Despois dunha semana intensa en que os mandados do Meco aledaron o noso instituto, chegou, por fin!, o día da celebración do Entroido.
Comezamos cedo aprendendo todiño sobre o amoado, como transformalo en filloas e, sobre todo, devoramos máis de setecentas!
No recreo brincamos cos xogos e propostas que nos fixeron as persoas de terceiro da ESO e corremos moito para escapar dos Farrumecos de Xunqueira de Ambía. Pero non foi este o único entroido tradicional que recuperamos, non… No concurso de portas de entroido reproducíronse pantallas, cigarróns, peliqueiros e ata o Touro Xigante de Celavente.
O máis esperado do Entroido son sempre os testamentos e este ano non ía ser menos. Desde o alumnado de primeiro ata o de cuarto da ESO as coplas cheas de retranca voaron no patio para provocar unha boa morea de risas. Ata a profe de galego se animou cos testamentos! O peor disto é que agora temos que esperar outro ano polos seguintes. Aproveitade para ir afiando os lapis!
Rematamos a festa cun divertidísimo desfile de Piratullas, Farrumecos, xogadoras de fútbol, presentadoras de televisión, casamentos, Minions, artistas dos anos 20 do século XX, animais, cociñeiras e personaxes de debuxos, etc E non podemos esquecer o dificilísimo traballo que tivo o xurado para decidir porque todos os disfraces foron espectaculares!
E coa ansia de repetir… comezamos a conta cara atrás para o próximo entroido!
A nosa alumna Malena Castiñeira Franesqui, de 1º Bacharelato, resultou gañadora da edición de 2024 do concurso “Relatos de verán” que convoca cada ano La Voz de Galicia, na categoría para maiores de 16 anos co relato “Algo para pensar”. A nova completa do galardón pode lerse aquí: