Arquivo da categoría: Departamento de Lingua Castelá

ENTROIDO 2025

Despois dunha semana intensa en que os mandados do Meco aledaron o noso instituto, chegou, por fin!, o día da celebración do Entroido.

Comezamos cedo aprendendo todiño sobre o amoado, como transformalo en filloas e, sobre todo, devoramos máis de setecentas!

No recreo brincamos cos xogos e propostas que nos fixeron as persoas de terceiro da ESO e corremos moito para escapar dos Farrumecos de Xunqueira de Ambía. Pero non foi este o único entroido tradicional que recuperamos, non… No concurso de portas de entroido reproducíronse pantallas, cigarróns, peliqueiros e ata o Touro Xigante de Celavente.

O máis esperado do Entroido son sempre os testamentos e este ano non ía ser menos. Desde o alumnado de primeiro ata o de cuarto da ESO as coplas cheas de retranca voaron no patio para provocar unha boa morea de risas. Ata a profe de galego se animou cos testamentos! O peor disto é que agora temos que esperar outro ano polos seguintes. Aproveitade para ir afiando os lapis!

Rematamos a festa cun divertidísimo desfile de Piratullas, Farrumecos, xogadoras de fútbol, presentadoras de televisión, casamentos, Minions, artistas dos anos 20 do século XX, animais, cociñeiras e personaxes de debuxos, etc E non podemos esquecer o dificilísimo traballo que tivo o xurado para decidir porque todos os disfraces foron espectaculares!

E coa ansia de repetir… comezamos a conta cara atrás para o próximo entroido!

TEATRO “ARTE SEN GUIÓN”

No Día da Lingua Materna, 21 de febreiro, o alumnado de 1º de Bacharelato acudiu ao Auditorio Gabriel García Márquez, en Mera, para gozar dunha especulación improvisada feita pola compañía Galeatro.

O alumnado foi protagonista e encheron as partes incompletas dun estraño códice medieval que axudou a que as catro persoas comediantes puidesen representar os seus entremeses. A música, a improvisación e o oficio da escrita fixeron que esta posta en escena estivese arrodeada de risas porque a Idade Media tamén pode ser moi, moi, moi divertida!

SAMAÍN E MAGOSTO NO NEIRA VILAS

Despois dun mes de organización, planificación, probas e máis probas… chegou o Samaín!

Por unha parte, os grupos de terceiro da ESO coordinan a decoración do centro e preparan o Túnel do Terror, e, por outra, o Magosto e os Xogos Populares dos que gozaremos na festa despois do segundo tempo de lecer. Seguir lendo SAMAÍN E MAGOSTO NO NEIRA VILAS

Día do medio ambiente 2020

Con ocasión do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño), damos publicidade a unha serie de videos que teñen por obxecto entrevistar a profesorado e adultos en torno ao tema do cambio climático.

A realización destas entrevistas, por parte de alumnado de 4º ESO, foi supervisada no primeiro trimestre deste curso académico pola profesora de Lingua Castelá María Dans.

Léxico en corentena

O alumnado de 1º Bacharelato, baixo a supervisión da profesora Julia Fernández Seguín, está a realizar unha web sobre “léxico en cuarentena” para estes tempos de confinamento. Podedes consultar a ligazón en Google Sites.

Semana da Muller 2020

A Semana da Muller 2020 é momento de lembranza do papel das mulleres en diversos campos: na ciencia, na literatura, na economía, na vida… por parte de diversos departamentos e profesorado, ademáis da Biblioteca do centro escolar.

O alumnado de 2º ESO, ademáis, leu en grupo e criticamente a obra “La Cenicienta que no quería comer perdices” -obra que moderniza o conto de Cenicienta, en Valores Éticos. Isto servíu para traballar os estereotipos de xénero en torno ao machismo.

O bo, se breve…

O alumnado de 3º ESO visitou o 7 de febreiro a Biblioteca Rialeda e disfrutou coa presenza da escritora Maribel Andrés Llamero, que impartíu para eles un monográfico de micronarración.

A actividade consistíu na exposición de diferentes microcontos e microrrelatos, aos que o alumnado contribuíu a poñer títulos ou remates.

Encontro con Ana Alcolea

O martes 4 de febreiro, o alumnado de 1º e 3º ESO tiveron a oportunidade de escoitar a Ana Alcolea.

A escritora zaragozana é autora de “El secreto del colibrí dorado” e “El medallón perdido”, os dous libros que este alumnado xa lera no primeiro trimestre.

Foi un encontro moi agradable. Aprendemos sobre o importante que é a lectura, a curiosidade, as viaxes, o coñecemento doutras culturas, se é máis difícil comezar ou rematar un libro, e moitas outras cousas… Todo ambientado cos traballos e debuxos que alumnas e alumnos xa elaboraran no primeiro trimestre do curso académico, e cun tear, lás, algodóns e liño cos que quixemos viaxar ao mundo de “El secreto del colibrí dorado”. Agradecemos a Alberto Roca o empréstimo temporal destes materiais para esta actividade.