Arquivo da categoría: Curso 2019-2020

Artigos do curso académico 2019-2020.

L’Europe en scène

Ven de arrancar, cunha estadía de docentes de 3 países (Francia, Portugal e España) en Sablé -sur-Sarthe,  o proxecto #ErasmusPlus            “L’Europe en scène…”

Nesta mobilidade planificáronse as actividades e desprazamentos que concernerán ao alumnado dos tres centros educativos implicados: lycée polyvalent Raphaël Elizé de Sablé-sur-Sarthe -próximo a Solesmes, Agrupamento de Escolas Damiäo de Goes (Alenquer) e IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas (Oleiros).

O proxecto -que implicará a creación e representación dunha obra de teatro en francés por parte do alumnado das tres nacionalidades en Sablé no ano 2021 (24 alumnas e alumnos, 8 por cada Estado concorrente), espera contar tamén co asesoramento da Houlala Compagnie e implicará o desprazamento de alumnado do noso centro educativo -coa finalidade de levar a termo o produto final- ao centro portugués e francés.

As mobilidades de alumnado comezarán en marzo de 2020 e darase cumprida información ás aulas e familias.

Converxencias Arte e Ciencia

O alumnado de Técnicas de Laboratorio de 1º Bacharelato visitou, o martes  21 de decembro, as instalacións do Centro Sociocultural Agora de A Coruña, para enriquecer a súa aprendizaxe na exposición Converxencias Arte e Ciencia organizada por IGACIENCIA e o Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña. Durante o transcurso da xornada o alumnado participou en diversas actividades:

  • Unha charla,  que analiza en profundidade o método compositivo e a cor en obras de estilo cubista, especialmente nas do pintor de Juan Gris.
  • Unha exposición de obras de arte de impresión 3D, deseñadas por Manuel Regueiro.
  • Unha serie de paneis informativos sobre elementos científicos e matemáticos presentes no noso patrimonio artístico: fractais, cúpulas xeodésicas, mosaicos, ilusións ópticas….
  • Un conxunto de obradoiros manipulativos, para implementar a parte expositiva manipulando mosaicos, simetrías, bandas de Mohebius, espirais de Fibonacci…

Todos estes elementos están elaborados coa finalidade de difundir a ciencia e da cultura científica na sociedade, para mostrar as sinerxias e vínculos entre a arte e a ciencia.

Visita ao campus de Ferrol

O alumnado de de 1º Bacharelato de Ciencias visitou, o venres 17 de xaneiro, con motivo do día da enxeñaría, o campus de Ferrol, pertencente á UDC. Durante o transcurso da xornada o alumnado puido realizar diversas actividades:
– Unha visita guiada á planta baixa do Exponav, adicada á Historia da Construcción Naval. Fixeron un percorrido polas diversas técnicas de construcción e os servicios mais esenciais dun buque.
– Una visita ás Escolas politécnica superior  de Esteiro (EPS) e a escola universitaria politécnica (EUP) de Serantes onde os estudiantes  visitaron os principais laboratorios, e se organizaron actividades co fin de mostrar o traballo que se leva a cabo nestes polos distintos grupos de investigación. Entre outros, puideron ver os laboratorios de enxeñaría eléctrica e electromécánica, observar un tanque de ensaios hidrodinámicos,  simulación de máquinas e vehículos, aplicacións do láser, robótica autónoma ou a automatización da “Lights Out Factory”.
A xornada completouse cunha comida no campus e un paseo polo casco vello da cidade.

Gravado e ambiente

Na derradeira semana do trimestre, o departamento de Xeografía e Historia organizou dúas saídas á cidade de A Coruña para visitar dous lugares emblemáticos: o Museo de Belas Artes e a Fundación ABANCA.

No Museo de Belas Artes, nunha visita xa habitual, o alumnado de 4º ESO aprendeu as técnicas do gravado e coñeceu de perto a obra de Goya como gravador.

Na Fundación ABANCA, o alumnado de 4º ESO coñeceu unha exposición baseada nunha serie de Netflix, “O noso planeta”, e participou nun obradoiro sobre comunicación para concienciar sobre os problemas do planeta no que vivimos hoxe en día.

Velaquí algunas fotos destas actividades.

Bodi-Box 2019

Coa colaboración do Concello de Oleiros, o alumnado de 1º ESO ten disfrutado ao longo deste mes de decembro dunha sesión de Bodi-Box na piscina de Perillo. Complétase así o ciclo de actividades deportivas para a ESO deste trimestre. Velaquí algúns momentos destas actividades.