O día 3 de novembro o escritor Xosé Neira Vilas festexaba o seu aniversario. Desde o IESP enviouse un vídeo-agasallo no que o profesorado, alumnado e persoal do centro asumía a personalidade do escritor partindo da célebre frase coa que comeza “Memorias dun neno labrego”. O que ía ser un agasallo converteuse o día 27 nunha homenaxe a súa vida e obra.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega colgou na súa web o video elaborado pola comunidade educativa do centro e xa o puxo en facebook.
A nosa Comunidade Educativa celebrou un acto de lembranza e homenaxe a Xosé Neira Vilas o día 4 de decembro.
Interviu en primeiro lugar o director para salientar a honra de levar o seu nome e lembrar o agarimo que el sempre sentiu polo noso centro. Falou a continuación Xosé Carballude, como profesor e amigo que foi do egrexio escritor, para dar paso a continuación a unha ampla representación de nosa colectividade (alumnado, persoal non docente e familias) que leron diversos textos nas diversas linguas de orixe de todos eles. Interviu a continuación a Concelleira de Cultura e Normalización Lingüística de Oleiros e pechouse o acto con dúas actuacións musicais.
O EDLG organizou na semana do 9 ao 13 de novembro unha serie de actividades para festexar algunhas das celebracións máis características deste mes. A tarde do luns 9 de novembro tivo lugar un magosto no patio do IESP para o alumnado da ESO e o profesorado. Cada un trouxo unha presiña de castañas para asar mentres se desenvolvía a xincana de xogos populares. O martes 10, o alumnado de 1º da ESO asistiu ao espectáculo “Contos de Defuntos” a cargo da compañía “A tropa de trapo” no que se revisaron a actualizaron algúns dos relatos de medo asociados á cultura galega tradicional. Ao longo da semana exhibíronse as cabazas decoradas na entrada do centro, así como se recolleron os textos máis terroríficos das rapazas e rapaces que decidiron participar no “Concurso de conxuros”.
Un ano máis festéxase o Día da Ciencia en Galego coa colaboración da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua. O día 4 de novembro, as rapazas e rapaces de 3º da ESO participaron da videoconferencia vía web a cargo de Xurxo Mariño Alfonso, biólogo e doutor en Ciencias Biolóxicas pola USC. Introduciu o alumnado no funcionamento da mente humana e en como constrúe a realidade e o propio “eu”.
O pasado 3 de novembro foi o cumpreanos do escritor e amigo Xosé Neira Vilas. Desde o instituto desexóuselle un aniversario ben feliz a través dunha felicitación e un vídeo realizado polo Departamento de Dinamización da Lingua e o Departamento de Actividades Extraescolares no que colaborou o profesorado, conserxes e alumnado.