Arquivo da categoría: Intercambios escolares

REMATE DO INTERCAMBIO ERASMUS+

O xoves 20 de novembro foi o último día da acollida do alumnado francés do intercambio Erasmus+ no noso centro. Con ese motivo tivemos o pracer de recibir a visita de Stéphanie Wojtyna e Sophie Flament Drapeau, profesoras do Lycée Henri Martin, de Saint-Quentin, no que estudan as dúas alumnas Mélissa e Chloe do Erasmus. As docentes estiveron acompañadas de Sonia Vázquez e Patricia Ares, responsables da Asesoría de programas europeos da Consellería. Foi un pracer compartir con elas o proxecto plurilingüe e Bachibac do noso instituto, así como valorar os resultados do intercambio Erasmus+, que resultou un éxito tanto académico como persoal para o alumnado participante.

Moitas grazas a Alba, Eva e Héctor e ás súas familias pola acollida á rapazada francesa! Moitas grazas a Mélissa, Chloe e Marceau, cos que foi un pracer compartir este mes! E moitas grazas a toda a comunidade educativa do Neira pola súa implicación e colaboración neste proxecto!

CHARLA “VIVIR UN ERASMUS+ EN FRANCIA” NOS ERASMUS DAYS

O pasado xoves, 16 de outubro, coincidindo coa celebración dos Erasmus Days, os nosos alumnos/as de 1º Bacharelato Héctor Alba, Eva Blas e Alba Vieiro compartiron con todo o alumnado de 4º ESO as súas experiencias e aprendizaxes no intercambio que realizaron en sendos institutos de Saint-Quentin et Chauny durante un mes no marco do proxecto Galemundo Acreditación Erasmus Escolar, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.
Para o alumnado e profesorado asistente resultou moi enriquecedor coñecer da man destes alumnos/as como funciona o sistema educativo francés, como conviviron coas familias de acollida e todo o que aprenderon, tanto academicamente como a nivel persoal.
O proxecto “Galemundo Acreditación Erasmus Escolar” está cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea. O contido desta publicación é responsabilidade exclusiva do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas e nin a Comisión Europea, nin o Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE) son responsables do uso que poida facerse da información aquí difundida.

REMATE DA PRIMEIRA PARTE DO INTERCAMBIO ERASMUS+ E CELEBRACIÓN DOS ERASMUS DAYS

Este luns 13 de outubro acollemos de novo no noso centro aos tres alumnos, Héctor Alba, Eva Blas e Alba Vieiro, que desde o 14 de setembro se atopaban residindo e acudindo a clases en dous institutos da rexión francesa de Amiens no marco do proxecto Galemundo Acreditación Erasmus Escolar, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.
Desde o seu regreso o noso alumnado compartiu cos seus/súas compañeiros/as de aulas as numerosas e marabillosas experiencias vividas, tanto na aprendizaxe do idioma francés, como no coñecemento da realidade francesa, na visita de numerosos lugares e no gran enriquecemento cultural e persoal que experimentaron. Como mostra, recóllese a continuación unha exposición dalgunhas imaxes cedidas polo alumnado mencionado, que reflicte a súa experiencia no intercambio:

O pase de diapositivas require JavaScript.

De maneira complementaria a esta exposición virtual e como parte da celebración dos Erasmus Days no noso centro, os tres protagonistas do intercambio compartirán a súa experiencia e difundirán os resultados da mesma ao alumnado de 4º ESO nunha charla que impartirán o xoves no Salón de actos do centro ás 12:30 h.

A partir do 25 de outubro e ata o 23 de novembro o alumnado francés correspondente dos nosos tres protagonistas será acollido en Galicia polas súas familias e integrarase nas clases e actividades do noso centro.
A comunidade do Neira Vilas quere expresar o seu agradecemento ao profesorado dos institutos Henri Martin, de Saint-Quentin, e Gay Lussac, de Chauny, así como ás familias dos tres correspondentes do noso alumnado, pola cálida acollida que lles brindaron durante este mes. Tamén quere agradecer á Consellería e, especialmente, á Asesoría de internacionalización os esforzos e traballo realizados para levar a bo porto a primeira parte deste intercambio Erasmus+.

O proxecto “Galemundo Acreditación Erasmus Escolar” está cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea. O contido desta publicación é responsabilidade exclusiva do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas e nin a Comisión Europea, nin o Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE) son responsables do uso que poida facerse da información aquí difundida.

