Concurso de conxuros

O día 21 de decembro o Equipo de Dinamización da Lingua Galega entregou os premios dos conxuros de Samaín, cuxa temática xiraba arredor do tema do proxecto deste curso no centro, “O Humano”, xa que o alumnado participante tiña que crear un conxuro para humanizar aquilo que lle resultase demasiado inhumano. Os gañadores foron María Rodríguez Mejuto, Pablo Castiñeiras Armada e Javier Moya Sánchez, de 2º da ESO. Pódense consultar os textos gañadores no blogue da biblioteca do centro:
Enlace aos relatos

Visita ao Museo Arqueolóxico

Para organizar a próxima visita dos seus compañeiros, un grupo de alumnos de 1º de ESO  estivo no Museo Arqueolóxico onde prepararon as actividades didácticas e o taller de arqueoloxía.

Charla con Xián Lois Alcayde Dans

Xián Lois Alcayde Dans O día 7 de decembro, no ámbito da Semana dedicada á lembranza do escritor Xosé Neira Vilas, o alumnado do centro tivo un encontro con Xián Lois Alcayde Dans, gañador do I Concurso “Balbino” de Relatos coa obra “Camiños na sombra” publicada por Fervenza Edicións.

Xián Lois, alumno do IES María Casares hai escasos anos, falounos dos seus comezos como escritor, tanto de ficción como de textos xornalísticos, da temática e técnica narrativa do seu libro, da súa visión do rural contemporáneo e das posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías á hora de publicar.

O encontro rematou coa intervención do alumnado que realizou numerosas preguntas ao auto. A continuación pode escoitar o audio da súa intervención. ​

Obradoiro de Formación en Prácticas Restaurativas para o Alumnado

Con data 15 e 16 de decembro de 2016 desenvolveuse no noso IES un obradoiro de formación en Prácticas Restaurativas dirixido aos alumnos do Equipo de Convivencia e Mediación, obradoiro que ven a dar continuidade ás xornadas realizadas para o profesorado nos dous cursos anteriores.
As Prácticas Restaurativas son unha metodoloxía que se ven desenvolvendo dende fai anos con grande éxito en institucións que traballan con poboación xuvenil, sexa dende una perspectiva xudicial, social ou educativa. A súa idea central é abandonar os modelos tradicionais punitivos de xestión (modelos retributivos, que non teñen eficacia) sustituindoos por modelos restaurativos.
Asistiron un total de 24 alumnos e o relator foi Ferrá Erra Más, presidente da Associació Catalana de Pràctiques Restauratives e membro da Direcció General d’Atenció a la Infància i l’Adolescència (DGAIA). A duración foi de 10 horas de formación. Ferrán ten unha ampla experiencia con menores. Estivo traballando para unha ONG en Bolivia, nun centro penitenciario, colaborando na creación dun proxecto educativo para os mozos internos.
Ferrá traballou directamente cos alumnos do equipo de mediación, para proporcionarlles una formación básica como facilitadores de círculos restaurativos, de xeito que sexan capaces de moderar círculos nos que se poidan xestionar problemas de convivencia entre o alumnado.
A maiores impartiu unha charla a 3º e 4º de ESO e bacharelato na que lles transmitiu as súas vivencias e experiencias.

HUMANO

logo_humano_presentacionVen sendo tradición que o último día do primeiro trimestre se convirta nunha exaltación do #OrgulloNeira, coa colaboración sempre magnífica entre alumnado e profesorado para dar saída aos produtos finais dos proxectos interdisciplinares de cada ano.

