xunto co Equipo de Dinamización da Lingua Galega animaron a comunidade educativa do noso centro para gozar dun Nadal saudable.

O alumnado de 2°C foi cantar o Nadal á residencia de maiores Raiola o xoves 18 de decembro nunha iniciativa organizada polo Departamento de Música e o Equipo de dinamización lingüística do centro. As emocións foron moitas e gozamos da compaña. Amais do aguinaldo en forma de comida tamén tivemos estas marabillosas felicitacións das festas. Moitas grazas pola acollida!
O 7 de xaneiro de 1950 falecía en Buenos Aires Castelao. “Enterraron un home e nacía un mito”, expresou o presidente da fundación que leva o nome do intelectual rianxeiro, Miguel Anxo Seixas. Co gallo dos 75 anos do seu pasamento, a rapazada voluntaria de 2º ESO, xunto ás docentes Daniela e Melisa realizaron unha lectura da obra Un ollo de vidro. Memoria dun esquelete, na biblioteca do IES
Grazas por participar e facelo tan ben!
O alumnado de 4º de ESO de Tecnoloxía, IAS e Dixitalización participou esta semana no XVI Obradoiro e Concurso Galego de Robótica e Drons, organizado por Igaciencia, unha xornada que combinou innovación, aprendizaxe práctica e creatividade.
Durante a tarde do luns 10 de novembro, un grupo de tres persoas do Neira elixidas por sorteo tivo a oportunidade de achegarse ao mundo dos drons, coñecendo o seu funcionamento, os seus sensores e a importancia da programación na súa navegación. O alumnado realizou probas guiadas de voo e experimentou coa precisión necesaria para manexar estes dispositivos de forma segura.
Na mañá do venres 14, a actividade centrouse na robótica educativa, onde os estudantes puideron programar e controlar robots, resolvendo pequenos retos de lóxica e movemento. A experiencia permitiu reforzar conceptos traballados na aula e fomentar habilidades clave como o pensamento computacional, o traballo en equipo e a resolución de problemas.
A xornada resultou altamente motivadora e ofreceu ao alumnado unha visión real e aplicada das tecnoloxías que están a transformar a sociedade. Dende o Departamento de Tecnoloxía valoramos moi positivamente esta saída, que complementa a formación impartida no centro e impulsa a curiosidade científica do noso alumnado.
O alumnado de terceiro da ESO puxo o ramo a esta celebración do Día das Letras Galegas cunha xornada de xogos populares e cunha actuación das Cantaneiras.
Así, na pista leváronse a cabo unha serie de retos cos que nos divertimos ben, mentres que na parte superior se desenvolvía o concurso de recitado. Nin que dicir ten que estivo do máis axustado e que o xurado o tivo moi complicado, pero, ao final, fixéronse co trunfo Alex García e Martín Borrazás de 3º ESO C
Pechamos o Día das Letras Galegas cunha marabillosa recolla e interpretación das Cantaneiras que se nos fixo super breve e quedamos con ganas de máis!

O pasado 21 de maio, o alumnado de cuarto da ESO que ten intención de facer o bacharelato na rama de ciencias, visitou a Refinería de Repsol de A Coruña, na que lles explicaron o proceso de obtención de tódalas sustancias que se extraen do petróleo que chega ao porto exterior, a forma de conducilo e tamén a de reparto dos productos que se obteñen tanto por terra como por mar. Tamén foron informados de proxectos de colaboración coas institucións locais nos que está inmersa a empresa e das novas formas e utilizacións da enerxía. A visita finalizou cun pincho nas instalacións que foi moi agradecido, despois dun longo percorrido en bus ao longo dos dous concellos que ocupa para explicar cada unha das partes da planta industrial.
O libro de lectura, Furia encantounos e estabamos a desexar que a autora viñese ao centro para poder preguntarlle moitas curiosidades. Este martes puidemos coñecela e levamos unha gran sorpresa! O alumnado de terceiro argallara unha presentación con María Reimóndez e incluso unha mostra, en vivo e en directo, da novela!
O encontro coa autora foi moi divertido e aprendemos moitas cousas que levamos con nós ben aconchegadas como a empatía, poñernos na pel da outra persoa ou a importancia de encontrar o deporte que nos faga sentir máis felices como lle aconteceu a Cecilia co boxeo.
Ademais, asinounos os libros e puidemos levar un recordo moi especial.