Arquivo da categoría: Curso 2023-2024

Actividades varias na primeira quincena de maio

Obradoiros de educación afectivo-sexual, ofrecidos polo Servizo Municipal de Educación e Xuventude e solicitados polo Departamento de Orientación para os cursos de 1º a 4º ESO. Aquí temos ao alumnado de 4º ESO B e PDC atendendo ás explicacións da formadora Silvia Varela.

Concerto dos maios: o  pasado venres, 10 de maio, o noso alumnado de 2º e 3º ESO tivo o pracer de escoitar en directo a música do grupo A Trabe d’ouro e aprender algo sobre o costume de facer os maios chegado este tempo. O concerto tivo lugar no Auditorio da Fábrica, en Perillo, e foi organizado polo Departamento de Música coa colaboración do Concello de Oleiros.

LETRAS GALEGAS NO GAIÁS 2024: LUÍSA VILLALTA

O pase de diapositivas require JavaScript.

O mércores 8 de maio deu comezo a programación das Letras Galegas no Gaiás cun acto, conducido por Nuria Vil e coa presenza do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, no que o noso alumnado tivo un protagonismo especial! Varios/as estudantes de 1º ESO, 3º ESO e 1º Bach realizaron diversas intervencións nas que deron a coñecer un pouco mellor a figura e a obra de Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano. Fixérono da man do alumnado do IES Canido de Ferrol xa que Luísa Villalta foi profesora e activista cultural en ambos institutos ao longo da súa vida profesional. Noraboa a todos/as os/as participantes por esta experiencia marabillosa, que, desde o noso centro, completamos pola tarde coa visita ao Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela.

CONVOCATORIA DOS PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE BACHARELATO CORRESPONDENTES AO CURSO 2023-2024

O alumnado que rematou o Bacharelato na convocatoria ordinaria do curso 2023-2024 nun centro docente da Comunidade autónoma de Galicia e que teña unha media do Bacharelato igual ou superior a 8,75 pode presentarse á proba para a obtención do premio extraordinario de Galicia, que ten unha dotación de 1.000€ para cada un/unha dos/as 20 mellores resultados na citada proba (que terá lugar o 19 de xuño).
O prazo de inscrición na proba está aberto desde o 29 de abril ata o 28 de maio.
Toda a información sobre o procedemento de inscrición, características da proba a realizar, requisitos dos participantes, etc. pode consultarse no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/42998

Falando de patacas con Eli Ríos

Non sabemos se hai ou non hai patacas pero o que si sabemos e  que debemos cambiar moitos dos nosos comportamentos cotiás.
A escritora Eli Ríos compartiu co alumnado de 4º da ESO os seus ingredientes para facer un “Remexido de  patacas”: igualdade, amizade,solidariedade e tamén, un bocadiño de rebelión.A rapazada gozou das súas palabras como desfrutou o curso pasado das súas aulas.
Grazas, Eli !

O pase de diapositivas require JavaScript.

ENCONTRO COA ILUSTRADORA LAURA SUÁREZ

O martes 16 de abril, o alumnado de primeiro da ESO gozou dun marabilloso encontro coa ilustradora Laura Suárez. A súa obra, Alma de violino, serviu como punto de partida para achegarnos a Luísa Villalta e, despois, propúxolles ao alumnado debuxar o seu propio libro. Así o fixeron e estes son algúns dos resultados:

O pase de diapositivas require JavaScript.

Estas portadas de libros formarán parte dunha exposición para festexar o Día das Letras Galegas que compartirán con toda a comunidade educativa e coa que celebraremos a escrita feita por mulleres en galego.

Grazas, Laura Suárez, por este obradoiro que se nos pasou voando. Gozamos inmenso del!

BOLSAS E AXUDAS PARA O ALUMNADO CON NECESIDADES ESPECÍFICAS DE APOIO EDUCATIVO

 O 19 de abril publicouse no BOE a resolución da Secretaría de Estado de Educación pola que se convocan axudas para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2024-2025. O prazo para solicitalas está aberto desde o 30 de abril ata o 13 de setembro de 2024.
Toda a información detallada sobre estas axudas e o procedemento para solicitalas pódese consultar no seguinte enlace: https://www.educacionfpydeportes.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/general/05/050140/ficha/050140-2024.html#dc1.

NORABOA ÁS NOSAS ALUMNAS ALBA E TARIQUA, GAÑADORAS DO CERTAME LITERARIO “DESCUBRINDO OLEIROS”

A comunidade educativa do Neira está de noraboa posto que dúas alumnas resultaron gañadoras en sendas categorías do X Certame literario “Descubrindo Oleiros”, para o que se presentaron 215 relatos e cuxo fallo foi emitido polo xurado o pasado 15 de abril atendendo á corrección lingüísticas, á calidade textual e á orixinalidade.

As vencedoras foron, na terceira categoría do certame, Alba Caridad Castro, de 1º ESO, polo relato “Branco. Peixe voador de sete patas”, e na cuarta categoría, Tariqua Brandón Rey, de 3º ESO, polo texto “As meigas de Ibarrola. A casa dos suspiros”.

A entrega de premios realizarase o 14 de maio ás 19,00 h. nas Torres de Santa Cruz. O premio é un vale de 200 euros para cada persoa gañadora para comprar libros en calquera das librerías de Oleiros.

Grazas ao Concello de Oleiros por esta iniciativa! E noraboa aos gañadores e gañadoras!

Actividades varias na segunda quincena de abril

a) Viaxe de 1º BACH a Tenerife): Dende o 19 ao 24 de abril parte do alumnado de 1º BACH cambiou a hora dos seus reloxos con motivo da viaxe a Tenerife, onde disfrutaron de ceos azuis, paisaxes alucinantes e moitos baños en auga doce e salgada. E todo nun marco de agradable convivencia entre si e coas dúas profesoras que os acompañaron: Eli Ríos e Cristina Vázquez.

O pase de diapositivas require JavaScript.

b) O pasado mércores, 24 de abril, o alumnado de 3º ESO A acudiu ao obradoiro “Viaxe en viñetas”, impartido polo debuxante Miguel Cuba, que tivo lugar na Biblioteca de Rialeda.