O 21 de decembro de 2016, unha programación multidisciplinar que contou coa colaboración da totalidade de departamentos do IES Plurilingüe Neira Vilas puxo en marcha unha xeira que incluíu:

1) a xincana #NeiraNunDía (coa realización de actividades diversas, coordinadas polo alumnado de 1º Bacharelato e 3º ESO, incluíndo probas lingüísticas, matemáticas, físico-químicas, deportivas, artísticas, xeográfico-históricas, de baile e científicas -coa especial elaboración de cocktails sen alcohol-);

2) o concurso #NeiraMannequin, no que participaron todos os grupos de ensino secundario obrigatorio, e finalmente gañado polo alumnado de 1º ESO da materia “Investigación e tratamento da información”;

3) o espectáculo #Humano, no que a participación do alumnado foi ben variada e diversa, con presentacións sobre o ser humano explorador, as teorías da poboación [texto], a evolución humana, os dereitos humanos, as diversas teatralizacións sobre a torre de Babel e o especificamente humano, a leitura de poemas en linguas estranxeiras. Para finalizar o espectáculo, a música tomou corpo con interpretacións do recente premio Nobel de Literatura Bob Dylan (“Blowin’ in the wind” e “Don’t think twice,…”), o rap -que volve con forza a este centro despois de anos de espera-, e unha panxoliña de Nadal que xa se está a converter nun clásico no noso centro educativo: “Nadal de Luintra”. Consultade a presentación do acto e ollade o video introdutorio.

Agradecemos a colaboración de toda a comunidade escolar neste día no que todos contribuímos a realizar unha obra tan coral. Non será a última, de seguro, mais agora convén felicitarnos pola extensísima participación deste ano. “Traballar en equipo divide o traballo e multiplica os resultados”. Grazas.

Semana Neira Vilas

O mes de novembro é ben significativo para Xosé Neira Vilas. Por este motivo, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, en colaboración con diferentes departamentos, organizáronse actividades na honra do escritor que dá nome ao noso centro.

  • Panel de homenaxe que recolle textos escritos polos membros da nosa comunidade educativa adicados á súa memoria.
  • Convocatoria dun concurso-exposición de retratos en colaboración co Departamento de Plástica e Educación Audiovisual, baixo o nome “O teu Balbino do século XXI”.
  • Así mesmo, o venres 25 todos os compoñentes do centro xuntáronse nun acto homenaxe onde participaron tamén Xosé Martínez Romero, psicólogo clínico e amigo persoal de Neira Vilas en Bos Aires, e o escritor e profesor ata o curso pasado no IESP, Xosé Carballude.
  • A continuación, Xosé Martínez Romero e Xosé Carballude tiveron unha charla co alumnado onde partillaron as súas vivencias xunto a Neira Vilas e onde se presentou unha entrevista que Xosé Carballude lle realizou ao escritor hai uns anos.

Audio da entrevista:

Imaxes:

Concedida subvención Concello de Oleiros

O Concello de Oleiros vén de conceder  unha subvención de 5572 € ao noso centro polos seguintes conceptos:

“Actividades didácticas e culturais (representacións teatrais, viaxes a entidades, museos e exposicións, concertos, actividades deportivas, viaxe cultural a Bruxelas, intercambio escolar con Collége Notre Dame le Ménimur-Bachibac 7 alumnos/as) para 278 alumnos-as, viaxe fin de etapa para 17 alumnos-as a Barcelona e 7 alumnos e alumnas de Bachibac”.

English Week

Un grupo de vinte e cinco alumnos de 2º ESO participou na English Week, actividade convocada pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia. A semana desenvolveuse entre os días 6 e 12 de novembro nos Peares.

Na primeira sesión das mañás os alumnos, divididos en pequenos grupos, tiñan clase de inglés. Despois dun descanso, dedicaban dúas horas a xogos nos que se practicaba o visto na primeira sesión e algunhas veces estaban relacionados con outras materias como Bioloxía e Ciencias Sociais. Neste caso os grupos eran máis numerosos.

Despois de comer traballaban nun proxecto para a súa presentación ao final da semana. Cada grupo recibía o nome dun país. O resto de cada xornada dedicábase a actividades deportivas, visitas á zona e eventos da noite.

Os alumnos gozaron moito nestas xornadas de inmersión. Ademais das actividades, gustoulles ter a posibilidade de coñecer a mozos doutros institutos e poder traballar con eles. Foi unha experiencia moi positiva.

Galería:

Instituto de Ensino Secundario Plurilingue Xosé Neira Vilas. Perillo (Oleiros)