Arquivo da categoría: Curso Actual

CALENDARIO DE FINAL DE CURSO DE 2º BACHARELATO

Segundo o calendario escolar publicado ao comezo do curso, o 15 de maio é o último día lectivo de 2º de Bacharelato. A partir do luns 19 de maio comezarán as clases de reforzo e de preparación das PAU ordinarias.
O mesmo día 15, ás 10:30 h., terá lugar no Salón de actos unha reunión de todo o alumnado de 2º de Bacharelato coa Xefatura de estudos, onde se lle transmitirá toda a información e documentación necesaria para a solicitude do título de Bacharelato e a matrícula nas PAU. O prazo de matrícula na convocatoria ordinaria das PAU é o 16 e o 19 de maio. Toda a información detallada pode consultarse neste documento.
A entrega de boletíns terá lugar no centro o venres 16 de maio ás 10:30 h. na aula de referencia de cada grupo. Ese mesmo día comeza o período de revisión e reclamación ás cualificacións finais, de acordo co calendario e a normativa que se recollen a continuación. O alumnado ou as familias que queiran solicitar a revisión ou reclamación ás cualificacións finais dispón da documentación necesaria na Secretaría do centro.

ADMISIÓN ORDINARIA DE ALUMNADO PARA O CURSO 2025-2026: PUBLICACIÓN DAS LISTAXES DEFINITVAS

O xoves 15 de maio publicáronse as listaxes definitivas do alumnado admitido para o curso 2025-2026. As familias poden consultar ditas listaxes presencialmente no taboleiro de anuncios do centro ou por vía electrónica, con certificado dixital ou Chave365, a través da aplicación informática admisionalumnado.
As persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada a ditas listaxes ante a persoa titular da xefatura territorial no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación. A resolución da persoa titular da xefatura territorial porá fin á vía administrativa e contra esta cabe interpor recurso potestativo de reposición ou recurso contencioso-administrativo.
MATRÍCULA NO CENTRO: O prazo de matrícula será do 27 de xuño ao 4 de xullo, segundo as quendas por cursos que se establecerán no calendario de matrícula que será publicado na web do instituto no seu momento. Nas datas de matrícula estará dispoñible na web do instituto toda a información sobre o procedemento de matrícula, impresos, documentación necesaria e lugar e horario para formalizala.

REALIZACIÓN DOS EXAMES DO DELF SCOLAIRE

Nos vindeiros días terán lugar os exames do Delf Scolaire para a acreditación da competencia lingüística en francés, realizados pola Alliance Française da Coruña e aos que se presentan un total de 35 alumnos/as do noso centro.
Como xa se lles informou directamente aos/ás interesados/as a través dunha circular e ás súas familias a través de Abalar, as probas escritas terán lugar, ao igual que en anos anteriores, no IES Eusebio da Guarda da Coruña o mércores 7 de maio, de 17:00 a 18:55 h. para o nivel B1 e o xoves 8 de maio, de 17:00 a 18:40 h. para o nivel A2 e de 17:00 a 19:30 h. para o nivel B2. O alumnado deberá achegarse ao centro á hora correspondente polos seus medios (acceso polas portas que dan ao paseo marítimo e que fan esquina coa rúa Modesta Goicouría), levando o seu DNI, número de candidato e bolígrafo azul ou negro non borrable.
Pola súa parte, as probas orais terán lugar no noso instituto ao longo do martes 13 de maio, na hora en que cada alumno/a está convocado/a individualmente e da que xa foi convenientemente informado/a.
Moita sorte a todos/as!

CONVOCATORIA DAS AXUDAS DO MINISTERIO PARA O ALUMNADO CON NECESIDADES ESPECÍFICAS DE APOIO EDUCATIVO

O 25 de abril publicouse no BOE a resolución da Secretaría de Estado de Educación pola que se convocan as axudas para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2025-2026. O prazo para solicitalas está aberto desde o 30 de abril ata o 11 de setembro de 2025. Toda a información sobre estas axudas e o procedemento para solicitalas pódese consultar no seguinte enlace: https://www.becaseducacion.gob.es/becas-y-ayudas.html, tamén accesible desde o taboleiro de anuncios da web do noso centro.

