Desde este xoves 10 de outubro ata o vindeiro día 18 temos o pracer de recibir no noso centro ao alumnado do Lycée Saint-François-Xavier de Vannes (Bretaña, Francia), co que iniciamos o intercambio dos/as nosos/as estudantes de Bachibac 1 o pasado mes de febreiro. Durante a súa estadía, destinada a mellorar a súa competencia en castelán e o seu coñecemento da cultura galega e española, o alumnado francés asistirá a clases no instituto, realizará diversas excursións e actividades culturais e residirá coas familias dos/as seus/súas correspondentes galegos.
Arquivo da categoría: Curso 2024-2025
CERTAME LITERARIO DE SAMAÍN
Este Samaín anímate a participar no Certame Literario e, ademais de gañar saborosos premios, poderás asustar literariamente a quen se atreva a mergullar entre urcos, lumias e paisaxes estarrecedoras. Serás quen de contar todo iso en vinte liñas?
Le, atentamente, as bases e déixanos a túa narración antes do 25 de outubro de 2024 no Departamento de Lingua Galega e Literatura ou no de Dinamización Lingüística.
Veña! Non lle deas máis voltas! Estamos desexando ler o teu relato!
ACTUALIZACIÓN DAS NORMAS DE ORGANIZACIÓN, FUNCIONAMENTO E CONVIVENCIA (NOFC) DO CENTRO
O día 1 de outubro de 2024 entrou en vigor a nova versión, actualizada e revisada, das Normas de organización, funcionamento e convivencia do centro. Segundo se establece na normativa, ditas normas son de obrigado cumprimento para todos os membros da nosa comunidade educativa. Por esa razón, son públicas e poden consultarse na páxina web do instituto, no apartado “Documentos do centro”, así como neste enlace.
INICIO DA HORA DE LER
Desde este luns, 30 de setembro, comezou a desenvolverse no noso centro a “Hora de ler”, unha iniciativa de fomento da lectura, coordinada desde a Biblioteca, que leva funcionando xa moitos cursos con gran éxito.
Cada día, nunha hora diferente segundo a semana recollida no calendario da actividade, adicaranse 20 minutos á lectura libre e individual por parte do alumnado da ESO. Para iso, deben traer o libro que queiran da casa ou ben collelo en préstamo na biblioteca. Só se permite o uso de libros en papel ou en formato electrónico (eBook), pero non se poderán usar nin móbiles nin ordenadores E-Dixgal para esta actividade.
Boas lecturas!