INTERCAMBIO DE BACHIBAC 1 CON VANNES

Do 7 ao 14 de marzo o alumnado de Bachibac de 1º de Bacharelato viaxou á localidade bretona de Vannes para levar a cabo a primeira parte do intercambio co lycée Saint François-Xavier, co que temos establecida unha sólida relación nos últimos catro cursos. Ao longo desa semana, os/as nosos/as alumnos/as asistiron ás clases no centro francés, acompañando aos seus correspondentes, e viviron acollidos polas familias destes.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Asemade, gozaron dunha visita guiada á historia e o patrimonio de Vannes, organizada polo instituto SFX, e realizaron dúas excursións coas que puideron achegarse un pouco máis ao coñecemento da lingua, da cultura e da historia francesas: unha a Nantes, na que coñeceron o castelo dos Duques de Bretaña, a catedral, a arquitectura decimonónica e os formidables enxeños tecnolóxicos das Machines de l’Île inspirados na obra de Jules Verne, e outra a Lorient, onde puideron descubrir desde a Citadelle moderna de Port-Louis, enclave fundamental do comercio de Indias en tempos de Luis XIV, ata as construcións que formaban a gran base de submarinos alemáns da Segunda Guerra Mundial, integrada no chamado “Muro atlántico”.
A comunidade do Neira quere agradecer a sempre amable e entusiasta acollida brindada polo lycée Saint François-Xavier e, en particular, pola profesora Elodie Quidu e o alumnado participante nesta bela experiencia e que agardamos recibir no noso centro a comezos do curso que vén. Merci beaucoup et à bientôt!

Continúa o Intercambio Lingüístico e Cultural co IES Perdouro de Burela e chega a quenda de coñecer esta vila mariñeira!

O alumnado de segundo da ESO do noso instituto foi recibido no centro educativo de Burela polas persoas coas que xa levan seis meses escribíndose no marco do intercambio organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro, co apoio do Departamento de Lingua Galega e Literatura.

Seguir lendo Continúa o Intercambio Lingüístico e Cultural co IES Perdouro de Burela e chega a quenda de coñecer esta vila mariñeira!

Intercambio con Burela

Realizouse a primeira parte do Intercambio con Burela que puxo en marcha o Equipo de Dinamización da Lingua Galega en estreita colaboración co Departamento de Lingua Galega e gran apoio da Concellería de Cultura do Concello de Oleiros. Nesta actividade participou o alumnado dos tres 2º ESO do noso centro e máis outros sesenta alumnos dese mesmo curso do IES Perdouro de Burela.

INTERCAMBIO CON VANNES

Durante os días 10 e 19 de outubro 13 familias de alumnos e alumnas de 2º BACHIBAC acolleron nas súas casas aos correspondentes franceses de intercambio. A estadía dos visitantes non só se limitou a asistir ás aulas do IES Neira Vilas, senón que tamén houbo ocasión de que anfitrións e hóspedes compartisen agradables momentos de inmersión lingüística fóra do centro.

INMERSIÓN LINGÜÍSTICA DO ALUMNADO DE BACHIBAC 2 EN VANNES

Do 9 ao 21 de setembro o alumnado de Bachibac 2 está a realizar unha estadía de inmersión lingüística na preciosa localidade de Vannes, situada na Bretaña francesa, con estudantes do lycée Saint-François Xavier. Durante eses días cada alumno/a reside coa familia do seu “correspondant”, co que asiste ás clases no horario lectivo e desenvolve múltiples actividades culturais, deportivas e de lecer.

A comunidade educativa do IES Neira Vilas quere agradecer a cálida acollida brindada polo lycée Saint-François Xavier, así como polas familias do alumnado que participa nesta experiencia e que, á súa vez, terá a oportunidade de viaxar ao noso instituto e coñecer a nosa terra próximamente.

O pase de diapositivas require JavaScript.

INTERCAMBIO CO SCHULE EINS DE BERLÍN

BerlínO pasado martes 2 de outubro rematou o intercambio de 4º de ESO co Schule Eins de Pankow (Berlín). Durante estas dúas semanas o noso alumnado realizou diversas actividades educativas, culturais, deportivas e de ocio; tanto en Alemaña coma na nosa contorna. Dende a dirección do instituto agradécese  a excelente acollida das familias e a boa actitude dos estudantes durante todo o intercambio.