ADMISIÓN ORDINARIA DE ALUMNADO PARA O CURSO 2025-2026: PUBLICACIÓN DAS LISTAXES PROVISIONAIS

O venres 25 de abril publicáronse as listaxes provisionais do alumnado admitido para o curso 2025-2026. As familias poden consultar ditas listaxes presencialmente no taboleiro de anuncios do centro ou por vía electrónica, con certificado dixital ou Chave365, a través da aplicación informática admisionalumnado.
Perante estas listaxes provisionais poderase formular reclamación no prazo de 5 días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación ante o Consello Escolar. Estas reclamacións entenderanse estimadas ou desestimadas coa publicación da listaxe definitiva.
A listaxe definitiva será publicada o 15 de maio.

ARREDOR DA MEMORIA HISTÓRICA: VISITA A MEIRÁS E CERÁMICAS DO CASTRO

Os días 7 e 11 de abril o alumnado de 4º ESO e o de 1º de Bacharelato que cursa a modalidade de Ciencias Sociais e Humanidades visitaron o Pazo de Meirás e o complexo de Cerámicas do Castro-Sargadelos de Sada, nunha saída multidisciplinar organizada polos Departamentos de Xeografía e Historia, Lingua galega e Lingua castelá e polo Equipo de Dinamización da lingua galega. Con esta excursión culminaron as diversas actividades e lecturas que se levan desenvolvendo no centro desde o comezo de curso para achegar a este alumnado ao coñecemento da historia máis recente do noso país e dos retos que a memoria histórica segue a plantexar na actualidade.
Moitas grazas a todo o alumnado polo seu interese e moitas grazas tamén ao profesorado participante nesta iniciativa, moi especialmente ao noso compañeiro Manuel Pérez Lorenzo, gran coñecedor da historia da contorna de Sada e Oleiros e guía de excepción no Pazo de Meirás. Moitas grazas, asemade, ao persoal da Fábrica Castro-Sargadelos de Sada pola acollida que nos brindaron nos días que seguiron á conmemoración da figura de Isaac Díaz Pardo, a quen precisamente se lle adicou este ano o Día das Artes Galegas 2025, celebrado o 1 de abril.

O pase de diapositivas require JavaScript.

CHARLA DE LAURA OMIL VOZMEDIANO SOBRE O BACHIBAC E OS ESTUDOS UNIVERSITARIOS EN FRANCIA

No marco das actividades desenvolvidas polo IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas con motivo da celebración do 10º Aniversario da implantación do Bachibac no centro, o xoves 10 de abril tivemos o enorme pracer de contar coa presenza de Laura Omil Vozmediano, alumna egresada do programa Bachibac que actualmente cursa o segundo ano de Linguas estranxeiras aplicadas aos negocios na Université de Lille. Na charla, titulada “Do francés ao Bachibac, do Bachibac a Lille” e dirixida ao alumnado de 1º e 2º de Bachibac e ao alumnado de 4º ESO que cursa Xeografía e Historia en francés, Laura compartiu a súa experiencia persoal, aportando numerosas e valiosas reflexións e consellos para o alumnado francófono do noso instituto. A comunidade educativa do Neira quere agradecer a Laura a súa xenerosidade ao compartir o seu tempo e vivenzas con nós, así como felicitala polos seus logros persoais e académicos que, sen dúbida, seguirán crecendo nos vindeiros anos.

Encontro con Eva Mejuto

O pasado 9 de abril, os grupos de 4º da ESO continuaron co proxecto de recuperación da memoria e participaron, na Fábrica de Perillo, nun encontro coa autora da novela A ladroa da biblioteca de Meirás.

Eva Mejuto fixo un percorrido polas personaxes da novela, quen ou que lle deu a clave e a inspiración para a súa creación e desvendou a importancia dos lugares como Meirás nos acontecementos da historia.

A parte da documentación previa a escribir causou bastante impresión, leva moito traballo e poucas veces se fala dela, así como as escollas do multiperspectivismo. Tamén foi moi interesante saber que a presentación do libro do noso profe de historia, Manuel, tivo moito que ver no nacemento desta narración.

Ao final da sesión, Eva Mejuto asinou os exemplares da obra e o alumnado trouxo de volta unha lembranza inesquecible consigo.