Arquivo da categoría: Curso

DOAZÓN DE LIBROS EN FRANCÉS PARA A BIBLIOTECA

O pasado 16 de marzo a biblioteca do Instituto recibiu unha cuantiosa doazón de libros en francés, que se unen á sección nesta lingua, tan importante no centro. Os exemplares eran propiedade de Argentina Rivadulla Bao, coruñesa de nacemento, que viviu a maior parte da súa vida entre Francia e Dubai e que nos últimos anos foi veciña de Perillo. O seu gusto pola lectura levouna a posuír unha gran colección de libros en francés, cuxo destino debía ser, segundo a súa vontade, seguir alimentando a cultura, a imaxinación e a formación de novos lectores tras o seu pasamento, producido en abril de 2022. Cumprindo a promesa que lle fixeran, os seus herdeiros entregaron á biblioteca todos estes volumes, que se conservarán e disfrutarán en lembranza desta xenerosa veciña e da súa familia. Merci beaucoup!

UN DÍA EN GALICIA CON 2º ESO

O pase de diapositivas require JavaScript.

Os días 27, 29 e 30 de marzo o alumnado de 2º ESO disfrutou dunha saída promovida polo Departamento de Xeografía e Historia e organizada polo Concello de Oleiros en colaboración coa CEM. Desta volta tiveron a oportunidade de coñecer as Fragas do Eume a través dunha andaina pola súa natureza e o seu patrimonio, así como a vila de Pontedeume. Moitas grazas a todos/as pola vosa participación e interese!

Un día en Galicia con 3º ESO

Os días 21 e 22 de marzo o alumnado de 3º ESO visitou Santiago de Compostela no marco do programa “Un día en Galicia” do Concello de Oleiros. A actividade, promovida polo Departamento de Xeografía e Historia, contou coa guía de Marta e Ana e permitiu ao alumnado coñecer un pouco mellor a cidade compostelá, desde algunhas das súas zonas verdes e parques ata o casco vello, a catedral ou o Museo do Pobo Galego.

MOZAS E MOZOS REFERENTES

O pasado luns, día 13 de marzo, Alexia Boquete, Inés Salcines e Daniel Turiño estiveron co alumnado de 4º de ESO para amosarlles os camiños que transitaron ó longo da súa vida académica e profesional.
Todos eles, son colaboradores do proxecto Libolis que consiste en Charlas-Obradoiro para poñer en valor o esforzo e a traxectoria a seguir,  ata chegar a acadar unha meta profesional. Este proxecto desenvólvese grazas a colaboración do concello de Oleiros.

Un día en Galicia con 1º ESO

O pase de diapositivas require JavaScript.

Os días 14, 15 e 16 de marzo o alumnado de 1º ESO disfrutou dunha xornada de descubrimento e aprendizaxe no Castro de Viladonga e na cidade vella de Lugo grazas ao programa “Un día en Galicia” do Concello de Oleiros. A actividade, promovida polo Departamento de Xeografía e Historia, contou coa marabillosa labor de Marta, Ana e Fran, os/as monitores/as que sempre nos guían nestas saídas. Moitas grazas a elas e tamén ao Museo do Castro de Viladonga, polo seu caloroso recibimento!

Un reto da biblioteca polo 11 de Febreiro

A nosa biblioteca celebrou o Día da muller e da nena na ciencia o 11 de febreiro plantexándolle un reto ao alumnado. Tratábase de identificar diversos inventos e descubrimentos realizados por mulleres científicas ao longo da historia. A actividade completouse co mural no que se expuxeron esas aportacións ao longo de toda a semana e cunha exposición de libros STEM escritos por mulleres científicas. Seguimos traballando e avanzando cara á plena igualdade en todos os campos de coñecemento e en todos os ámbitos da vida.