Arquivo da categoría: Actividades

Bodi-Box 2019

Coa colaboración do Concello de Oleiros, o alumnado de 1º ESO ten disfrutado ao longo deste mes de decembro dunha sesión de Bodi-Box na piscina de Perillo. Complétase así o ciclo de actividades deportivas para a ESO deste trimestre. Velaquí algúns momentos destas actividades.

Accións EDLG

A mocidade do IES Neira Vilas vén de se organizar, através do incipiente colectivo Galeguiza-T, para promover o uso da lingua galega e rachar os preconceptos artellados arredor dela.

Inseridos no Equipo de Dinamización Lingüística, escolleron como acto de presentación a realización dunha conferencia no Salón de actos do centro ministrada por eles propios para alumnado dos cursos comprendidos entre 3º de Eso e 1º de Bacharelato.

O obxectivo: Tronzar en chave xeracional os estereotipos artellados arredor do uso da lingua.

Teo, Lucas, Marcos, Edu e Danick -de 17 anos- ofreceron un repertorio de recursos audiovisuais sobre os que se posicionaron criticamente: Galego nos medios, galego e audiovisual ou tratamento histórico da identidade galega que culminou cunha análise en chave individual feita por Danick, na que explicou o seu proceso de identificación dos prexuízos.

A resposta do alumnado foi inmediata e, a divulgación de varios vídeos nas redes sociais contribuíron para que outros centros se puxesen en contacto co colectivo, co intuito de convidalos a realizar a palestra nos seus centros.

Así, para este mes de decembro, preparan xa unha nova intervención no IES María Casares. Outros membros do colectivo visitarán, xa en 2020, a escola Valle Inclán para falar co alumnado de 6º de primaria.

O límite márcano eles e elas, e as accións continúan. Permanezan atentas!

Semana Neira Vilas

Ao longo da semana final de novembro de 2019 tivo lugar a “Semana Neira Vilas 2019” no centro educativo, coa colaboración de diversos departamentos e alumnado nos actos programados para conmemorar a figura do escritor que dá nome a este IES.

O alumnado leu fragmentos de obras do autor -actividade patrocinada desde a Biblioteca Escolar; diseñou paisaxes “diferentes” para un fondo de neno labrego -actividade promovida polo departamento de Educación Plástica; lembrou ao autor e interpretou o poema “Ai, amor”, una vez máis -nunha colaboración do EDNL e o departamento de Música; chiou en @semaneira; escoitou a Xosé María Dobarro; cantou,…

  • Velaquí algúns intres desta semana conmemorativa.

#25N

Este video contra a violencia de xénero está realizado polo alumnado de 3º ESO A, sendo editado por Gonzalo e Kaio. Con el queremos reivindicar que ninguén se ten que sentir sometid@ a outra persoa e menos sofrer violencia.

Temos que concienciarnos dende nov@s que ninguén é menos por nengunha razón, xa sexa xénero, etnia, nacionalidade,… Pero, sobre todo, no #25N, o día internacional contra a violencia de xénero, queremos lembrar a todas aquelas persoas vítimas da violencia de xénero e darlles forza ás que aínda poden loitar: NUNCA CALES E NON TEÑAS MEDO. (Texto de Ana Belén e Neylin Valentina).

Por outra banda, nesta mesma data, dous alumnos de 2º Bacharelato –Iago Morcillo e Nuria Vázquez– e dous de 1º Bacharelato –Mateo García e Miguel Pérez– foron co-protagonistas da curtametraxe “Nunca máis” na Casa Dopeso de As Pontes. Eles participaron -con Omar Rabuñal– nesta produción que recibíu o premio ao guión sobre violencia de xénero daquel concello.

Robótica

O alumnado de 1º ESO acudíu a un obradoiro de Robótica na @FundacionBarrie  o venres 22 de novembro. O alumnado, en grupos de 3, programaron robots que debían facer determinados percorridos, evitar obstáculos, encender luces, emitir sons ou, incluso, botar fóra da zona de xogo a outros robots.

Logo fixéronse competicións entre equipos para obter un campeón. Varios programas e competicións diversas “forzaron” a nomear campeóns a 3 equipos.

  • Observade algúns intres da actividade nesta galería.

Visita ao CICA

O alumnado de Ciencias de 1º Bacharelato visitou, o martes 19 de novembro, as instalacións do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas de A Coruña (@CICAUDC), no que foron informados dos diferentes graos, mestrados e liñas de investigación nel ofertados, para logo visitar os distintos laboratorios onde se están a realizar proxectos diversos.

Na área de Novos Materiais amosáronlles as nanomoléculas que se están a desenvolver para atrapar tóxicos -cru verquido accidentalmente, por ex.- ou co obxectivo de mellorar o aproveitamento enerxético en paneis solares…. Tamén foron amosadas investigacións con cultivos celulares, encamiñadas a solventar a artrose en humanos.

A visita foi o inicio da participación dos nosos escolares no proxecto Incrústate, co obxectivo de incrementar as vocacións científicas.

  • Consulta algunas estampas da visita aquí.

Andaina

Nun día de outono orballento, o 12 de novembro, e seguindo a iniciativa de @ConcelloOleiros, o noso centro educativo sumouse ao reto de camiñar contra a obesidade, no que participaron profesorado e alumnado de 3º e 4º ESO.

Velaquí algunha imaxes da andaina.

Festa de outono

O luns 11 de novembro, o IES celebrou a súa festa de outono 2019, cunha colaboración significativa de alumnado e profesorado. As actividades, variadas, incluíron unha serie de relatos e conxuro de magosto, ademáis dunha explicación das orixes do Samaín [ver PDF]; unha serie de cartaces aleccionadores sobre a festa do magosto, un obradoiro de cabazas de papel -levado a cabo polo alumnado de 1º Bach.-, unha serie de xogos populares e o propio magosto -que permitíu degustar castañas á comunidade educativa.

Podedes ver algúns intres da celebración nesta ligazón.