Arquivo da categoría: Departamentos

Despedida do curso académico 2021-22

22 de xuño de 2022 representou o último día de acción e diversión educativa do curso académico.

Arredor da pista principal do IES, o alumnado de Cultura Científica de 4º ESO elaborou prácticas sinxelas de laboratorio que explicou a compañeiras e compañeiros. O departamento de Educación Física implicou a profesorado e alumnado nunha sesión de xogos populares, e alumnado da Escola de Música de Oleiros -baixo a supervisión do departamento de Música do centro educativo- realizou unha pequena actuación musical.

Grazas pola colaboración de todas e todos nesta despedida de curso académico. Bo verán a toda a comunidade educativa!!!

Un día nas Cíes

Difícil non disfrutar dunha contorna de tanta beleza! Que afortunadas e afortunados de chegar á mellor praia do mundo!

Cíes, paraíso terreal, foi onde aconteceu unha xuntanza especial para despedir un curso académico intenso, mais cheo de fermosas experiencias que nos fixeron aprender de marabillosas amizades e de compañeir@s inigualábeis. Porque xa formades parte das nosas vidas… GRAZAS!!!

“UN DÍA EN GALICIA” CON 3º ESO

Nos días 29 e 30 de marzo os grupos de 3º ESO disfrutaron dunha excursión en Santiago de Compostela, organizada polo Concello de Oleiros en colaboración co Departamento de Xeografía e Historia. Ao longo da xornada puideron visitar o Museo do Pobo Galego, descubrir os numerosos rincóns que agochan as rúas compostelás, así como a súa monumental catedral, pasear pola súa fermosa Alameda e rematar a tarde cunha andaina á beira do Sarela.

O pase de diapositivas require JavaScript.

“UN DÍA EN GALICIA” CON 2º ESO

Os días 23, 24 e 25 de marzo o alumnado de Xeografía e Historia de 2º ESO participou na actividade “Un día en Galicia”, organizada polo Concello de Oleiros.

Desta volta, disfrutaron dunha fermosa andaina polas Fragas do Eume, en cuxo interior visitaron o Mosteiro de Caaveiro. Despois do xantar, achegáronse ao coñecemento das pegadas medievais visibles na vila de Pontedeume e arredores, antiga Terra dos Andrade, incluíndo a marabillosa Torre de Nogueirosa.

“UN DÍA EN GALICIA” CON 1º ESO

Os pasados días 16, 17 e 18 de marzo os grupos de 1º ESO participaron na actividade “Un día en Galicia”, organizada polo Concello de Oleiros e impulsada polo Departamento de Xeografía e Historia.
A actividade incluíu a visita ao Castro de Viladonga e ao seu centro de interpretación, onde participaron nun interesante obradoiro de confección de tecidos seguindo a tecnoloxía castrexa. Pola tarde, a xornada continuou coa visita á zona vella de Lugo, onde descubriron numerosos aspectos sobre a orixe romana e a magnífica muralla desta cidade.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Torneo de tenis de mesa

Durante o segundo trimestre desenvolveuse no noso centro un torneo de tenis de mesa organizado polo Departamento de Educación Física. Os gañadores foron Sergio Domínguez na categoría de 1º a 3º ESO e Pablo López na de 4º ESO a 2º de Bacharelato. Noraboa aos gañadores e a todos e todas por participar! e grazas a David e Andrés pola organización.