O pasado luns 7 de novembro un grupo de alumnado do IES Neira Vilas participou nunha actividade micolóxica desenvolvida no Bosque dos veciños de Oleiros. Dita actividade consistiu na recollida, organización, identificación e exposición das especies atopadas. Contouse coa axuda do experto da Asociación Micolóxica Andoa: Necho Couceiro.
Arquivo da categoría: Curso 2022-2023
ELECCIÓNS AO CONSELLO ESCOLAR 2022
Este curso renóvanse parcialmente os membros do Consello Escolar do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas: 2 nais e pais, 1 membro da ANPA, 3 profesoras/es, 2 alumnas/os e 1 persoal non docente.
O Consello Escolar é un órgano crucial nun centro educativo. A través del participan na súa xestión os distintos membros da comunidade escolar: alumnado, profesorado, familias, representantes da ANPA, persoal non docente e concello.
É fundamental que todos os sectores estean presentes a través dos seus representantes. O prazo para presentar as candidaturas remata o 9 de novembro.
Impreso para a candidatura como representante do alumnado.
Impreso para a candidatura como representante de nais e pais.
Novo sistema de xestión da Biblioteca: KOHA
O pasado mércores, 6 de outubro, produciuse a migración da antiga aplicación Meiga a Koha, o novo sistema de xestión bibliotecaria que, dende a Asesoría de Bibliotecas, se está a implantar progresivamente nos centros escolares de Galicia.
A nosa biblioteca foi unha das escollidas para levar a cabo o cambio no curso 2022-23. Dende que este comezou, o equipo de biblioteca leva traballando intensamente para preparalo todo e adaptarse e formarse no uso do novo sistema, que inclúe importantes melloras tanto no seu deseño como na súa funcionalidade para realizar as accións habituais de catalogación, circulación ou xestión de usuarios, entre outras moitas.
Dende agora o catálogo da nosa biblioteca pode consultarse en liña no seguinte enlace: https://iesneiravilas.
COMEZA A HORA DE LER
O luns, 10 de outubro, arrinca a actividade “Hora de ler” nos catro cursos da ESO, como ven ocorrendo nos últimos anos baixo a iniciativa da Biblioteca. Cada día, en distintas horas segundo a semana, adícanse 20 minutos á lectura do libro escollido libremente polo alumnado.
O obxectivo desta actividade é o fomento da lectura, polo que se desenvolve co compromiso de todo o profesorado e tamén do alumnado, que debe dispoñer sempre de material de lectura en papel, ben traído da casa, ben collido en préstamo na nosa Biblioteca.
Moitas grazas a todos/as pola vosa colaboración e felices lecturas!
REUNIÓNS DE NAIS E PAIS COAS TITORAS E TITORES
O vindeiro martes día 4 de outubro ás 18:30 terán lugar as reunións informativas das titoras e titores dos diferentes grupos de alumnado coas nais e pais dos mesmos. As reunións de 2º ESO C e 4º ESO B serán o día 6 de outubro, xoves, ás 18:30.
ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES
A Anpa Arce do IESP Xosé Neira Vilas oferta para este curso 2022/23 dúas actividades extraescolares os xoves en horario de tarde de 16:15 a 17:45 que previsiblemente darán comenzo o 6 de outubro.
As actividades ofertadas este ano son English Club e Baloncesto. A realización da actividade de English Club xa está confirmada, a de baloncesto está pendente de acadar o número mínimo de participación, se o estades pensando animádevos!
INMERSIÓN LINGÜÍSTICA DO ALUMNADO DE BACHIBAC 2 EN VANNES
Do 9 ao 21 de setembro o alumnado de Bachibac 2 está a realizar unha estadía de inmersión lingüística na preciosa localidade de Vannes, situada na Bretaña francesa, con estudantes do lycée Saint-François Xavier. Durante eses días cada alumno/a reside coa familia do seu “correspondant”, co que asiste ás clases no horario lectivo e desenvolve múltiples actividades culturais, deportivas e de lecer.
A comunidade educativa do IES Neira Vilas quere agradecer a cálida acollida brindada polo lycée Saint-François Xavier, así como polas familias do alumnado que participa nesta experiencia e que, á súa vez, terá a oportunidade de viaxar ao noso instituto e coñecer a nosa terra próximamente.
REPARTO DE LIBROS DA ANPA
O venres día 9 de setembro, ao longo da mañá, os membros da ANPA ARCE do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas irán avisando ao alumnado con dereito a libros para que baixen a recollelos á oficina da ANPA .
COMEZO DO CURSO 2022-2023
A Orde do 20 de maio do 2022, pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2022/23 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo nº 5 establece que as actividades lectivas nas ensinanzas de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato e de formación profesional realizaranse desde o día 8 de setembro de 2022 ata o 21 de xuño de 2023, ambos inclusive.
Seguindo dita norma todo o alumnado comezará as súas xornadas lectivas o próximo xoves 8 de setembro do 2022 en horario de 8:30 a 14:10.
O alumnado con dereito a servizo de transporte poderá empregalo desde ese mesmo día.