Arquivo da categoría: Alumnado

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE MATERIAL ESCOLAR NO CURSO 2025/26

Do 16 de maio ao 20 de xuño está aberto o prazo para solicitar as axudas para a adquisición de material escolar para o curso 2025-2026. Ditas axudas concédense ao abeiro da Orde do 28 de abril de 2025 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostido con fondos públicos para o curso escolar 2025/26 (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250515/AnuncioG0761-290425-0001_gl.html).
No caso do noso instituto, ao ser un centro E-Dixgal, unicamente se poden solicitar as axudas para material escolar.
A solicitude das axudas farase preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (Código de procedemento ED330B) dispoñible na aplicación Fondolibros (https://www.edu.xunta.gal/fondolibros/) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente poderá facerse de xeito presencial no centro docente ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

CALENDARIO DE FINAL DE CURSO DE 2º BACHARELATO

Segundo o calendario escolar publicado ao comezo do curso, o 15 de maio é o último día lectivo de 2º de Bacharelato. A partir do luns 19 de maio comezarán as clases de reforzo e de preparación das PAU ordinarias.
O mesmo día 15, ás 10:30 h., terá lugar no Salón de actos unha reunión de todo o alumnado de 2º de Bacharelato coa Xefatura de estudos, onde se lle transmitirá toda a información e documentación necesaria para a solicitude do título de Bacharelato e a matrícula nas PAU. O prazo de matrícula na convocatoria ordinaria das PAU é o 16 e o 19 de maio. Toda a información detallada pode consultarse neste documento.
A entrega de boletíns terá lugar no centro o venres 16 de maio ás 10:30 h. na aula de referencia de cada grupo. Ese mesmo día comeza o período de revisión e reclamación ás cualificacións finais, de acordo co calendario e a normativa que se recollen a continuación. O alumnado ou as familias que queiran solicitar a revisión ou reclamación ás cualificacións finais dispón da documentación necesaria na Secretaría do centro.

REALIZACIÓN DOS EXAMES DO DELF SCOLAIRE

Nos vindeiros días terán lugar os exames do Delf Scolaire para a acreditación da competencia lingüística en francés, realizados pola Alliance Française da Coruña e aos que se presentan un total de 35 alumnos/as do noso centro.
Como xa se lles informou directamente aos/ás interesados/as a través dunha circular e ás súas familias a través de Abalar, as probas escritas terán lugar, ao igual que en anos anteriores, no IES Eusebio da Guarda da Coruña o mércores 7 de maio, de 17:00 a 18:55 h. para o nivel B1 e o xoves 8 de maio, de 17:00 a 18:40 h. para o nivel A2 e de 17:00 a 19:30 h. para o nivel B2. O alumnado deberá achegarse ao centro á hora correspondente polos seus medios (acceso polas portas que dan ao paseo marítimo e que fan esquina coa rúa Modesta Goicouría), levando o seu DNI, número de candidato e bolígrafo azul ou negro non borrable.
Pola súa parte, as probas orais terán lugar no noso instituto ao longo do martes 13 de maio, na hora en que cada alumno/a está convocado/a individualmente e da que xa foi convenientemente informado/a.
Moita sorte a todos/as!

CONVOCATORIA DAS AXUDAS DO MINISTERIO PARA O ALUMNADO CON NECESIDADES ESPECÍFICAS DE APOIO EDUCATIVO

O 25 de abril publicouse no BOE a resolución da Secretaría de Estado de Educación pola que se convocan as axudas para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2025-2026. O prazo para solicitalas está aberto desde o 30 de abril ata o 11 de setembro de 2025. Toda a información sobre estas axudas e o procedemento para solicitalas pódese consultar no seguinte enlace: https://www.becaseducacion.gob.es/becas-y-ayudas.html, tamén accesible desde o taboleiro de anuncios da web do noso centro.

CHARLA DE LAURA OMIL VOZMEDIANO SOBRE O BACHIBAC E OS ESTUDOS UNIVERSITARIOS EN FRANCIA

No marco das actividades desenvolvidas polo IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas con motivo da celebración do 10º Aniversario da implantación do Bachibac no centro, o xoves 10 de abril tivemos o enorme pracer de contar coa presenza de Laura Omil Vozmediano, alumna egresada do programa Bachibac que actualmente cursa o segundo ano de Linguas estranxeiras aplicadas aos negocios na Université de Lille. Na charla, titulada “Do francés ao Bachibac, do Bachibac a Lille” e dirixida ao alumnado de 1º e 2º de Bachibac e ao alumnado de 4º ESO que cursa Xeografía e Historia en francés, Laura compartiu a súa experiencia persoal, aportando numerosas e valiosas reflexións e consellos para o alumnado francófono do noso instituto. A comunidade educativa do Neira quere agradecer a Laura a súa xenerosidade ao compartir o seu tempo e vivenzas con nós, así como felicitala polos seus logros persoais e académicos que, sen dúbida, seguirán crecendo nos vindeiros anos.