Arquivos da etiqueta: Patricia Varela

Semana das Letras 2020

Este ano, a Semana das Letras terá que ser #NaCasa. Mais, desde alí, o alumnado non deixa de traballar, en colaboración coa profesora Patricia Varela. En 2020 homenaxeamos a Ricardo Carvalho Calero.

D. Ricardo é un autor de extremada importancia nas nosas letras, que serviu de inspiración e de rosa dos ventos para tod@s aqueles que nos dedicamos neste momento a transmitir o amor pola lingua e a nosa literatura. Sen el, o panorama das letras galegas non sería tan interesante nin tan amplo como é.

A súa poesía, gran descoñecida moveu parte das nosas actividades, pasade e escoitade os seus poemas musicados ou os videopoemas realizados polas nosas alumnas.

Malia a que o COVID fixo que a Real Academia Galega trasladase ao mes de outubro a celebración na honra de D. Ricardo Carvalho Calero, o alumnado de 3º ESO do IES Neira Vilas quixo renderlle homenaxe con varias actividades lúdicoinformativas realizadas durante a corentena.

Poesía curativa

O alumnado de 3º ESO, coa profesora Patricia Varela, elaborou unha serie de poesías curativas contra o confinamento. Invitámosvos a descubrilas nesta ligazón ISSUU.

Visita a Compostela

O alumnado de 3º ESO e 1º Bacharelato visitou o 3 de marzo de 2020 a cidade de Compostela para realizar varias actividades.

Por unha banda, o alumnado de 3º ESO realizou un roteiro pola cidade, deténdose en lugares significativos -nos que o propio alumnado actuou de cicerone. Tamén visitaron a exposición que inaugura o #Xacobeo21, “Galicia, un relato no mundo”, na Cidade da Cultura -a esta actividade tamén acudíu o alumnado de 1º Bacharelato.

O alumnado de Bacharelato visitou ademáis o restaurado Pórtico da Gloria. Finalmente, unha semana e un día despois da conmemoración do “Día de Rosalía”, todo o alumnado se rendeu no Panteón de Galegos Ilustres para honrar á nosa excelsa poetisa.

En suma, foi un día de experiencias e aprendizaxes intensas.

Teatro en Mera

Boa parte do alumnado de ESO e Bacharelato do noso IES asistiu á representación dunha obra baseada no texto Made in Galiza, de Sechu Sende (no auditorio García Márquez de Mera, en colaboración co concello de Oleiros). O alumnado recibiu de agasallo cadanseu exemplar de dito libro.

Os Quinquilláns adaptaron o libro e fixéronnos reflexionar sobre actitudes e prexuízos lingüísticos que vemos a diario.

Festa de outono

O luns 11 de novembro, o IES celebrou a súa festa de outono 2019, cunha colaboración significativa de alumnado e profesorado. As actividades, variadas, incluíron unha serie de relatos e conxuro de magosto, ademáis dunha explicación das orixes do Samaín [ver PDF]; unha serie de cartaces aleccionadores sobre a festa do magosto, un obradoiro de cabazas de papel -levado a cabo polo alumnado de 1º Bach.-, unha serie de xogos populares e o propio magosto -que permitíu degustar castañas á comunidade educativa.

Podedes ver algúns intres da celebración nesta ligazón.

Aquel neno…

Sumándonos á convocatoria da Fundación Xosé Neira Vilas, que tivo a ben conmemorar o 3 de novembro como o “Día Neira Vilas”, o alumnado do centro participou na lectura de extractos do libro “Aquel neno”. Os destinatarios foron principalmente 1º ESO A e 1º ESO B. A actividade, coordinada polo noso compañeiro Alberto Pombo, contou coa participación e colaboración do equipo da Biblioteca escolar do centro.

Video.