Arquivo da categoría: Departamentos

Descubrindo Oleiros

A alumna Andressa Fernández Amador de 1º A recibiu un dos accésit do premio literario “Descubrindo Oleiros” que convoca o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros, na categoría do primeiro ciclo da ESO. Andressa presentouse ao certame, no que participou alumnado de todos os centros educativos do concello, co relato “Detrás dun andel”. Recolleu o premio, xunto aos outros gañadores, o 22 de decembro no Auditorio da Fábrica. Parabéns, Andressa!

Día da Ciencia en Galego

CGENDL_10_11_2015Un ano máis festéxase o Día da Ciencia en Galego coa colaboración da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua. O día 4 de novembro, as rapazas e rapaces de 3º da ESO participaron da videoconferencia vía web a cargo de Xurxo Mariño Alfonso, biólogo e doutor en Ciencias Biolóxicas pola USC. Introduciu o alumnado no funcionamento da mente humana e en como constrúe a realidade e o propio “eu”.

Páxina da CGENDL

Os outros exilios

As nenas da guerraO día 15 de outubro acompañáronnos no noso centro as “nenas de Moscú”: Araceli Ruiz, Libertad Fernández e Shura Mavova. Unha experiencia vital dura e emocionante. A charla foi organizada polo departamento de Xeografía e Historia e os alumnos Daniel Sánchez, Angela Fernández, Sandra González e Laura Fernández Lorenzo.
A experiencia da saída de España, mentres bombardeaban os barcos nos que ían os nenos no ano 1937, a vida en Rusia durante a Segunda Guerra Mundial e de novo a fame e os bombardeos, fixo que estas mulleres se convertisen nunhas activistas contra os horrores da guerra e o exilio.
Non puideron ver aos seus pais ata pasados máis de trinta anos porque o réxime franquista non llelo permitía. Foi en Cuba, a onde marcharon moitos destes nenos canda a revolución cubana, cando puideron reencontrase coa familia, grazas a axuda de xente como o “Che” Guevara. Todos ese nenos puideron estudar e ter unha vida digna, pero sempre quixeron volver á casa.
Estiveron connosco as “nenas” de noventa e un, oitenta e seis e oitenta e cinco anos para contárnolo.
O alumnado tivo moito interese en seguir falando coas conferenciantes e continuaron preguntando e fotografándose con elas.

A actividade na prensa:

Ruta do Seixo Branco en bici

bicicleta

O día 7 de novembro (sábado) convócase á toda comunidade educativa (pais e nais, profesorado, alumnado, …) a participar na 2ª ruta ciclista organizada polo centro: A Ruta do Seixo Branco.

A saída será as 9:00  diante da piscina de Perillo. As inscripcións poden facerse na Conserxería do centro.

Cartaz informativo: RutaCiclistaSeixoBranco2015

 

Prevención dos Trastornos da Conduta Alimentaria

charla_anorexiaO pasado 16 de Outubro, María Blanco Suárez,  psicóloga da Asociación de Bulimia e Anorexia de A Coruña impartiu unha charla sobre a “Prevención dos Trastornos da Conduta Alimentaria”, ó alumnado de 4º de ESO.
Os desordes nos hábitos de alimentación teñen unha grande incidencia na etapa da adolescencia. A separación ou divorcio dos pais, a chegada ó Instituto cando non coñeces a ninguén… son exemplos de situacións que alteran a nosa vida e algunhas persoas presentan un desorde adaptativo que pode manifestarse nun trastorno da conducta alimentaria. Os maís coñecidos son a anorexia e a bulimia. As situacións antes citadas, desencadenan pensamentos negativos que algunhas persoas tratan de solventar , alterando os hábitos de alimentación para reducir a ansiedade.

Certificados DELF 2015

Logo DELFExcelentes resultados do alumnado do IES P  Xosé Neira Vilas  nos exames de Francés convocados no mes de xuño polo Ministerio de Educación de Francia.

Os 28 alumnos do Centro acadaron certificados DELF. Este é o diploma que certifica as competencias en lingua francesa para candidatos estranxeiros; os niveis que acadaron son A2 (12 alumnos), B1 (11 alumnos) e B2 (5 alumnos) correspondentes ao Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL). [O alumnado que se presentou era tanto de Secundaria como de Bacharelato].
A nosa máis sincera noraboa!

Xornada do Equipo de Convivencia e Mediación

Xornada de Convivencia e adestramento en técnicas de mediación

Equipo de Convivencia e Mediación
Equipo de Convivencia e Mediación

O pasado luns, 28 de setembro, o Equipo de Convivencia e Mediación realizou unha excursión a Ferrol, Mugardos e Montefaro. No transcurso dun fermoso e soleado día, os integrantes do equipo visitaron o gran Castelo de San Felipe, unha fortaleza militar construída a finais do século XVI para defender a ría e a cidade de Ferrol (coido que naqueles tempos non había mediadores).

Xa na outra marxe da ría, no municipio de Mugardos, o equipo tivo a oportunidade de visitar o Castelo da Palma, da mesma época que o de San Felipe e situado xusto enfronte a un tiro de pedra (anque por carreteira tardamos case unha hora en chegar dun ao outro). No Castelo da Palma tivemos a sorte de ter a axuda de Patricia, a guía do concello de Mugardos, que nos foi explicando a construción militar, que ao que parece, queren converter nun hotel-spa de cinco estrelas. Patricia mostrounos a ponte levadiza, as cubertas, o peirao para o abastecemento, o polvorín, as casamatas os calabozos e a prisión militar, na que, segundo nos dixo, estivo preso un tal Antonio Tejero, que en 1981 protagonizóu un golpe de estado militar contra a democracia española (afortunadamente o golpe non tivo éxito e os seus líderes acabaron na cárcere).

Despois da estupenda visita ao Castelo da Palma subimos a Montefaro, ao Mosteiro de Santa Catalina. Comimos os bocatas no xardín do Mosteiro e logo fixemos un duro adestramento mediante un xogo de rol no que os mediadores tiñan que enfrontarse a un complicado conflito que, anque era inventado, podería perfectamente haber ocorrido no noso instituto. Cando rematamos o adestramento visitamos brevemente o Mosteiro. Está en moi malas condicións e so puidemos ver o claustro e a igrexa.

E logo xa de volta ao bus para chegar a tempo de coller o transporte escolar.

Échange Scolaire // Intercambio Escolar

Échange Scolaire // Intercambio Escolar
Échange Scolaire // Intercambio Escolar

O próximo luns 4   de maio chegarán a Oleiros 33 alumnas e alumnos do colexio Collège Notre Dame  Le Menimur de Vannes.
Virán acompañados de 3 profesoras, unha delas xa moi coñecida entre nos a profesora Catherine Le Blay. Coma sempre teñen unha axenda moi apertada e aproveitarán para visitar A Coruña, Santiago de Compostela, as Rias Baixas e  para acercarse a Portugal; teremos o sábado 9 de maio a tradicional “Cea da Amizade “ no Centro Cívico de Santalla – Santa Cruz que o Concello de Oleiros nos cede habitualmente. O regreso a Francia está previsto para o día 12 do próximo mes de maio.
Desexámoslles unha boa estadía e que desfruten da nosa terra.

“Viaxe Europea 2015” Países Baixos – Amsterdam

I amsterdam
I amsterdam

54 alumnas e alumnos da Sección Plurilingüe e este ano tamén os de BACHIBAC realizarán a xa tradicional “VIAXE EUROPEA” co ánimo de que coñecen cidades e países da U.E., este curso a Amsterdam e estarán acompañados de 4 profesores do centro e da Asistente de Linguas Marie-Noëlle Chapelle . As datas da viaxe son do 30 de abril a 4 de maio.

Nesta cidade visitaremos a Casa Museo de Ana Frank, o Museo Vang Gogh, o Rijsmuseum e o Museo da Ciencia NEMO ( o museo de ciencia e tecnoloxía mais importante de Holanda), sen esquecer o paseo polos canais da fermosa cidade de Amterdam, tamén aproveitaremos para coñecer os recunchos mais tradicionais da cidade como o Mercado das Flores , o Mercado de Albert Cuyp, a Praza Dam, o parque Vondelpark etc…